Impresións electorais. A nova presenza do BNG (IV). O poder no BNG

Femme devant le soleil. 1950 © Joan Miró

É importante coñecer o peso das principais organizacións políticas galegas. O PPdeG é o primeiro partido e conta, grosso modo, con cen mil afiliados. Desde a esquerda adúcese que a cifra non vale porque unha grande parte non cotiza. Cómpre no entanto incluír esas persoas no haber organizativo, pois nun partido clientelista como o PP conforman un segmento importante de permeabilización, a medio camiño entre os simpatizantes que non teñen relación orgánica e os afiliados activos.

Os brazos que se abren a partir do núcleo organizativo son moi vigorosos: goberno da Xunta de Galicia, a maioría dos concellos medianos e pequenos, organismos cidadáns de base, fortes soldaduras coas actividades empresariais e financeiras, ademais do compromiso natural coas clases poderosas.

O PSdG PSOE anda nos dez mil membros, goberna tres deputacións, cinco grandes concellos, proxéctase nos dous sindicatos estatais de clase, tamén no mundo empresarial e posúe o cómodo usufruto da actividade estatal do partido. A administración central prolóngase no territorio galego, pero trátase sobre todo dun capital simbólico, que se converteu no principal sostén da organización galega. Ser partido de estado crea unha corrente de apoio popular moi firme, practicamente incondicional, que libra ao colectivo galego do derrubamento en cada unha das crises internas, frecuentes ao longo do período democrático iniciado en 1978.

Desculpen que non cuantifique o peso das Mareas, para non chorar coa risa nin gargallar cos choros. Aparentemente só permanece a cara de cemento armado do deputado pola Coruña no Congreso dos Deputados. Comprometérase a dimitir nas eleccións autonómicas e en troca vai publicando no Facebook exordios e filigranadas sobre a misión que lle encomendaron os electores.

O BNG ten cinco ou seis mil afiliados, goberna un concello grande, é socio minoritario noutros e en tres deputacións. Domina varias estruturas e organismos, dos cales a CIG, cuns sesenta mil afiliados, un dos tres principais sindicatos de clase de Galicia, é o maior valor. Outros colectivos teñen unha incidencia máis modesta, trátase de fundacións culturais, asociacións e organismos diversos que conforman o sistema planetario nacionalista UPG - BNG. O Sindicato Labrego Galego, moi importante, saíuse da órbita. Editan ademais o xornal Nós, con dous mil subscritores en papel e mil en dixital. Nós é un híbrido de diario de información xeneralista e de “house organ”.

Todos os datos mencionados son apenas aproximativos.

O Bloque é a terceira forza, moi distanciada do PSOE, debido sobre todo á firme base de votantes socialistas, mentres que a flutuación electoral do BNG, vista con perspectiva de decenios, mostra moita inestabilidade, movéndose entre o adiantamento ao PSOE nun par de eleccións autonómicas e os lindes da marxinalidade noutras. Moitos cidadáns de esquerda e galeguistas ou nacionalistas, aproxímanse por momentos, pero manteñen grandes reservas a respecto do propio BNG e viven con desapego as crises e os espectáculos que provoca. A aproximación política a esa bolsa de votantes sempre foi complexa para o Bloque. Cando os suma coroa o seu teito electoral coñecido de momento; o resto dos cidadáns non aparecen nos radares.

Ambas organizacións, PSOE e Bloque sitúanse a unha enorme distancia do Partido Popular, imbatíbel até agora. A súa hipotética derrota nunhas próximas eleccións autonómicas apenas esbozaría, no mellor dos casos, un lento declive do PP, pero non a perda da hexemonía e iso contando con que o novo goberno fose eficiente e conseguise un arroupe cidadán e social amplísimo, que tampouco é unha miudeza.
 

O poder da UPG

O Bloque é unha fronte política na que conviviron e conviven diversas organizacións políticas. A UPG foi sempre dominante. Posúe desde o final do franquismo o control da constelación nacionalista, retén a maioría dos resortes orgánicos do poder interno, concibe e articula a estratexia do Bloque, debuxa os seus límites tácticos, as posibilidades de pactar ou non pactar, o tipo de mobilizacións, as alianzas electorais e gobernamentais, consegue a preponderancia doutrinaria e acuña tamén a linguaxe política da marca, que non é un asunto menor. Iso non obsta para que estableza pactos internos moi importantes. Así o fixo sobre todo até hai un decenio, antes da ruptura de Amio. Agora domina practicamente en solitario, sen contrapesos. É un partido nacionalista e comunista de vangarda e conta cuns cincocentos ou seiscentos militantes. 

A vocación do partido de vangarda é dirixir a organización de masas, chamémoslle así. Porque se é de vangarda non pode ser doutro xeito. Os proxectos de expansión do Bloque tamén se conciben dentro da UPG, xorden case sempre nos momentos de máxima alarma, cando a marxinalidade da fronte política se fai inminente. É cando buscan aliados, transforman o discurso público, en moitos casos con audacia e para que a expansión se produza, negocian con socios novos ou antigos amplas cotas de poder e mesmo ceden o liderado público do BNG. 

E sempre remata mal. Despois dun ascenso xeralmente importante, a convivencia desemboca en enfrontamentos tremendos e rupturas consecuentes, que se cumpren como unha lei cíclica e que distancian os nacionalistas do poder autonómico e moito máis aínda de asomarse ao predominio social. Calquera galego ou galega politizado sabe que isto é sempre así, que a unha expansión lle sucede unha escisión, unha ruptura, un grave desatino. 

No Bloque decídese por maioría, a través dun mecanismo democrático homologado, iso non merece discusión, coas imperfeccións que sexan, e ademais ninguén está obrigado a militar nel, desculpen esta marfallada. Quen colle o carné, se non é aínda un rapaciño, asume que esa predominancia da UPG máis que estar, é, que a configuración do Bloque é esa, é así, é esa a súa natureza e que iso pode ter discusión pero non conclusión. 

Non se trata pois dun problema de formalidade democrática, senón da invalidez da fórmula política, porque é antiga e non funciona, porque está atrasada e non serve. É unha fórmula política do atraso.

A UPG aséntanse en prácticas que non se acompasan coa mentalidade dos cidadáns contemporáneos e o Bloque en consecuencia tampouco. Esas prácticas forxáronse nos anos setenta, cando os partidos comunistas, os que se consideraban aínda a si mesmos como vangarda do proletariado, ou das clases populares, inspiraron á UPG e mantiñan unha grande vixencia. E nas frontes de liberación nacional do Terceiro Mundo, a outra fonte nutricia. Tales concepcións políticas, tan importantes naquelas décadas, desapareceron en todas as partes, menos aquí. 

A onda de movementos de esquerda en América Latina, nos anos noventa, con Lula, Chávez, Correa e outros, asentouse sobre unhas bases que xa non eran as dos anos setenta. En Europa apenas fica nada tampouco que nos lembre aquilo. As organizacións de esquerda, tamén as nacionalistas, evolucionaron, parécense entre si e logran obxectivos cando se acompasan coa realidade na que se insiren. É pois un problema de anacronismo ideolóxico e organizativo, que causa enormes distorsións e condena o nacionalismo galego a papeis políticos subalternos. É unha fórmula política atrasada. Isto pode soarlle estraño a moitos, porque nestes momentos está en marcha un novo ciclo expansivo, con Ana Pontón e un fresco e esperanzado discurso. Volverei a iso máis adiante

Hai que engadir un sentimento tráxico que impregna o movemento. Quero poñerlles un exemplo. No recente debate no Congreso, que se centrou no papel do español como lingua vehicular do Estado, o representante do BNG volveu ler desde a tribuna, por segunda vez en menos dun mes, o tramo de Afonso Castelao relativo ao fracaso dos imperialistas en Galicia (“sodes uns imperialistas fracasados”). Despois continuou falando en galego coa intención de que lle retiraran a palabra. 

No Bloque conviven prácticas como esa con outras pragmáticas. Mentres a líder autonómica traballa para ser alternativa de goberno, obrando de xeito idéntico a calquera outro partido parlamentario, o representante en Madrid abandona o realismo e homológase coa CUP, que fixo o mesmo ese día. Nos programas do Bloque solápanse e conviven propostas maximalistas e con outras posibilistas, perfectamente incompatíbeis, e así acontece tamén na práctica. 

Pero ao situarse no emocional, cunha posta en escena vitimista, de lingua prohibida, evidencia de represión, imposición do silencio, abandono obrigado do estrado, resulta difícil tusirlle (a este ou a calquera protagonista que proceda de xeito semellante en calquera campo da vida) sen ser visto como un frouxo que relativiza os principios. En realidade está obrigando moralmente a defendelo, ante o abuso que sofre. O empobrecemento político, a inutilidade xestual, pasa a un segundo plano. 

O sentimento tráxico fai lembrar algunhas das “Mitoloxías” de Roland Barthes, especialmente a titulada “O mundo do catch”. Hai paralelismos na forma de sentir e só na forma de sentir, pois o espectáculo case vil do catch e a honestidade das persoas ás que aquí me refiro son obviamente antagónicos. 

A virtude do catch consiste en ser un espectáculo excesivo, di Barthes, unha emoción sen repregue. O loitador realiza os xestos que se esperan del, xestos excesivos, explotados até o paroxismo. Se un home cae loitando no judo, trata de non permanecer en terra, evita a derrota e se é evidente o seu fracaso abandona inmediatamente o tatami. No catch fica no solo, esaxeradamente, enche a vista dos espectadores até o extremo, co espectáculo intolerábel da súa impotencia. É unha mecánica moral. Lonxe de disimular a derrota, acentúaa e sostena. Un grande espectáculo de dor, de derrota da xustiza, igual que subir a un estrado, recitar un texto esencial e dispoñerse para unha conclusión simbólica, sacrificial, sen negarse. É moi probábel que Barthes se inspire para este texto nos primeiros ensaios de Rafael Cansinos-Asséns, igualmente interesantes para os nosos casos, aínda que agora non procede. 

 

A xerarquía

Francisco Rodríguez é o líder da UPG desde hai corenta anos, un predominio interno que non se alterou en catro décadas. A UPG é un dos poucos partidos relevantes, quizás o único, que non cambiou o seu dirixente principal en catro décadas. 

Para comprender o movemento nacionalista galego é necesario analizar minimamente o seu papel. Rodríguez posuíu neste tempo un carisma que lle procurou o seguimento político e afectivo dos militantes do partido, unha lealdade que sobarda o analítico e incorpora unha adhesión sentimental moi intensa dos militantes. É un líder reverenciado, en sentido estrito, tamén por outros dirixentes achegados á UPG pero sen carné. Fides et Devotio. Esa reverencia interna é inversamente proporcional á antipatía e hostilidade que provoca en amplos sectores externos, entre as xentes da esquerda, inclusive nunha parte do BNG que o consideran un integrista, autoritario, profundamente sectario. 

Rodríguez é a última instancia. Ten, de facto, a última palabra dentro do BNG e nas demais organizacións. Esa última palabra acúsase especialmente nos momentos máis complexos e posúe o peso determinante á hora de dirimir as grandes crises. No período final do liderado de Beiras, cando se enfrontaron, dicíase que chegaron case ás mans, tal como explica Xosé Ramón Quintana Garrido en Un Longo e Tortuoso Camiño, o grande libro de análise sobre a historia do BNG. Nada indica que ese papel tan destacado se teña interrompido co ascenso de Ana Pontón. Tampouco hai indicios de que o relevo xeracional afectase a escala xerárquica. 

Rodríguez escribe unha columna semanal no diario Nós. Os espellos de príncipes definíanse na Idade Media como manuais de instrucións, ensinanzas históricas, ficcións narrativas con función moralizadora ou doutrinal e consellos para o comportamento público, destinados daquela a un suxeito particular, que era o Príncipe. Pois máis ou menos iso, para militantes e lectores iniciados, sen ser un espello de príncipes, loxicamente. Destinado tamén a axustar criterios. Frear agora o impulso independentista que se estendeu polas bases, mimético do procés catalán, metelo na neveira e facer así practicábel o pragmatismo opositor no Parlamento Galego. Gardar no conxelador o discurso hostil contra a Unión Europea, para non montar un curtocircuíto de moito carallo cos fondos europeos de reactivación económica. 

Esas columnas sorprenden pola escasa bagaxe, polo modesto “background”. Perdoen o anglicismo pero é a palabra precisa, o que mal se podería chamar substancia, fondo de armario, antecedentes quizás. Non se trata de considerar o “background” que o autor poida posuír, e que ignoro, senón o que aplica e proxecta. Son escritos de pouca amplitude, dentro dos marcos étnico-culturais e historicistas, cunha minguada a teorías universais de calquera tipo. X. R. Quintana fai referencia en algures, non sei en que lugar da obra, á fobia ou desconfianza, non lembro como pon, que produce na organización todo o que soe a teoricismo, considerado desmobilizador. 

Subliñar que a UPG ten tamén un funcionamento democrático homologábel. Na organización entra quen o demanda e resulta admitido e abandona o que lle peta ou é expulsado. A expulsión foi unha mítica rutina nalgúns períodos. 

 

Non ser vangarda de nada

Nos partidos de vangarda, os seus membros asúmense a si mesmos como vangarda e como tal exercen. Sendo isto así, arróganse inevitabelmente superioridade, maiores calidades, en compromiso, en iniciativa, visión política, comprensión da sociedade, de Galicia e do mundo. Pero resulta que en corenta e cinco anos a vangarda a UPG non foi capaz de arrincar o Bloque da posición minoritaria, nin de albiscar sequera no horizonte o predominio social. Ese sentimento de superioridade conduciu sempre ao mesmo desenlace: a ruptura. Ese é o balanzo. E mentres estean imbuídos da súa condición de selectos, será imposíbel nada que implique hexemonía social, porque iso non funciona así nunca. 

Eles aducen que son a columna vertebral do movemento nacionalista e que este se mantén en pé grazas a iso. Que senón isto sería un ermo. Tendo en conta que en todos os demais lugares do mundo foron resolvendo a vida sen necesidade de partidos de vangarda, pódese pensar razoabelmente que iso non é verdade, que con esa estratexia obturaron as potenciais emerxencias (comezando pola deles mesmos, transformados) as que se produciron en tantas partes, cambiando cos tempos e sintonizando coa mentalidade dos cidadáns contemporáneos. 

Son hexemónicos no BNG porque responden ao que os esquerdistas latinoamericanos denominaban “ partido formiga”, de traballo incansábel, firme disciplina e obediencia consagrada e todo iso é incuestionábel, pero de superioridade, nada.

Nunha entrevista recente preguntáronlle a Ana Pontón que dirixentes políticos admiraba. Respondeu que a Mònica Oltra, vicepresidenta da Generalitat valenciana, e a Xosé Mújica, expresidente da República do Uruguay. Non coñezo ben a traxectoria da primeira, pero admiro moito o segundo, especialmente. Polo que todos sabemos del, que é extraordinario, pero tamén por ter transformado previamente a súa organización, os Tupamaros, xunto con outros dirixentes, como o líder Raúl Sendic. Un cambio imprescindíbel para que o Frente Amplio, onde conviven diversos partidos, se convertese en hexemónico e que o Uruguay comezase a senda esperanzada pola que aínda camiña. 

Sendic declaraba en 1988: “Non estabamos sos, senón que un grande sector popular nos deu alento naquela década do 60, tan convulsionada... A nosa iniciativa de dar un paso adiante nas loitas sociais foi despois de tipo militar, desde o momento en que os militares atacaron as manifestacións populares con grande saldo de mortos (...) Seguimos adiante (1988) no entanto, coa nosa proposta política, sabendo que non somos donos da verdade. Non nos consideramos vangarda de nada, senón un dos elementos que contribuirán a levar adiante a loita do pobo uruguaio. Temos que contemplar a mentalidade dun pobo que conserva unha serie de tradicións pacíficas e que nós tratamos de contemplar na nosa etapa anterior, cando facíamos aquela famosa guerrilla de luva branca, buscando a menor violencia posíbel”.
 

Bibliografía

  • Mythologies. Roland Barthes. 
  • Un longo e tortuoso camiño. Adaptación, crise e cambio no BNG. 1971-2009. Xosé Ramón Quintana. Galaxia Ed. 
  • "Mantener la antorcha encendida”. Entrevista a Raúl Sendic. Jorge Barreiro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.