O BNG apenas elabora teoría propositiva que alimente a súa práctica política. A consecuencia é un abuso da retórica ampulosa e dos clixés doutrinarios durante decenios. E produciu erros fundamentais, que convén estudar e coñecer. Aquí analízanse algúns.
O BNG apenas elabora teoría propositiva que alimente a súa práctica política. A consecuencia é un abuso da retórica ampulosa e dos clixés doutrinarios durante decenios. E produciu erros fundamentais, que convén estudar e coñecer
O tren de alta velocidade
En xaneiro do 2000 o presidente do goberno español, José María Aznar, presentou o Plan de Infraestruturas. Todas as capitais de provincia haberían de estar a menos de catro horas e media de Madrid en sete anos e a rede de camiños de ferro veloces comezaría tamén a construírse. O comboio habería de estenderse a toda a cornixa cantábrica aproveitando a liña do AVE Madrid – Valladolid. O goberno español concibe un plan radial, como sempre, no que a metrópole central, símbolo da nación española, será quilómetro cero. O obxectivo, un dos principais, é cinguir o territorio a ese núcleo, que aspirará o territorio.
En 2003 Pasqual Maragall propón para Cataluña unha eurorrexión de dezasete millóns de habitantes, un proxecto global de territorio, di, baseado en boa parte nun compromiso de infraestruturas, que permita debuxar un país equilibrado e en harmonía cos seus veciños. Tendo como centro Barcelona, constituír a terceira rexión europea. Choca co plan aznariano, destinado a converter Madrid na cidade de mando hexemónico na península. Maragall fala do corredor mediterráneo, desde a Andalucía oriental a Valencia, Barcelona e Francia; sería o segundo de Europa detrás do que une Londres con Milán. Aznar propuña pasar o tren desde Andalucía a Europa por Madrid.
As forzas políticas galegas demandan namentres que a construción do radio ferroviario Madrid-Galicia sexa tan rápido como os demais. Interpretan que os retrasos na construción do AVE (Alta Velocidade Española) é indicio de comunidade marxinada. A miopía non pode ser maior
Non toca aquí seguir falando diso, só dicir tres cousas máis. Unha, que o substituto de Jordi Pujol na presidencia da Generalitat propón publicamente unha península con infraestruturas en malla, non radiais. Dúas, acusa ao seu antecesor de non ter plan ningún de infraestruturas. Tres, era un intelixentísimo provocador e dispáralles aos nacionalistas dicindo que ter un grande aeroporto internacional é máis importante que chamarse nación. Última: comprende perfectamente que Aznar busca a hexemonía de Madrid por aspiración. Si, como unha aspiradora.
As forzas políticas galegas demandan namentres que a construción do radio ferroviario Madrid-Galicia sexa tan rápido como os demais. Interpretan que os retrasos na construción do AVE (Alta Velocidade Española) é indicio de comunidade marxinada. A miopía non pode ser maior, o ermo da política galega, tan escasa de ideas naquelas datas como agora, converteu o AVE nun comodín que escorrentou o horror vacui durante estes dous decenios. Os parlamentarios, os xornais, as televisións, non falaban nin falan de cousa máis importante. Debátense os contratos, os tramos, os prazos, as obras, os túneles, as pontes, as empresas. O Bloque apreciou que ser vangarda era liderar esa reivindicación. Revisan as partidas para a construción, fan presión para acelerar o remate da obra. A falsa crenza nos beneficios dese trazado prolongouse até a actualidade. É un disparate político, entendido como preferencia galega de infraestruturas porque é un aspirador de recursos, de poboación, a grande plataforma para converter Galicia na nova sierra madrileña.
O BNG tamén demandaba unha rede galega de camiños de ferro, fundamental para o desenvolvemento e a cohesión da Galicia e iso é unha virtude que cómpre reseñar. No primeiro decenio do milenio os parlamentarios do Bloque en Madrid declaraban a necesidade de desenvolver as dúas infraestruturas.
Pero o problema creado non terá arranxo por varios decenios, é un erro estratéxico de primeira magnitude que pagaremos moi caro. O nacionalismo español quere converter Madrid en megalópole imbatíbel, aproximala aos vinte millóns de habitantes, e necesita nutrila nos territorios distantes, como no seu día fixo coas cidades e vilas da vella Castilla máis próxima.
En Galicia non se aprendeu nada da posición catalá. Nin no primeiro decenio deste século nin no segundo. Germà Bell publicou en 2010 “España Capital París”, onde se explica de que vai todo este asunto dos radios e das mallas, sen que tampouco se acusase recibo.
Cataluña asumiu colectivamente o plan de Maragall e o Corredor mediterráneo converteuse para eles en obxectivo, pasando por Valencia naturalmente, non por Madrid. Os deputados galegos seguían a defender o tren radial a Galicia cando Artur Mas, xa presidente catalán, antigo aliado do Bloque, declara en 2012 que “ hai diñeiro para o AVE galego, pero non para Cataluña”. Durán i Lleida, o seu home en Madrid, condiciona o apoio aos orzamentos do Estado dese ano a que parte dos cartos destinados ao Ave a Galicia, sexan para Cataluña.
Son os anos do destape económico catalán. En 2011 Anna Simó, dirixente de ERC, afirmaba que “Espanya ens roba”, copiando o lema “Roma ladroa” da Liga Norte, partido de extrema dereita e Durán i Lleida criticaba, tamén nesa data, que outras rexións reciben o PER “por ir ao bar”. Estas denuncias convertían en sinónimos os termos pobre e vago. O independentismo acendía os motores, pero o agravio económico, núcleo esencial do independentismo, pasa despois a segundo plano porque ninguén simpatizaría con esa demanda fora do Principado.
O primeiro ministro portugués actual, o presidente de Cantabria e o de Valencia advirten do efecto aspiradora de Madrid. A intención de converter os territorios máis distantes en periferia da grande metrópole. E propoñen redes diferentes
O estado portugués detectou algo tarde a extraordinaria profundidade do plan aznariano. Suspenderon as obras da alta velocidade acordadas co goberno español despois da quebra do casino neoliberal de 2008. O trazado principal cara Europa era Lisboa Madrid en dúas horas corenta e cinco minutos. As causas das suspensión eran económicas pero tamén estratéxicas. Daquela Xosé Blanco, ministro de fomento do PSOE, subiu o ton e dixo que os portugueses saberían o que facían, pero que o tren desde Madrid chegaría igual deica a fronteira, ás portas de Elvas, algo que loxicamente non aconteceu.
O primeiro ministro portugués actual, o presidente de Cantabria e o de Valencia advirten do efecto aspiradora de Madrid. A intención de converter os territorios máis distantes en periferia da grande metrópole. E propoñen redes diferentes. A reformulación que fai António Costa interésalle moito a Galicia. Ademais parece que por fin o BNG abandona a vella reivindicación radial e que por primeira vez está ao tanto. É unha boa noticia.
O presidente de Cantabria é consciente do efecto succionador central e propón vincular o porto de Santander co de Bilbao; conectar Santander con Burdeos tamén por Bilbao e por Zaragoza con Barcelona e Toulouse, sen esquecer, por suposto, o enlace con Madrid. Madrid é un centro importante que debe ser enlazado, só que non como cerne, non como principio e fin.
As evocacións patrióticas
O Bloque asociou o retraso do AVE co do ferrocarril histórico. Os mapas de estradas e camiños de ferro da Península ibérica dos séculos XIX e XX ensinan que Galicia vai sempre demorada nos renovados proxectos radiais. Pero proxectar ese desaxuste sobre as necesidades actuais é un erro extraordinario. Pesou máis a vella demanda galeguista do tren a Galicia, concretada no poema de Curros Enriquez “Na chegada a Ourense da primeira locomotora” que calquera outra consideración de tipo técnico, documentación de especialistas ou estudos ad hoc.
O recurso emocional consistente en buscar nos vellos galeguistas solucións para toda caste de problemas actuais produce erros
O recurso emocional consistente en buscar nos vellos galeguistas solucións para toda caste de problemas actuais produce erros. Nin os nacionalistas vascos nin os cataláns nin ninguén serio en ningures substitúe a análise da realidade por evocacións patrióticas e citas de clásicos a estas alturas. Iso provoca unha ausencia do presente, do debate e do conflito.
Na moción de censura de Vox, Néstor Rego citou clásicos galeguistas e reduciu a practicamente nada o escaso tempo que tiña para analizar a situación. Afirmou o antifascismo da organización (indiscutíbel, vai no ADN) e despois errou no diagnóstico político. Considerou a falta de representación institucional do neofascismo en Galicia como unha virtude resistente dos galegos, cando somentes é unha consecuencia da hexemonía do PP, que impide, de momento, a entrada de Vox no Parlamento galego e nos concellos. Un suave declive do PPG abriralles as portas. Cando goberne o Bloque, se goberna, a extrema dereita terá representación, o cal non é un asunto menor. Podemos recoñecernos como relativamente temperados cando agroma o monstro, pero sen poderes máxicos, ao cabo Franco e Millán Astray criáronse aquí, así que as grandes proclamas dese tipo teñen pouco valor, son grandilocuencia, romanticismo.
O deputado citou a continuación a Castelao, (o treito de “sodes uns imperialistas fracasados”, porque intentaron acabar coa lingua e a cultura e non puideron). Amor a Castelao todo, pero neste asunto trabucouse. A escola pública, española e en español por suposto, chegou tarde e se chegase antes, pois pasaría como en Bretaña, Alsacia ou Provenza, Galicia sería un ermo da súa propia lingua. Repetir constantemente implica deixar de construír e por tanto confundirse. Hai que aceptar só a verdade. Converter os criterios dos clásicos en autorizacións é doutrinarismo estéril.
Mahler exprésao doutro xeito, fermosamente : “Tradición é manter viva a chama, non adorar as cinzas"
O grande historiador Edward Gibbon detecta que antes dos inicios do Renacemento, o estudo das letras antigas retrasou o desenvolvemento intelectual dos pobos de Occidente, en troca de activalo. Máis que buscar nelas enerxía, inspiración, buscábanse uns modelos. Na época de Bocaccio e aínda con Rabelais, a erudición, a cita, a obsesiva autorización intelectual buscada nos clásicos, pesaba sobre as intelixencias e lonxe de axudar a liberalas, afogábaas. Isto, tan importante, importantísimo, analízao André Gide e tamén lle da a razón a Gibbon. A autoridade dos antigos meteu a cultura nun atasco, atoouna.
Mahler exprésao doutro xeito, fermosamente : “Tradición é manter viva a chama, non adorar as cinzas” e Jean Chevalier escribe de xeito esencial no seu Dicionario de Símbolos que “se deben conxugar os esforzos para mobilizar a enerxía que os símbolos gardan condensados”. Adorar as cinzas remite á morte, carece de enerxía, é arroubo tradicionalista e melancolía. O pasado non nos ensina todo o que necesitamos. Estar atrapados polos mitos románticos é atraso. Walter Gropius di que o novo é inquietante, irritante e até doloroso. Tampouco é unha reflexión menor. É interesante observar que tamén en Cataluña, nestes momentos de relativo repregue, certos sectores, con maior substrato tradicionalista postulan formas de ausencia, arroubo melancólico, como levar para Girona a capital da nación, é dicir, retirala de Barcelona, un espazo cosmopolita, conflitivo, doloroso e relativamente incerto.
O Cupo Galego
Non abonda o desexo de aumentar o poder para Galicia se o custo é perder riqueza, empobrecerse. Tampouco serve antepoñer esa competencia a premisas que non se están a cumprir, como por exemplo a radicación en Galicia das empresas que cotizan en Madrid e xeran o seu beneficio en Galicia
As propostas políticas sen análises técnicas provocan graves fracasos, como o do Ave Madrid Galicia. Desde o BNG demándase neste momento unha facenda galega recadadora, que lle pague á administración central os servizos que presta en Galicia. Como o cupo vasco e o concerto navarro. Todo o que aumente o poder de Galicia e axude a vivir mellor é desexábel, así que igual é unha boa idea. Esa fórmula seraa se cumpre esas dúas premisas e talvez requira algunha máis. Euskadi é un país rico de Europa, alí dan as contas. Non teño nin a máis mínima idea de se dan en Galicia. Cómpre un amplo aval científico, é imprescindíbel. Non abonda o desexo de aumentar o poder para Galicia se o custo é perder riqueza, empobrecerse. Tampouco serve antepoñer esa competencia a premisas que non se están a cumprir, como por exemplo a radicación en Galicia das empresas que cotizan en Madrid e xeran o seu beneficio en Galicia. Porque iso é un xeito máis de idealizar e ausentarse da realidade, evocar o que pode ser e non é.