O goberno provincial presidido polo popular Luis Menor di que os seguros rexeitan facerse cargo da reparación e non quere que esta corra "a costa do diñeiro público"
O pasado 23 de outubro unha protesta ante a sede da Deputación de Ourense dos bombeiros comarcais en folga derivou en enfrontamentos coas forzas de seguridade e no lanzamento de pintura e a rotura de fiestras do edificio. Foi a xornada máis violenta de oito meses de mobilizacións coas que os bombeiros finalmente lograron o pasado febreiro que Xunta e as deputacións provinciais comprometesen diversas melloras nas súas condicións laborais. Porén, este martes a Deputación de Ourense anunciou a súa intención de reclamarlles "os máis de 100.000 euros" que asegura que lle custará "reparar a fachada do Pazo Provincial" polos danos sufridos o 23 de outubro.
Segundo un comunicado emitido pola deputación presidida polo popular Luis Menor, a compañía aseguradora derivou o expediente polos danos no edificio ao Consorcio de Compensación de Seguros, e este rexeitou facerse cargo dos gastos por non considerar os feitos como "tumulto popular ou motín", suposto no que tería que asumir o custo, senón froito dunha manifestación que contaba "coa preceptiva autorización das autoridades". Ante esa decisión, "á Deputación só lle queda dirixirse aos organizadores da concentración para esixirlles responsabilidade", di o goberno provincial.
Segundo a Deputación, a súa sede "sufriu importantes danos como consecuencia do lanzamento de pinturas, botes de fume e rotura de xanelas", uns danos cuxa reparación foi avaliada polo servizo provincial de arquitectura e que "obrigarán á colocación dunha estrutura en toda a fachada da rúa Progreso". A Deputación lembra que a súa sede está cataloga por Patrimonio como un edificio a protexer, o que "fixo necesario contratar a unha empresa especializada en restauración para determinar o método que se ten que empregar na eliminación da pintura na pedra.
Ante esta situación e a negativa dos seguros, o goberno provincial di que quere evitar que a reparación corra "a costa do diñeiro público".