Arquivada a investigación a unha edil da Marea Atlántica pola cesión do antigo cárcere que denunciara o PP

Claudia Delso, edil da Marea Altlantica e ex-concelleira de Participación do Concello da Coruña © Concello da Coruña

O pasado xaneiro, en vésperas das eleccións municipais, a daquela concelleira de Participación do Concello da Coruña, Claudia Delso (Marea Atlántica), foi citada como investigada -antiga imputación- pola titular do xulgado de instrución número 8 da cidade. Facíao no marco da denuncia formulada polo PP local, despois asumida pola Fiscalía, pola cesión do uso do vello cárcere provincial ao Proxecto Cárcere, que desenvolvera diversas intervencións culturais no edificio dende 2010.

Nun auto emitido o pasado 20 de decembro, ao que tivo acceso Praza.gal, a xuíza resolve o arquivo das actuacións contra Delso ao desbotar que cometese a prevaricación da que acusaba o PP e que esgrimía a Fiscalía cando asumiu a denuncia dos populares. Faino baseándose no observado no expediente administrativo da cesión e nas declaracións como testemuños de funcionariado que o tramitou, que "non viu ningunha irregularidade" nin "nada ilegal" neste expediente, que non tiña achega económica ningunha.

A xuíza que abordou a denuncia do PP, asumida pola Fiscalía, conclúe que a cesión do vello cárcere "contaba con informes xurídicos e técnicos que avalaban a regularidade do que asinaba" a concelleira Claudia Delso

A adxudicación a Proxecto Cárcere -que obtivera 134 puntos fronte á outra entidade candidata, un club deportivo que quedou en 46- "contaba con informes xurídicos e técnicos que avalaban a regularidade do que asinaba" a concelleira", resolve a xuíza, que tamén subliña que a "inadmisión do recurso de reposición" contra a adxudicación contou igualmente con informes favorables. "Excluída a prevaricación a respecto da primeira resolución, xa debera decaer a pretensión de falar dunha segunda prevaricación" no convenio co que se formalizou a cesión, abonda.

Unha das galerías do antigo cárcere da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Sobre este segundo paso, a xuíza detalla que unha vez finalizadas as obras no vello cárcere coruñés, o "informe de fin de obra conclúe que as obras realizadas son insuficientes para o mantemento do inmoble" porque o seu estado era "peor que o considerado no proxecto". Por este motivo, acreditado outra volta durante o propio proceso xudicial cun informe do arquitecto municipal, a cesión do espazo "autorizouse exclusivamente para os espazos e actividades" que se axustaban ao estado do edificio.

"Non se pode dicir que se mantivese a adxudicación malia non poder cumprir o uso sociocultural proposto"

Fíxose "sen prexuízo de que poidan realizarse o resto de actividades en fases posteriores, a medida que as obras (...) e as condicións de seguridade o permitan", segundo o propio expediente. Daquela, advirte a maxistrada, "Non se pode dicir que se mantivese a adxudicación malia non poder cumprir o uso sociocultural proposto, porque se prevía a posibilidade de facelo máis tarde".

Neste contexto, a xuíza conclúe que "non existiría prevaricación" da concelleira Claudia Delso, representada no proceso polo avogado Pablo No, porque "cabería a posibilidade de soster a resolución cunha interpretación da lei distinta á que efectuaron os denunciantes", o PP e despois a Fiscalía. "Non resultando debidamente xustificada a perpetración do delito (...), procede acordar o sobresemento provisional e arquivo das actuacións", conclúe o auto, susceptible de recurso.

Durante o proceso xudicial a propia Claudia Delso, na altura membro do goberno da Coruña, amosárase convencida de que a instrución da xuíza evidenciaría a inexistencia de prevaricación e o "interese do PP por sementar dúbidas sobre a celebración dun concurso público restrinxido a entidades sen ánimo de lucro para a dinamización deste espazo". Mentres, o PP local acusara a Marea Atlántica de "xogar ao vitimismo" porque segundo a agora dimisionaria Beatriz Mato, daquela candidata á alcaldía, se a xuíza chamara a Delso como investigada era por que "aprecia algo máis ca indicios de delito no tema".

Delso: "Gustaríame escoitar unha desculpa do PP"

A concelleira Claudia Delso amosou este luns, en declaracións aos medios, a súa satisfacción polo arquivo da causa. O auto da xuíza, celebra, é "suficientemente contundente" como para deixar claro que o proceso de cesión do antigo cárcere estivo presidido pola "pulcritude" e non tivo "ningún lado escuro" malia á "campaña de desprestixio e fango á que acostuma o PP".

Claudia Delso, nunha imaxe de arquivo na súa etapa como concelleira de Participación da Coruña © Concello da Coruña

"Agardo que a noticia poida circular do mesmo xeito que circularon as acusacións infundadas sobre a miña persoa e o meu traballo como concelleira de Participación", afirma Delso, quen admite que lle "gustaría escoitar unha desculpa pública por parte do PP e de certas persoas que utilizaron esta cuestión para machacar politicamente" á Marea Atlántica "e persoalmente, a min", lamenta. Así e todo, asegura, "non o conseguiron; perdemos as eleccións, pero mantivemos a dignidade e a conciencia moi tranquila", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.