O 21 de novembro de 2008 inaugurábanse os primeiros 6 quilómetros da infraestrutura, pero dos 12 quilómetros máis que ía ter a Consellería de Infraestruturas só fará 7,5
O 21 de novembro de 2008 o daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, inauguraba o primeiro treito da Autovía AG-59 Santiago-A Estrada, uns 6 quilómetros ata o lugar da Ramallosa, no Concello de Teo. A infraestrutura debía prolongarse outros 12 quilómetros máis en seguintes fases, pero non foi ata este martes, 15 anos despois, que a Xunta comezou os traballos no seguinte treito, de 3,5 quilómetros, mentres aínda ten en tramitación outros 4 quilómetros máis. Porén, xa non executará os 4,5 quilómetros finais.

Tras a inauguración en 2008 do primeiro treito da autovía, a chegada á Xunta do Goberno de Alberto Núñez Feijóo trouxo a paralización do proxecto pola crise económica, aínda que neste tempo o Goberno galego evitou dalo por cancelado argumentando diversos tipos de trámites e modificacións. Nestes 15 anos a Xunta deixou caducar o estudo ambiental que xa aprobara en outubro de 2010, o que obrigou a facer outro que non foi novamente aprobado ata hai un ano. Pero polo medio o que restaba da autovía, uns 12 quilómetros, perdera xa máis dun terzo da súa lonxitude, os seus 4,5 quilómetros finais aos que renunciou o actual Goberno galego.
Segundo o comunicado divulgado este martes pola Xunta, acompañado de imaxes dunha escavadora, as obras agora iniciadas no treito de 3,5 quilómetros entre A Ramallosa e Pontevea, nas proximidades do río Ulla, suporán un investimento de 32,3 millóns de euros e un prazo de execución de 20 meses. Porén, a propia Consellería de Infraestruturas detalla que os seus orzamentos para 2024 "consignan unha partida de 10 millóns de euros para esta actuación", polo que o groso do investimento deberá concentrarse nos meses finais do prazo de execución, se é que este se cumpre.

O seguinte treito da autovía, entre Pontevea e o lugar do Rollo, duns 4 quilómetros, suporá outros 34 millóns de euros, pero está aínda en fase de proxecto. E o que xa non se fará será o derradeiro treito inicialmente previsto, doutros 4 quilómetros, entre O Rollo e as aforas da Estrada. Alí debera enlazar coa futura circunvalación norte da Estrada, unha variante da N-640 de competencia estatal.
O Estado leva tres décadas estudando trazados para a circunvalación da Estrada, tamén sen expectativas de que sexa unha realidade a curto ou medio prazo
Pero tampouco esa circunvalación da vila, competencia do Ministerio de Transportes, acaba de arrancar. A infraestrutura leva tres décadas en estudo sen expectativas de que sexa unha realidade a curto ou medio prazo. De feito, hai catro anos o Ministerio para a Transición Ecolóxica reiniciou tamén a súa avaliación ambiental despois de que o de Transportes propuxese unha nova modificación no seu trazado cun túnel para reducir a afección da infraestrutura a un castro e non volveu saberse da súa tramitación.