Ante o debate de se Trump humilla a Europa, Angrois é unha lembranza constante da utilidade da UE, que humillou os responsables políticos locais que reaccionaron ao accidente con trumpismo
Donald Trump leva varias semanas humillando a Europa. Así o cren opinadores moi serios a un e outro extremo do espectro ideolóxico que dan por feito que o menos malo de todos os artefactos políticos construídos polo ser humano, a Unión Europea, está ferida de morte. Pero mesmo febles, as institucións comunitarias aínda son quen de dar respostas a cidadáns europeos que non as atopan nos seus estados, como teima en demostrar o caso do accidente de Angrois, unha de cuxas derivadas chega agora ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Un sinistro ao que os responsables políticos locais reaccionaron en 2013 con trumpismo varios anos antes de que a primeira presidencia do magnate inmobiliario acuñase o termo.
Atacar ao feble, empregar fake news ou poñer en dúbida institucións que garanten os contrapesos de poderes son algunhas das características que se asocian co trumpismo. E foron tamén algunhas das estratexias empregadas polos gobernos central e galego de 2013 para culpar do accidente de Angrois ao maquinista. Eles e elas, por suposto, non falarían de trumpismo senón que preferirían o concepto razón de Estado: había que salvar a imaxe da alta velocidade española porque, como dixo Feijóo catro días despois do accidente, había "intereses económicos" polo medio.

Unha década despois a xustiza sentenciou que en Angrois fallaran moitas outras cousas ademais do maquinista. Pero moito antes diversas institucións comunitarias xa deran amparo ás vítimas que en España non lograran ser escoitadas.
De Europa chegaron as críticas á investigación oficial do ministerio por culpar só o maquinista. De Europa chegaron dous procedementos de infracción distintos porque España non facía ben esas investigacións nin analizaba correctamente os riscos ferroviarios como o que existía en Angrois. De Europa chegaron respostas negativas cando o Goberno de España pediu a Bruxelas que ocultase información relevante sobre o caso. E de Europa chegaron sucesivas peticións aínda non atendidas por gobernos nin do PP nin do PSOE para que España faga unha nova investigación técnica do sucedido en Angrois para evitar que volva ocorrer.
Esa negativa española a unha investigación técnica de Angrois como esixe a normativa comunitaria é o que agora se analizará en Estrasburgo. Pode que tampouco o Tribunal de Dereitos Humanos sexa quen de desfacer o bloqueo xurídico provocado polo Goberno de Rajoy cando permitiu que os investigadores que non foran independentes para estudar o sucedido en Angrois si sexan independentes para negarse a facer un novo estudo. Pero máis dunha década despois as sucesivas respostas que veñen chegando desde Europa ao sucedido en Angrois non amosan unhas institucións comunitarias fráxiles senón ao contrario.
Así que haberá que seguir confiando en que a humillada e feble democracia europea e o seu contrapeso de poderes poida con Trump e co trumpismo, de alá ou de acá.