Estados Unidos arrastrou a Reino Unido, Canadá, Alemaña, Xapón, Francia, Finlandia, Holanda, Italia, Australia ou Suecia, entre outros países, a suspender o financiamento de UNRWA. O seu proceder representa un balón de osixeno para o goberno de Netaniahu, que logra un importante aval político á súa estratexia de limpeza étnica e exterminio da poboación palestina
Estados Unidos arrastrou a Reino Unido, Canadá, Alemaña, Xapón, Francia, Finlandia, Holanda, Italia, Australia ou Suecia, entre outros países, a suspender o financiamento de UNRWA, a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina, tras as acusacións de Israel de que efectivos do seu persoal participaron no ataque de Hamás do 7 de outubro de 2023. Iso a pesar de que a UNRWA anunciou a decisión de "rescindir inmediatamente os contratos" dos seus empregados presuntamente implicados e "iniciar unha investigación". Non sabemos ata onde as acusacións foron acreditadas pero, convenientemente, déronse por certas dende o primeiro momento. Palabra de Israel, palabra de deus.
Non deixa de sorprender a desacostumada rapidez da reacción destes países, que tanto contrasta coa febleza ou nula ausencia de condenas explícitas dos crimes das tropas israelís. O seu proceder representa un balón de osixeno para o goberno de Netaniahu, que logra un importante aval político á súa estratexia de limpeza étnica e exterminio da poboación palestina cuestionando o papel dunha ONU comprometida co respecto do dereito internacional. “António Guterres debería dimitir como secretario xeral”, dixo o ministro de Asuntos Exteriores Israel Katz, apuntando o seguinte trofeo diplomático que anhelan en Tel Aviv.
Aconteceu despois de que a Corte Internacional de Xustiza, baixo a presidencia da estadounidense Joan Donoghue, exfuncionaria do Departamento de Estado, ditou determinadas medidas cautelares no caso da denuncia de Sudáfrica contra Israel. Aínda que da para interpretacións, en boa medida, o tribunal tomou unha decisión que se corresponde coa posición dos EUA: Israel debe facer todo o posible para evitar o xenocidio... mentres continúa a súa guerra contra Hamás.
A falta de condena de Israel, por mor nalgúns casos de circunstancias históricas pero tamén en función dos equilibrios da política interna noutros, da azos ás dereitas extremas que proliferan en toda parte
A decisión é coherente coa actitude mantida ante o conflito por estes países, de condena tallante do ataque de Hamás e de apoio sen disimulo á resposta de Israel a pesar dos acreditados excesos cometidos contra a poboación civil. Nestes meses de guerra, ao menos máis de 26.000 palestinos morreron e máis de 65.000 resultaron feridos. As infraestruturas básicas están totalmente destruídas en Gaza, afectando mesmo á rede de auga potable e a agricultura, co claro propósito de facer táboa rasa. En Cisxordania campan cada vez mais ás súas anchas como o demostran as secuencias de asasinatos selectivos. O único que realmente piden os grandes líderes occidentais é que a cousa acabe pronto para que amaine a indignación dunha opinión pública escandalizada ante a irritante dobre vara de medir e a vergoñenta complicidade co xenocidio.
O aval prestado a esta matanza indiscriminada pesará como unha lousa sobre os gobernos de Occidente e a súa mácula democrática. A falta de condena de Israel, por mor nalgúns casos de circunstancias históricas pero tamén en función dos equilibrios da política interna noutros, da azos ás dereitas extremas que proliferan en toda parte. Nin os sacrosantos dereitos humanos nin a promoción desa orde internacional baseada en regras, eixes da nosa visión edificante do mundo para combater os autoritarismos, saen ben parados deste descalabro ético das democracias liberais, tan afeitas, por outra banda, a sancionar a calquera que se mostre desafiante cos seus intereses. Só a UE leva adoptado ata agora 12 paquetes de sancións contra Rusia pola invasión de Ucraína. E nin de lonxe chegamos a apreciar aquí o nivel de asañamento amosado por Israel contra a poboación palestina.
No Sur Global, a denuncia, ás veces valente, só deixa entrever a impotencia para conxurar esta deriva á espera de que a guerra no Medio Oriente, que algúns alentan para reafirmar o poder global hexemónico de Occidente nunha área vital para os seus intereses xeopolíticos, acabe por acelerar a súa caída
Con eses antecedentes, alguén pode crer seriamente que existe un compromiso firme con ese discurso a prol da solución dos dous Estados como a base para a restauración da paz, a seguridade e a estabilidade na rexión trala guerra?
A Liga Árabe, con sede no Cairo, criticou a decisión de suspender o financiamento da UNRWA, pero tamén aquí cómpre dicir que o mundo árabe expresa unha solidariedade pouco menos que testemuñal. Non está ao nivel que precisa a defensa da causa palestina. É miseria sobre miseria.
E no Sur Global, a denuncia, ás veces valente, só deixa entrever a impotencia para conxurar esta deriva á espera de que a guerra no Medio Oriente, que algúns alentan para reafirmar o poder global hexemónico de Occidente nunha área vital para os seus intereses xeopolíticos, acabe por acelerar a súa caída.