No pasado mes de decembro, Carmen Pazos escribía un excelente artigo baixo o título “Primeiro a Primaria”. Podería parecer que non é preciso escribir máis sobre este aspecto, o da Atención Primaria de Saúde (APS), que xa está moi manido e que ocupa demasiados titulares. Sen embargo, nada máis lonxe da realidade. A APS é o piar fundamental que debería cimentar todos e cada un dos sistemas sanitarios mundiais, por iso persiste a necesidade de continuar incesantemente destacando o seu rol, e de que a cidadanía sigamos advertindo e denunciando as graves consecuencias que o deterioro e menosprezo, ao que as e os xestores sanitarios e políticos someten a APS, están xerando na nosa sociedade.
Como aludía o artigo anteriormente citado, no 1978 promulgouse a Declaración de Alma Ata, no marco da I Conferencia Internacional sobre APS. Aquí, a Saúde foi asumida como un dereito humano do que TODAS as persoas somos titulares. O seu lema foi “Saúde para todos no ano 2000” e estaba destinado a servir de referencia para cambiar e mellorar a orientación dos sistemas de saúde en todo o mundo. A declaración contemplaba, entre outros, os seguintes principios: (i) Que o dereito á saúde require da acción colectiva e a súa garantía é responsabilidade dos gobernos, (ii) O papel fundamental da APS para a prevención, promoción, curación e rehabilitación., (iii) Alcanzar a saúde require dun esforzo coordenado de todos os sectores implicados e (iv) A necesidade de reducir as desigualdades en saúde dentro de cada país e entre países enriquecidos e empobrecidos.
Pasaron os anos e chegou o momento da Carta de Ottawa. En 1986 celebrábase a I Conferencia sobre Promoción da Saúde en Canadá. Esta vez establecéronse cinco puntos fundamentais para a Promoción da Saúde: (i) establecer políticas públicas saudables para lograr unha saúde universal, (ii) a creación de ambientes favorables medioambientais e sociais, (iii) reforzamento da acción comunitaria, dotando á cidadanía de habilidades para facilitar a participación, (iv) capacitación das persoas para o autocoidado e axuda mutua e (v) reorientación dos sistemas de saúde cara a comunidade. En resumo, a promoción da saúde consiste en proporcionar aos pobos os medios necesarios para mellorar a saúde e exercer un maior control sobre si mesma. E para isto, non só son necesarias formas de vida sas, senón que é obrigatorio asegurar condicións de paz, vivenda, educación, alimentos, renda, ecosistema estable, xustiza social e equidade.
Galicia, ano 2022, fágome a mesma pregunta que hai uns anos, pensades que estamos camiñando na dirección correcta para alcanzar estes compromisos? Eu, e logo de ter transitado persoal e profesionalmente por diferentes sistemas sanitarios do mundo, e de ser testemuña e vítima directa do incumprimento reiterado de todos e cada un dos anteriores principios, teño claro de que NON. Estamos moi lonxe diso e, de feito, camiñando na dirección totalmente contraria.
Cada día máis vilas e cidades sofren as consecuencias directas das estratexias implantadas nas últimas décadas que sitúan á saúde como un ben de consumo e non como un dereito cidadán
A contraofensiva lanzada ao pouco tempo das dúas Conferencias Internacionais, e liderada polas forzas neoliberais da época (Ronald Reagen en EEUU e Margaret Tatcher en UK), elaboraron e puxeron en práctica estratexias de signo contrario que negaban a atención comunitaria, o papel da Atención Primaria de Saúde como eixo do sistema e a promoción e participación social, co fin de retomar o marco médico bioloxicista (a corrente que nega os determinantes sociais da saúde) e individualista cun forte control profesional e centrado na medicina hospitalaria e no uso intensivo dos recursos tecnolóxicos. Unha orientación que prima a atención sanitaria de alta complexidade e elevado coste. Esta estratexia estaba orientada a abrir a porta do que hoxe xa é unha realidade: ás privatizacións dos servizos sanitarios e a trasladar á sanidade o modelo de mercado e de competencia, cuestionando o dereito á atención universal e á equidade nos servizos de saúde.
E, sen que a maioría nos decataramos, as decisións políticas internacionais e nacionais situáronnos no binomio conceptual da saúde: a saúde como un dereito cidadán, acompañado de servizos públicos sólidos e sen ánimo de lucro fronte á saúde como un ben de consumo ao que se ten acceso segundo a capacidade económica de cada un, o que aboca á desprotección das máis vulnerables e a gran desigualdade no acceso.
E que ten que ver todo isto coa realidade que vivimos na nosa contorna, na nosa comunidade, no noso país? Pois todo. Cada día, máis pobos, máis vilas e máis cidades tamén, sofren as consecuencias directas destas estratexias que sitúan á saúde como un ben de consumo e non como un dereito cidadán, implantadas nas últimas décadas.
Exemplos como o que se está a vivir en Centros de Saúde como o do concello de Rodeiro, na área sanitaria de Santiago de Compostela, que xa acumula máis de unha semana sen ningún facultativo de Atención Primaria, non son froito do azar, ou froito da “falta de médicos de familia en toda España” que argumentan a Xerencia de Área Sanitaria e asumen as corporacións municipais, sen o máis mínimo cuestionamento. Uns, unhas, outros e outras poden botarlle a culpa ao cha cha chá, pero todo é unicamente resultado das decisións políticas (a todos os niveis) de desmantelamento dos servizos públicos, do abandono das máis vulnerables (neste caso as persoas do rural, maiores, na súa maioría) e da instauración de políticas públicas que consolidan a mercantilización da saúde e o non cumprimento dos mandatos internacionais de “a saúde como un dereito do que todas as persoas somos titulares”.