A divulgación, a pasada semana, da conversa da ministra de Igualdade, Irene Montero, cunha xornalista da ETB nos instantes previos a unha entrevista coa canle vasca tras as mobilizacións do 8M desatou a controversia no seo dos medios públicos galegos. Despois de que esas imaxes fosen publicadas polo xornal ABC, Euskal Telebista desligouse do que considerou unha filtración e asegurou que só outra canle autonómica dispuña delas, porque as pedira a través do circuíto interno dos medios autonómicos.
A CRTVG desbota a investigación reclamada polo comité intercentros e por Defende a Galega ao considerar que "non existe nin unha soa proba nin indicio razoable" que sosteña o que define como "acusación contra os traballadores" dos medios públicos
Tras transcender que esoutra canle fora a TVG, a Corporación Radio Televisión de Galicia afirmou ser "allea á filtración" desas imaxes, que non "respectan" a "praxe de confidencialidade comunmente establecida". Tamén asegurou "rexeitar o uso" desas imaxes, que emitiran os Telexornais da Galega citando o devandito xornal, malia estaren tamén arquivadas na canle pública, ameazando con "accións legais" a quen a "acuse de ser a fonte da dita filtración". Ante estas circunstancias, o colectivo Defende a Galega e mais o comité intercentros dos medios públicos, representante do persoal, esixiron unha investigación "independente" sobre o percorrido do vídeo na Televisión de Galicia. A dirección da Corporación vén de desbotar abrila por considerar que "non existe nin unha soa proba nin indicio razoable que sosteña" o que considera unha "acusación contra os traballadores e traballadoras" dos medios públicos galegos.
Nunha circular divulgada ao conxunto do persoal o pasado sábado, 6 de xuño, a dirección da Corporación profunda na súa posición sobre o que considera "acusacións infundadas e verquidas nesta última semana contra todos os profesionais" da CRTVG. "A gravación da entrevista á ministra de Igualdade ten orixe nunha produtora que traballa para unha canle de comunicación autonómica que non é a CRTVG", din en referencia á ETB, e o 9 de marzo foi "distribuída a todas as televisións autonómicas da FORTA que teñen delegación informativa" na sede desta organización en Madrid.
"A TVG -especifica- solicitou a recepción en directo da mesma" e "dito directo estivo nos circuítos internos" da FORTA durante tres semanas. Todo isto, subliña a circular, foi "certificado" mediante "documento escrito" por parte do organismo que agrupa as canles autonómicas. O 1 de xuño, lembra, "o xornal ABC publica imaxes da citada entrevista" e delas "fanse eco a grande maioría dos medios de comunicación de España, incluída a TVG". Ao día seguinte, acusa, "varias publicacións, sen achegar ningunha clase de proba, elaboran un relato no que acusan aos profesionais da CRTVG de dita filtración.
A dirección da Corporación pública atribúe á petición de investigación unha intención de "dilatar" unha "campaña de desprestixio" e di non "entender comportamentos de certos colectivos" sobre os que, asegura, xa alertou "ao comezo da pandemia"
Tras lembrar o comunicado emitido o propio 2 de xuño, a dirección da CRTVG carga contra o pronunciamento público do comité intercentros esixindo unha investigación, do que destaca que non está "asinado por todos os sindicatos" e ao que atribúe unha extensión "da sombra da dúbida sobre todos os traballadores" e "de forma especial, sobre un departamento". Segundo a Corporación pública, "a base da petición para a apertura desta comisión [de investigación] é, paradoxalmente, a filtración dunha fotografía realizada ao sistema interno de arquivo da CRTVG" que obvia "as máis elementais regras de como traballa un servizo de documentación".
É neste punto no que a CRTVG desbota a apertura dunha investigación que, argumenta, "ningún colectivo solicitou" nin "sobre a FORTA nin sobre ningunha outra canle pública". Considera o gabinete que encabeza Alfonso Sánchez Izquierdo que "non se achega ningunha proba ou indicio verosímil" que "poida indicar que o citado material saíse da CRTVG" e reduce o alegado a "sospeitas infundadas" e a unha intención de "dilatar" unha "campañas de desprestixio" contra a propia Corporación e o seu persoal.
Esa nota interna remata cunha referencia á pandemia do coronavirus. "Xa foi comunicado ao comezo da pandemia e a CRTVG vese na obriga de repetilo", indica. "Non se entenden comportamentos de certos colectivos e menos na situación que estamos a vivir, onde a sociedade non demanda crispación, senón o traballo responsable de todos unidos para saír adiante". "É o momento -agrega- de defender o servizo público que con tanto sacrificio persoal e profesional" o persoal da CRTVG desenvolve "non tempo desta pandemia". "Estas actuacións sen un mínimo viso de veracidade e cuestionando a profesionalidade" do persoal, "non axudan a realizar o cometido que a sociedade galega demanda de nós", conclúe.