A nova titular da área, María Martínez Allegue, considera "parcial" e "interesado" o informe do Defensor del Pueblo que censurou o "grave incumprimento" por parte da Xunta dos prazos, de 3 meses pero demorados máis dun ano
Hai dous meses o Defensor del Pueblo criticou no seu informe anual o "grave incumprimento" por parte da Xunta dos prazos para resolver as axudas ao alugueiro destinadas á mocidade convocadas no verán de 2022. A Valedora do Pobo xa viña sinalando eivas, xa que malia que o Goberno galego debía tardar un máximo de 3 meses en contestar as solicitudes, había afectados que levaban máis un ano agardando unha resposta de calquera tipo, positiva ou negativa.
Esa resposta, a quen aínda non a tiña, acabou chegando hai un mes, cando a Xunta publicou no DOG e enviou mensaxes SMS ás persoas afectadas informando de que quedara sen cartos e non ía entregar máis axudas aínda que os solicitantes cumprisen os requisitos. Porén, este mércores a nova conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, defendeu no Parlamento a xestión desas axudas como "exemplar" e "impecable".
A conselleira centrouse en criticar o Goberno de España, de onde procedían os fondos para as axudas, que non foron complementados nin ampliados pola Xunta. Segundo dixo, foi o Goberno central quen tardou en transferir os cartos ás comunidades e estas non puideron lanzar a convocatoria pública ata o verán de 2022. Porén, despois as demoras de meses por parte da Xunta en contestar a cada solicitante foron xustificadas pola conselleira polo feito de que algunhas das persoas beneficiarias inicialmente renunciaran ou incumpriran requisitos e a consellería seguiu repartindo cartos entre os seguintes solicitantes.
"É a primeira vez que oio a alguén queixarse de que ten 23 millóns para articular axudas", dixo a socialista Silvia Longueira ante as críticas da conselleira ao Goberno central, que foi quen puxo os cartos
Martínez Allegue chegou a acusar ao Defensor del Pueblo de "parcial" e "interesado" polas súas críticas e non recoñeceu ningún tipo de eiva na xestión da Xunta. Malia que a Valedora do Pobo tamén constatou que a Xunta nin contestou a peticións expresas de solicitantes que se interesaron meses despois por saber cando menos se os seus expedientes xa foran denegados, unha desconsideración cara aos afectados censurada pola defensora galega, este mércores a conselleira defendeu que a consellería toma "moi en serio" os problemas da cidadanía: "Non falamos de expedientes, falamos de persoas", dixo, sen aclarar por que se mantivo a esas persoas na indefinición durante meses.
Desde o PSdeG a deputada Silvia Longueira lamentou que a conselleira atribuíse ao Goberno de España os problemas coas axudas cando a Xunta só tiña que xestionalas pero no achegaba cartos. "É a primeira vez que oio a alguén queixarse de que ten 23 millóns para articular axudas", dixo a socialista, que tamén lamentou que a Xunta se atribuíse as axudas sen recoñecer que eran fondos de orixe estatal.