A Audiencia rexeita reabrir a denuncia do PP contra unha edil da Marea Atlántica polo antigo cárcere e confirma o arquivo

Claudia Delso, concelleira da Marea Atlántica, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Concello da Coruña

O pasado decembro un xulgado da Coruña resolveu arquivar a investigación contra Claudia Delso, ex-concelleira de Participación da cidade e actual edil da Marea Atlántica, pola cesión do antigo cárcere que denunciara o PP local e a Fiscalía asumira. Pouco despois, a concelleira popular Rosa Gallego recorreu o arquivo ante a Audiencia Provincial para pedir que Delso volvese ser investigada. Nun auto datado no pasado 25 de maio, o tribunal rexeita esa petición.

A Audiencia concorda en que Delso non cometeu os delitos de prevaricación, tráfico e influencias e malversación que o PP lle atribuía e tamén cre que "carece de fundamento" implicar o edil Xiao Varela ou ao ex-alcalde Xulio Ferreiro, como reclamaba a concelleira popular que recorreu

A concelleira do PP incluía entre as súas peticións a práctica de novas probas e declaracións que, ao seu xuízo, deixarían claro que a edil da Marea Atlántica cometera "delitos de prevaricación administrativa, tráfico de influencias e malversación de caudais públicos" na cesión de uso da antiga prisión provincial ao Proxecto Cárcere, colectivo que desenvolvera diversas intervencións culturais no edificio dende 2010

Na liña do resolvido polo xulgado de primeira instancia, que baseándose no expediente da cesión e outras probas non viu "nada ilegal", a Audiencia opta outra volta polo arquivo. Ademais, o tribunal frea os "reparos" de Gallego contra a xuíza que arquivou o caso por non citar a declarar o concelleiro Xiao Varela e ao ex-alcalde Xulio Ferreiro, a quen o PP tamén pretendía incriminar nunha solicitude que para a Audiencia "carece de fundamento". Ao contrario que no anterior proceso, desta volta a Fiscalía tamén apoiou tanto rexeitar o recurso do PP como confirmar o arquivo das actuacións contra Delso. 

Patio do antigo cárcere da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

No auto agora ditado, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña remítese a diversa xurisprudencia indicando que cómpre que as condutas cumpran diversas condicións para poder ser consideradas "ilícitos penais" como os que o PP atribúe a Delso. Así, sinala, é preciso que a resolución de que se trate -neste caso, a cesión de usos do antigo cárcere- sexa "contrario a dereito, é dicir, ilegal", pero tamén que o cargo en cuestión non teña competencia para ditala

A Audiencia conclúe que "todo o proceso cumpriu os principios reitores do procedemento administrativo" e as eventuais "irregularidades" detectadas terán que resolverse pola vía do contencioso-administrativo

Ademais, abonda a Sala, o cargo investigado debe omitir "trámites esenciais" ou non ter "argumentación xurídica minimamente razoable" para adoptar a resolución de que se trate. Tamén ten que "ocasionar un resultado materialmente inxusto" e "ser ditada coa finalidade de facer efectiva a vontade particular da autoridade ou funcionario", que ademais debe ter "coñecemento de actuar contra o dereito".

Fronte a esas condicións precisas, sinala o auto, neste caso "en todo o proceso administrativo cumpríronse os principios reitores do procedemento administrativo" e a cesión a Proxecto Cárcere "contaba cos informes técnicos e xurídicos favorables". "É certo -matiza- que se detectou algunha irregularidade", pero iso "debe solventarse no procedemento contencioso-administrativo" e "non basta para integrar un ilícito" penal. Non se produciu neste caso "un ataque consciente e grave" á legalidade, como o PP pretende argumentar.

A voceira da Marea Atlántica, María García, celebra a resolución e ve "confirmado" que "foi unha denuncia política, difundida só por interese propagandístico" 

Dado que "non se aprecia" que a concelleira da Marea Atlántica, representada polo avogado Pablo No, fose neste proceso "en contra o ordenamento xurídico de forma groseira, tal e como esixe o tipo examinado". Esta circunstancia, conclúe, determina "a lóxica desestimación" do recurso da edil do PP. Contra esta resolución xa non cabe recurso ordinario ningún.

A nova do rexeitamento do recurso do PP produciuse mentres no Concello coruñés se desenvolvía unha sesión plenaria. Tras coñecela, a voceira da Marea, María García, aproveitou unha das súas intervencións para celebrar que quede "confirmado o que dixemos en todo momento, que Claudia era inocente e que na Marea Atlántica non roubamos". "A decisión xudicial -agrega García- confirma tamén que foi unha denuncia política, non xurídica, difundida só por interese propagandístico".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.