Orzamentos públicos e necesidades de país

Unha boa política orzamentaria é aquela que utiliza os orzamentos como estabilizadores Dominio Público

Unha boa política orzamentaria é aquela que utiliza os orzamentos como estabilizadores para o que resulta necesario ter en conta a natureza do ciclo que atravesa a economía sobre a que se quere actuar. Si está nunha fase expansiva os orzamentos deben ser recesivos para que a economía non se quente demasiado e se disparen variables macroeconómicas claves como, por caso, a inflación. Si polo contrario se trata dunha fase recesiva os orzamentos deben ser expansivos para compensar a debllidade do sector privado e evitar unha depresión económica que dispare o desemprego. Velaí que os orzamentos públicos deban ser, practicamente sempre, anticíclicos como corresponde ao citado papel estabilizador da economía.

A economía galega mingua ano a ano. O PIB do ano 2024, en termos reais, equivaleu ao 87,2% do 2009, o nivel de vida (PIB/per capita), neses mesmos anos, tamén minguou en termos reais (89,4%). A poboación activa tamén diminuíu (45.000 activos menos) e aínda que o número de empregos medrou (14.500) foi un incremento cativo e en base a precariedade (o salario medio real en 2024 era en Galicia o terceiro mais baixo de España tendo experimentado unha brutal caída en termos reais nese tempo: -34,5%). A produtividade baixou sete (7) puntos (49,4 a 42,5), o que confirma o carácter minguante e precario da economía galega.

Un marco macroeconómico que se ampliamos as principais variables nos reflicte unha demanda interna na que, en termo reais, o investimento privado non levanta cabeza (o de 2023 foi o 60,3% do de 2009: Galicia segue inmersa no que se coñece como “trampa da liquidez”) mostrando así unha das grandes debilidades da economía galega e das razóns de que esta mingüe ano a ano. A lóxica económica é o sentido común nos dirían que diante deste comportamento do investimento privado o goberno galego de quenda debería aprobar un forte impulso do investimento público (“o gasto público turra do gasto privado”) en proporción a variación negativa, pero en sentido contrario, do investimento privado: en Galicia o tecido empresarial está formado maioritariamente por empresas de tamaño pequeno e medio polo que o incremento do investimento público (gasto) incrementaría as ventas (ingresos) de estas sociedades estimulando o investimento privado (gasto) e favorecendo así a creación de emprego e o crecemento económico. Pero non é esa a opción deste goberno galego, quen logo dun brutal recorte no investimento público (2010-2019) incrementou o gasto (2022, 2023) pero sen que de ningures recuperara, en termos reais, os valores previos a crise bancaria (descontando a inflación, o investimento público para 2026 equivale ao 70,2% do de 2009) nin que, xa que logo, compense a caída do investimento privado. Si cae o investimento público e con el o investimento privado é imposible que a economía recupere unha senda solida de crecemento económico e de creación de emprego.

En fases como esta (que tecnicamente, como sinalaba antes, se coñecen como de “unha trampa de liquidez”, unha abundancia de liquidez nos mercados tal que o aforro supera claramente ao investimento: en Galicia o aforro de familias e empresas está acadando en 2025 valores máximos), as débedas públicas lle ofrecen unha saída a esa falta de liquidez e, sen provocar, por caso, que suban os tipos de xuro e se dispare a sacrosanta inflación, favorecen a recuperación económica. Nestas condicións un incremento en termos absolutos da carga da débeda non sería un problema pois favorecería a recuperación económica sen que se dispare o peso da débeda, xa que ese se míde en proporción ao PIB.

Pero a Xunta de Galicia non utiliza a débeda pública como debera -tan importante como a orixe da débeda é como e en que se emprega-: os ingresos por débeda (VIII Pasivos financeiros) nin siquera cobren os gastos por débeda (III Gastos financeiros + IX Pasivos financeiros): 98%, o que implica que teñen que detraerse recursos doutras partidas de ingresos para pagalos servizos da débeda (xuros+amortizacións). Débeda que, por outra parte, nun 54% é co banca privada (española e estranxeira) quen así está facendo un negocio redondo a conta dos cidadáns galegos e grazas a este goberno galego de quenda (PPdeG). Un goberno que en vez de buscar incrementalos ingresos tributarios (IRPF, Patrimonio, Sucesións...) presume de baixalos e que en vez de empregalos ingresos por débeda en fomento do emprego e mellora dos servizos de benestar faino en pagala débeda que por ese dobre sistema non deixa de medrar (un 115,7% en termos reais) para gloria e beneficio da banca privada (https://praza.gal/opinion/as-sombras-da-debeda-publica-galega).

En relación ao gasto público social compre subliñar que este en Galicia, por mor de aplicar políticas de axuste fiscal, permanece nos últimos anos (2017-2024), en termos reais (descontando a inflación), practicamente estancado (+1%) o que leva a que ademais de estar claramente por baixo da media española, Galicia se manteña, neste gasto público, no furgón de cola entre as comunidades autónomas. Situación que non se modifica cos orzamentos do 2026 con un incremento en termos nominais, sen descontar a inflación futura, de +1,03%. Por si estes datos non foran suficientes para deixar ao descuberto o déficit en gasto social público en Galicia, engádase a preferencia da Xunta de Galicia pola concertación con entidades privadas o que ademais de carrexar un crecente deterioro da calidade na atención social supón tamén unha constante transferencia de fondos públicos hacia o capital privado que en moitos casos se trata tanto de bancos como de fondos de investimento.

Para rematar, tres déficits clamorosos. Esta Xunta de Galicia, a pesar das súas declaracións de intencións, non parece ser plenamente consciente de que estamos na era das grandes tecnoloxías e da intelixencia artificial e que Galicia agocha neste eido un grande déficit como, por caso, recolle INDESIA (Barómetro de Adopción de la IA en las PYMES españolas) quen certifica que o nivel de uso da IA (Intelixencia Artificial) nas empresas é, na actualidade, moi cativo en Galicia pois so o 1,85% das PEMES o usa fronte ao 2,4% de media en España. (2,34% en Asturias, 2,6% no Pais Vasco) a pesar de que Galicia resulta sela CCAA que mais títulos oferta dedicados a IA (4%). En relación as axudas e subvencións públicas destinadas a I+D+I Galicia gasta unha media de 156,4 euros per capita fronte a 320,4 euros de media española (practicamente o dobre). Un gasto que segundo fontes expertas resulta pouco eficiente: “Galicia sitúase a cola en España en canto a eficiencia en materia de investigación e innovación”, algo que afecta a produtividade da economía. En canto a situación a nivel rexional europeo segundo o nivel de esforzo en innovación Galicia sitúase no lugar 146 entre 246 rexións europeas. Datos que confirman que se queremos ser mais produtivos e competitivos é preciso facer un esforzo público moi superior, e mais eficiente no uso, do gasto público para acercarnos a media en España.

Un segundo déficit público clamoroso fai referencia ao gasto público en defensa e protección do medio ambiente e dos recursos naturais -idem pax. 89- pero que se corresponde coa actual dinámica de crecemento insostible e deprededador que promove esta Xunta de Galicia. Así a pesar das alarmas medioambientais que se levantaron en Galicia durante este ano 2025 o gasto publico da Xunta de Galicia en medio ambiente redúcese nun 10%. Pero si este gasto público resulta, por si mesmo, claramente deficitario o maior problema está nas subvencións públicas que se conceden e que son daniñas para o medio ambiente (“subvenciones tóxicas”): o 81% das subvencións públicas (agricultura, industria e enerxía, transporte...), explicitas e implícitas, son nocivas para o medio ambiente (entre o 1,6 e o 1,8% do PIB). 

Un terceiro déficit é o de vivenda pública (en propiedade e en alugueiro). Segundo estudios recentes o déficit habitacional en Galicia supera as 34.000 vivendas, unha demanda que non para de medrar nos últimos anos e que, xunto a escaseza da oferta, fai disparalos prezos. Un déficit que leva a que a vivenda sexa hoxe en Galicia un factor de empobrecemento: o 36,1% dos/as galegos/as que viven en alugueiro están en risco de pobreza fronte a un 14,8% dos que viven en propiedade (EAPN Galicia: Estado da pobreza en Galicia 2025). Unha das razóns deste déficit, que conleva pobreza, e o pauperísimo parque de vivenda pública (1,5% do total para unha media na UE do 15%) algo que por en evidencia como este goberno galego de quenda (PPdeG) non ten como prioridade garantir o dereito a vivenda como proba o dato de que nos últimos anos o número de vivendas de protección oficial construídas en Galicia (1 por 26.000 habitantes) está a enorme distancia de, por caso, o Pais Vasco (1 por 1.400) ou Navarra (1 por 2.700). Unha dinámica que dificilmente cambiará con un orzamento de 241 millóns para 2025 e 560 millóns no 2026 (1,5% e 3,4%, respectivamente do gasto total) que supoñen un gasto de 89 e 206 euros por habitante: unha cifra realmente ridícula tendo en conta o déficit habitacional actual. Pero a ninguén lle debería estrañar esta débil actuación do PPdeG en vivenda pública: cando as dereitas estiveron a prol dunha forte acción publica en vivenda?: “é o mercado amigo”.

Como reflexión final subliñar que a política fiscal dunha comunidade autónoma, como a de calquera goberno, no é so unha operación de contablidade publica que mostre os gastos planeados e os ingresos esperados no exercicio senón unha declaración política de intencións sobre os obxectivos que se queren conseguir como, por caso, o pleno emprego e a mellora do benestar social ademais da conservación do medio ambiente. Pero para conseguir estes obxectivos a intervención dos poderes públicos debe orientarse a “alterala distribución da renda na procura do benestar social” (Joseph Stiglitz). 

Con estes criterios resulta fácil concluír que os Orzamentos 2026 da Xunta de Galicia non se axustan as actuais necesidades do pais que, por esta razón, seguirá minguando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.