10 anos da inauguración en Monforte por Feijóo do porto "seco, seco, seco" que Besteiro quere converter en "referencia"

Feijóo na inauguración do Porto Seco de Monforte o 28 de febreiro de 2014 e José Ramón Gómez Besteiro no mesmo lugar, aínda baleiro, este luns CC-BY-SA Praza Pública

O socialista denunciou que a "inauguración ficticia de 2014" foi "unha mostra máis da incompetencia, da inacción e da burla ás que, primeiro Feijóo e logo Rueda, somete aos galegos e galegas"

As eleccións do 18 de febreiro chegarán só 10 días antes de que se cumpra o décimo aniversario da inauguración por parte de Feijóo do Porto Seco de Monforte. Aquel 28 de febreiro de 2014, 13 anos despois de que Fraga e Aznar anunciasen a infraestrutura ás portas das eleccións galegas de 2001, a explanada urbanizada pola que pasearon o daquela presidente da Xunta e outras autoridades non tiña nin unha soa empresa aínda instalada. 

Unha década despois o lugar segue igual, baleiro, o que este luns levou o candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, a cualificalo como porto "seco, seco, seco". Así o fixo nunha visita na que prometeu convertelo "en nodo loxístico de referencia en Galicia e Europa".

Besteiro no Porto Seco de Monforte este luns CC-BY-SA PSdeG

Foi o 20 de xullo de 2001, na precampaña das eleccións galegas que tres meses máis tarde volvería gañar con maioría absoluta Fraga, cando este e Aznar anunciaron en Monforte o Porto Seco, no marco dunha xira por Galicia centrada fundamentalmente en prometer melloras nas infraestruturas ferroviarias. Na súa inauguración trece anos despois a Xunta presentou a infraestrutura como “decisiva e fundamental para o futuro desenvolvemento empresarial e loxístico da nosa comunidade, así como unha grande oportunidade para toda Galicia”. Posteriormente, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) chegaría a presentalo como a porta de entrada a Europa das mercadorías que chegan polo Atlántico. 

O espazo aínda carece de terminal para facilitar o intercambio de mercadorías entre trens e camións e non está conectado coa N-120, actuacións que Besteiro se compromete a impulsar

Pero dez anos despois da súa inauguración o Porto Seco é unha chaira urbanizada na que aínda non está instalada ningunha empresa e na que non hai ningunha infraestrutura nova nin disposición das parcelas que facilite a carga e descarga de mercadorías dos trens, a súa razón de ser. E as súas conexións por estrada seguen sen enlazar coa principal vía da zona, a N-120.

Ante esta realidade este luns o socialista Besteiro comprometeuse a desbloquear o porto seco e convertelo "en nodo loxístico de referencia en Galicia" que será "ideal para configurar convois cara ao centro de Europa" e situar a Monforte como peza fundamental "dentro da aposta polo Corredor Atlántico e a entrada dos fluxos de mercancías dende os portos costeiros".

Autoridades paseando polo Porto Seco de Monforte o 28 de febreiro de 2014 Dominio Público Xunta de Galicia

Besteiro estivo acompañado na súa visita polo alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé. Con el denunciou que "Feijóo fixo unha inauguración ficticia no ano 2014, unha mostra máis da incompetencia, da inacción e da burla ás que, primeiro Feijóo e logo Rueda, somete aos galegos e galegas". Pola contra, asegurou que con el como presidente da Xunta "este Porto Seco pasará de estar como agora, seco, seco, seco, a ser o o exemplo da dinamización industrial, empresarial e ferroviaria de Galicia". "Debe ser un polo de atracción e impulso económico e industrial para a Galicia interior e favorecer así a cohesión territorial”, sentenciou.

A visita de Besteiro a Monforte produciuse na mesma xornada en que o PSdeG divulgou un vídeo da súa campaña "Desta vai!" na que o candidato socialista recolle cunha furgoneta a viaxeiros aos que deixou tirados un autobús como o que o candidato popular, Alfonso Rueda, conducía no seu polémico vídeo de Nadal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.