A CIG pide contas polas condenas por falsos autónomos no ente da Xunta para a "profesionalización da función pública"

Imaxe de arquivo dun curso da EGAP coa súa directora, Sonia Rodríguez-Campos CC-BY-SA Xunta de Galicia

O sindicato estende a varias administracións a responsabilidade de permitir a opacidade e a precariedade laboral na Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

O pasado xuño Praza.gal desvelou unha sucesión de condenas laborais por contratación de falsos autónomos na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), o ente da Xunta que debera traballar para "a profesionalización da función pública". Agora a CIG vén de pedir explicacións sen éxito á dirección da EGAP na última xuntanza do Consello Reitor da mesma, o 26 de decembro, e estende a responsabilidade de permitir a precariedade laboral no ente a outras entidades representadas nese órgano, como as tres universidades galegas, o Consello Consultivo, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ou a Deputación de Ourense.

Sentenza do TSXG que confirmou que a EGAP despediu unha traballadora como represalia por reclamar os seus dereitos CC-BY-SA Praza Pública

Este diario non só revelou a existencia de falsos autónomos senón que as sentenzas xudiciais tamén constatan represalias no momento en que a persoa afectada reclama regularizar a súa situación. Malia que moitas das contratacións e as sentenzas se produciron baixo gobernos do PP, a Xunta tentou desviar a responsabilidade ao goberno de coalición de PSdeG e BNG de hai 15 anos, obviando que os executivos posteriores non só non corrixiron a situación senón que mesmo recorreron na xustiza cando o persoal afectado reclamou a súa regularización.

Segundo comunica agora a CIG, no Consello Reitor da EGAP do pasado 26 de decembro o sindicato "tratou precisamente esta cuestión da precariedade laboral e contratacións irregulares". "A postura invariábel adoptada pola dirección da EGAP é a de ignorar todos os escritos remitidos pola representación legal maioritaria do persoal, e a de non facilitar ningunha información, continuando así na senda marcada desde hai máis dunha década, senda de total opacidade que veu contando co beneplácito ou silencio, cando non aplausos, do resto de entidades integrantes do Consello Reitor (entre os que se atopan representantes do Consello Consultivo de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Universidade de Vigo, Deputación Provincial de Ourense ou Fegamp, entre outros)".

Unha das varias sentenzas que veñen condenando a EGAP por contratar falsos autónomos CC-BY-SA Praza Pública

Segundo a CIG, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, "non respondeu a nada, limitándose a negar verbalmente a existencia destas sentenzas condenatorias". Ante esa situación, a CIG presentou unha petición formal por escrito na que pide á directora da EGAP que "confirme a non existencia destas sentenzas" reveladas por este diario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.