O 12 de marzo de 1986 España aprobou en referendo permanecer na OTAN, nunha consulta que rexistrou unha elevada abstención e na que o si se impuxo por 13 puntos. En Galicia a diferenza foi máis ampla (vinte puntos) pero coa participación máis baixa do Estado (38%), de xeito que só 1 de cada 5 votantes apoiou a proposta
O 12 de marzo de 1986 España aprobou en referendo permanecer na OTAN. Este mes conmemórase o 40 aniversario dunha consulta que non só confirmou a participación do Estado na organización militar atlantista senón que tivo importantes implicacións na política interna, sacudindo sobre todo aos dous principais partidos -PSOE e Alianza Popular- e tamén á esquerda política e social do país.
O si á permanencia de España na OTAN impúxose de forma axustada (aínda que máis ampla do previsto) e cunha importante abstención, sobre todo en Galicia, onde a participación non chegou ao 40%. En total, os votos afirmativos supuxeron apenas o 21% do censo.
A conmemoración do aniversario chega, ademais, nun momento crucial para OTAN, cuestionada paradoxalmente polo propio Goberno estadounidense, e con chamamentos á mellorar a autonomía da defensa da Unión Europea, a incrementar o gasto en armamento ou ao regreso do servizo militar. Uns tambores de guerra que, en paralelo, elevaron tamén o cuestionamento da participación de España na OTAN dende a esquerda.
Durante a súa primeira lexislatura no poder o PSOE mudou radicalmente a súa posición sobre a OTAN, pasando a apoiar a presenza de España na organización. Pola contra, a Coalición Popular de Manuel Fraga recomendou oficialmente a abstención, buscando o desgaste do goberno socialista
España ingresou na OTAN o 30 de maio de 1982, unha decisión do goberno de Leopoldo Calvo-Sotelo adoptada poucos meses antes da vitoria do PSOE nas eleccións xerais. O Partido Socialista rexeitaba nese momento o ingreso na Alianza Atlántica (con lemas como "OTAN, de entrada no") e asumiu o compromiso, se chegaba ao Goberno, de convocar un referendo para a saída da organización.
O referendo convocouse unha vez que España completou a súa adhesión á Comunidade Económica Europea (CEE). Porén, ao longo desa lexislatura a formación liderada por Felipe González pasou a apoiar a permanencia na OTAN, atopando unha importante oposición interna tanto no XXX Congreso do partido, celebrado en 1985, e en UGT, nas Xuventudes Socialistas ou en Izquierda Socialista. Tamén en figuras coma o ministro de Exteriores, Fernando Morán, que dimitiu en desacordo polo cambio de posición do PSOE.
Felipe González anunciou o apoio do seu Goberno á permanencia de España na OTAN, pero con tres condicións: a negativa á incorporación á estrutura militar, a prohibición de instalar, almacenar ou introducir armas nucleares no territorio do Estado e a redución das bases militares estadounidenses.
A consulta provocou grandes tensións no PSOE pero tamén en AP e, de feito, pódese dicir que Fraga foi o gran derrotado. Unha das análises que se fixo do resultado é que "o votante de dereitas votou pensando na OTAN e o votante do PSOE votou pensando en manter o Goberno"
A redacción escollida polo Executivo para a pregunta formulada no referendo ("¿Considera conveniente para España permanecer en la Alianza Atlántica en los términos acordados por el Gobierno de la Nación?"), foi moi criticada polos sectores opositores sobre todo pola non inclusión do propio termo de OTAN, substituído por Alianza Atlántica e pola incorporación das propias condicións propostas polo Executivo. Unhas condicións, por certo, que acabaron sendo incumpridas en gran medida: en 1997 España incorporouse á estrutura militar da OTAN e Estados Unidos si pode introducir armas nucleares nas súas bases, previa autorización do Goberno español. As bases, iso si, foron reducidas, abandonando Estados Unidas as de Torrejón e Zaragoza e mantendo unicamente as de Rota e Morón.
Cómpre lembrar cales foron as posicións defendidas por cada forza política. O si á permanencia de España na OTAN foi apoiada por PSOE, CDS, CiU, PNV e PRD (a formación que lanzou nese momento a Operación Miguel Roca, na que participou Coalición Galega). A Coalición Popular de Manuel Fraga recomendou oficialmente a abstención, buscando o desgaste do goberno socialista, aínda que unha parte significativa dos seus dirixentes apoiaron o voto favorable.
O voto en contra foi promovido polas formacións que meses máis tarde acabarían formando Izquierda Unida, comezando polo Partido Comunista; tamén ERC, Herri Batasuna ou Euskadiko Ezkerra. En Galicia pediron o voto negativo o BNG, o PSG-EG e o PG, ademais do PCG.
En Galicia o non impúxose en 38 concellos, encabezados por Fene (máis do 60% de votos negativos), pero tamén en moitas localidades de claro dominio de AP, comezando por Vilalba ou Lalín
A decisión de Fraga de non pedir o voto afirmativo, unida ás dúbidas que a Alianza Atlántica espertaba nos votantes socialistas fixo que o resultado estivese no aire. De feito, enquisas publicadas a só un mes do referendo vaticinaban o triunfo do non (aínda que cómpre sinalar que a medida que se foi achegando a data da consulta, as sondaxes pasaraon a augurar un triunfo máis ou menos axustado do si). Ademais, a mobilización da esquerda social e política en todos os territorios do Estado foi moi intensa dende o mesmo momento da convocatoria do referendo, o mesmo que a dos intelectuais e estudantes.
Porén, semella que finalmente Felipe González convenceu os suficientes votantes do PSOE de que unha derrota do si poría en risco o propio Goberno, comezando pola propia figura do presidente. González chegou a anunciar que dimitiría no caso de fracasar na consulta e alertou publicamente de que a saída da Alianza sería "dramática e de concesuencias non previsibles". E, igualmente, parece que a maior parte dos votantes conservadores apoiaron o si malia o singular xiro táctico de Fraga. Unha das análises que se fixo do resultado é que "o votante de dereitas votou pensando na OTAN e o votante do PSOE votou pensando en manter o Goberno".
O si impúxose de forma moi axustada en Santiago (46,6% a 45,6%) e Vigo (48,5% a 45,5%) e con algo máis de diferenza en Ferrol (10 puntos), Pontevedra e Lugo (15 puntos). En Ourense e A Coruña o triunfo do si foi claro
A vitoria final do si foi máis ampla do esperado pero, en calquera caso, o triunfo foi axustado. O si impúxose por trece puntos (56,9% a 43,2%) e pouco máis de tres millóns de votos e nunha votación realizada entre semana (un mércores) participación foi baixa, menos do 60%, oito puntos por debaixo da que se rexistrara no referendo constitucional e a vinte puntos da que houbera nas eleccións xerais de 1982. O non gañou en Cataluña, Canarias e País Vasco e Navarra e o voto afirmativo no conxunto do Estado chegou apenas ao 31% do censo.
A mobilización da esquerda tivo ademais un impacto decisivo no proceso de confluencia que acabaría dando lugar meses despois á creación de Izquierda Unida e, igualmente, no crecemento de Herri Batasuna, que pasou de 2 a 5 deputados nas eleccións xerais de xuño. Nesas eleccións, ademais, o PSOE acusou o golpe da perda dunha parte do seu electorado máis a esquerda e caeu 18 escanos, aínda que mantivo unha cómoda maioría absoluta. O maior prexudicado polo referendo da OTAN acabou sendo o propio Manuel Fraga, que viu como a súa Coalición Popular mesmo empeorou os resultados de 1982 e o de Vilalba acabaría deixando a dirección de Alianza Popular en decembro dese ano, relevado primeiro por Antonio Hernández Mancha e despois por José María Aznar.
A participación foi, en xeral, baixa en todo o país. En Baltar ficou no 5% e en 65 concellos non superou o 20%. A maquinaria electoral de AP non se puxo a funcionar nesta ocasión
En Galicia, o si non chegou ao 60%, o mesmo que en Madrid e Asturias, pero Galicia destacou sobre todo pola súa baixa participación, que non chegou ao 40% (38,51%), a máis baixa de todo o Estado. Galicia destacaba neses anos pola elevada abstención nas distintas convocatorias electorais e referendos, comezando polo propio referendo estatutario de 1980 (28% de participación) ou as eleccións ao Parlamento galego de 1981 (46%) e 1985 (57%) e as eleccións xerais de 1982 (65%). Nesta ocasión parece claro que a non mobilización do aparello electoral de AP levou a un resultado aínda máis baixo en moitos lugares.
Finalmente, apenas o 21% do censo electoral apoiou en Galicia a permanencia na OTAN e aínda que vitoria do si foi clara (case vinte puntos de diferenza sobre o non) o non impúxose en 38 concellos, encabezados por Fene (máis do 60% de votos negativos). Estas localidades que dixeron non á OTAN son unha estraña mestura de concellos que tradicionalmente votaron á esquerda e ao nacionalismo (coma o propio Fene, As Pontes e varios lugares do sur da provincia de Pontevedra) e zonas rurais de maioría conservadora, tanto na Terra Cha (na Vilalba de Manuel Fraga gañou o non), coma na Limia ou no centro xeográfico de Galicia (o non impúxose en Lalín, Arzúa, Melide, Palas de Rei ou Monterroso). En xeral, aínda que a mobilización polo non foi liderada pola esquerda, a maior parte destes concellos estaban gobernados por Coalición Popular.
Tamén gañou o non en Cambados e obtivo un resultado por riba da media noutros concellos do Salnés, como O Grove ou Vilagarcía, pero tamén Vilanova de Arousa ou Sanxenxo, probablemente como efecto dos rumores sobre a posible instalación dunha base aeronaval da OTAN na ría de Arousa.
En Galicia, as semanas previas ao referendo vivíronse coa sociedade máis pendente dos efectos dun inverno de duros temporais de chuvia e neve e das negociacións para formar Goberno na Xunta
Noutras zonas rurais, en cambio, o si arrasou (superou o 70% en 25 localidades, todas rurais). E tamén o voto en branco acadou niveis poucas veces vistos, cun 6,7% no conxunto de Galicia e máis do 10% en 44 concellos.
A participación foi, en xeral, baixa en todo o país, cun máximo en Mondariz-Balneario, Catoira, Mugardos, Ribadeo, Fene ou O Grove que superou por pouco o 55%. A menor participación deuse en Baltar (5,3%) e tamén en Os Blancos, Cualedro, Trasmiras ou Sarreaus, todos en Ourense e por debaixo do 10%. En 65 concellos a participación non chegou ao 20%.
Nas cidades o si impúxose de forma moi axustada en Santiago (46,6% a 45,6%) e Vigo (48,5% a 45,5%) e con algo máis de diferenza en Ferrol (10 puntos), Pontevedra e Lugo (15 puntos). O triunfo dos partidarios de permanecer na OTAN si foi claro en Ourense (59,4% a 34%) e sobre todo na cidade da Coruña (62,5% a 31,4%).
A campaña do referendo en Galicia
Nos meses previos á consulta houbo varias marchas convocadas pola Coordinadora de Organizacións Pola Paz, por exemplo entre A Pobra e Ribeira ou entre Cambados e Vilagarcía, esta pechada cun manifesto lido por Xosé Fortes
En Galicia, as semanas previas ao referendo, convocado oficialmente o 31 de xaneiro, vivíronse coa sociedade máis pendente dos efectos dun inverno de duros temporais de chuvia e neve e das negociacións para formar Goberno na Xunta. As eleccións ao Parlamento galego celebráranse o 24 de novembro de 1985, deixando á Coalición Popular de Fernández Albor a dous escanos da maioría absoluta. Albor chegou a perder dúas votacións de investidura en xaneiro pero, finalmente, o 21 de febreiro a abstención de Coalición Galega permitiulle ser reelixido como presidente da Xunta. E iso que o 7 de febreiro PSdeG, CG e PSG-EG chegaran a anunciar un acordo para un “Goberno de progreso”, rexeitado horas despois pola Executiva de Coalición Galega, unha división interna que meses despois levou ao abandono da formación de Pablo González Mariñas, Xosé Henrique Rodríguez Peña ou Carlos Mella.
Aínda así, dende moito antes da celebración da consulta as entidades galegas contrarias á permanencia na OTAN iniciaron unha intensa mobilización, con actos e marchas (anteriormente celebráranse outras, por exemplo dende A Pobra do Caramiñal a Ribeira), moitas veces de carácter unitario, organizadas pola Coordinadora de Organizacións Pola Paz. Por exemplo, o 2 de febreiro Vilagarcía acolleu unha desas marchas, con saída dende Cambados, na que o ex-Capitán do Exército e membro da UMD Xosé Fortes, encargado de ler o comunicado final, pediu a saída da OTAN. Varios milleiros de persoas participaron nunha andaina, encabezada polo lema “OTAN non, bases fóra” e na que participaron Camilo Nogueira, Anxo Guerreiro, Xosé Manuel Beiras ou Bautista Álvarez. Na súa portada La Voz de Galicia destacou, con todo, que “un reducido grupo de jóvenes” queimara unha bandeira española.
A unha semana da votación a deputada María Victoria Fernández-España anunciou que abandonaba a formación e pasaba a integrar o Grupo Mixto no Congreso, en protesta pola decisión de Fraga de non apoiar o si á OTAN
O referendo provocou grandes conflitos internos no PSOE, pero tamén en Alianza Popular. A unha semana da votación a deputada María Victoria Fernández-España anunciou que abandonaba a formación e pasaba a integrar o Grupo Mixto no Congreso, en protesta pola decisión de Fraga de pedir a “abstención activa” na consulta. A secretaria segunda da Mesa do Congreso, fervorosa defensora da OTAN, alertou de que “a saída de España da OTAN pode ter repercusións para política internacional e nacional. Totora, irmá de Santiago Rey, propietario de La Voz de Galicia, publicara xa nas páxinas do xornal un artigo defendendo o si no referendo no que ligaba a permanencia de España na Alianza Atlántica coa súa incorporación á CEE. En declaracións aos medios, Fernández-España alertaba tamén do incremento da “influencia da Unión Soviética e o Pacto de Varsovia” en España “ao socaire do non e da súa preponderancia”. “Se gaña esta baza Rusia, non vai quedar coas mans metidas nos petos dos pantalóns”, concluía.
Nesa mesma xornada coñecíanse os datos de dúas sondaxes, unha delas que prevía unha axustada vitoria do non, pero co si mellorando os seus resultados semana a semana, e outra que auguraba unha vitoria do si por entre 11 e 14 puntos.
Os últimos días de campaña a actividade multiplicouse, tanto por parte dos partidarios do si (o domingo 9 de marzo PSOE realizou sete mil actos en todo o Estado) coma dos partidarios do non, que ese mesmo día reuniron medio millón de persoas nun mitin en Madrid. Mentres, Manuel Fraga redobraba as súas peticións para que o referendo fose suspendido “por decreto”.
En Galicia, o líder do PSdeG, Fernando González Laxe e o ministro de Transportes, Abel Caballero, encabezaron os actos principais a favor do si nesas últimas xornadas. Mentres, PSG-EG, PCG e BNG pediron en numerosos actos o voto negativo. Tamén o fixo unha manifestación en Compostela, secundada por 500 persoas, convocada pola Asemblea de Cristiáns Galegos.
Na noite do 12 de marzo, AP celebrou a elevada abstención rexistrada en Galicia, que atribuíu á súa propia influencia: “unha clara confirmación da opción propugnada polos partidos da Coalición Popular”. Dende o PSdeG criticouse a ambigüidade de Fernández Albor (que se abstivo) e dos seus conselleiros
Na noite do 12 de marzo, AP celebrou a elevada abstención rexistrada en Galicia, que atribuíu á súa propia influencia: “unha clara confirmación da opción propugnada polos partidos da Coalición Popular”. O presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor acatou a recomendación da súa formación e abstívose, pero non así o presidente do Parlamento, Antonio Rosón (o primeiro presidente da Xunta preautonómica), que si acudiu a votar, o mesmo que o daquela presidente da Deputación de Pontevedra, Mariano Rajoy.
Dende as esquerda tamén se sinalou a "vitoria moral" do non e destacouse a mobilización contraria á OTAN, sobre todo entre a mocidade, pero o resultado foi acollido con frialdade e decepción, ante as expectativas creadas sobre unha posible vitoria.
O PSOE, e en Galicia o PSdeG, respiraron aliviados aproveitaron para cargar contra a Alianza Popular de Fraga, o gran derrotado da noite, e de Fernández Albor, ao que González Laxe criticou a súa "ambigüidade", ao igual que a dos seus conselleiros.