Tras catro sentenzas anulatorias da compra impulsada por Baltar, un xulgado vén de ditar un auto de execución que dá ao xornal un mes para devolver os cartos, ao que se opuxeron Deputación e empresa, que insisten na operación ante o Supremo
En 2017 a Deputación de Ourense presidida por Manuel Baltar decidiu mercar ao xornal La Región o seu arquivo histórico por 2,7 millóns de euros. Esa operación foi anulada pola xustiza en 2019, pero Deputación e xornal insistiron en executala con outro procedemento administrativo anulado novamente polos tribunais, que cualificaron a tramitación como "burda" e "anómala". Agora, tras catro sentenzas contrarias, un xulgado vén de ditar un auto no que dá a La Región un mes para que devolva os cartos, decisión á que se opuxeron tanto a empresa como a Deputación, que teñen recorrido o caso ante o Tribunal Supremo.
O primeiro intento da Deputación, en 2017, de pagar a La Región 2,7 millóns polo seu arquivo foi denunciado no seu momento polo agora alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, daquela na oposición e enfrontado a Manuel Baltar. A primeira sentenza contraria á Deputación, de 2019, ratificada e feita firme en 2020 cunha segunda sentenza do TSXG, condenou ao xornal a devolver os cartos que xa lle dera a Deputación. Pero a continuación esta puxo en marcha un novo procedemento para insistir na compra e evitar a devolución dos fondos públicos facéndoos pasar como unha achega da propia empresa á administración.
O pasado ano a xustiza censurou como "burdo" que a Deputación fixese pasar os cartos que 'La Región' tiña que devolver por unha condena anterior como se fosen un ingreso extraordinario que facultaba a pagar novamente ao xornal
Cunha autorización do propio presidente, Manuel Baltar, desta segunda volta a deputación considerou a devolución á que fora condenada La Región como un ingreso non previsto, unha “xeración de crédito” que a lei permite que as administracións dediquen ao que consideren adecuado. E o que decidiu facer con eses cartos a Deputación foi pagar pagar novamente a La Región.
Esta manobra foi condenada por unha terceira sentenza, novamente do xulgado do Contencioso-Administrativo 2 de Ourense, que en decembro de 2022 considerou que “o que fixo a Administración é asimilar unha sentenza que anula a previa adquisición realizada pola Deputación Provincial e a conseguinte obriga de La Región de devolver o diñeiro percibido a un compromiso de achega económica por parte de La Región” á deputación. O xulgado chegou a censurar que “neste caso nin sequera hai achega algunha, dado que ese diñeiro que se ten que devolver por La Región era e é da Deputación” e esta “está considerando como unha achega dunha entidade privada o feito de que lle devolvan o que é seu” en aplicación dunha condena xudicial previa.
Esa terceira sentenza en contra da súa iniciativa foi novamente recorrida pola Deputación ante o TSXG, que o pasado verán pronunciouse ratificando a resolución xudicial previa e rexeitando novamente as formulacións do ente provincial. O tribunal insistiu nesa cuarta sentenza en que a Deputación "enmascarou" a súa intención de pagar a La Región os 2,7 millóns polo arquivo pero que "en realidade o que fixo foi unha burda compensación de créditos que non reunía os requisitos" legais.
Esa cuarta sentenza foi recorrida ante o Tribunal Supremo, pero a lei contempla a posibilidade, á espera de que o alto tribunal se pronuncie de xeito definitivo, de que as condenas poidan ser executadas no caso de que non impliquen "prexuízos de difícil ou imposible reparación". E iso é o que vén de decidir o xulgado do Contencioso-Administrativo que leva o caso.
A representación de Jácome no proceso instou a execución provisional da sentenza, devolución dos cartos á Deputación á que se opuxeron tanto esa administración como a empresa. Pero o xuíz considera que La Región si debe devolver xa os 2,7 millóns aínda que o Supremo aínda non se pronunciase porque "non pode apreciarse prexuízo algún pola execución da sentenza, en canto que ambas partes (Deputación Provincial e La Región SA) restituiríanse as súas respectivas prestacións [os cartos e o arquivo], quedando indemnes e na mesma situación que tiñan con carácter previo ao contrato". "Insistir na execución dun contrato que foi anulado pola xustiza o único que conseguirá é agravar a situación e seguir aumentando os potenciais prexuízos", salienta o xuíz.
"Debe primar o interese público e non o privado", di o xuíz nun auto que pode ser recorrido ante o TSXG
O xuíz rexeita que a execución da sentenza supoña "ningún prexuízo económico nin ningún impacto na economía da Deputación Provincial, senón ao contrario, dado que esta recupera unha importante suma que poderá destinar ás finalidades que tena por conveniente para unha mellor e máis eficaz prestación do servizo público". E sobre o posible prexuízo para La Región di que "tampouco podería xustificar que non se execute a sentenza, non só porque debe primar o interese público e non privado, senón porque se trata dun contrato que nunca chegou a ser de todo firme, ao ser recorrido".
Tras estes argumentos e logo de rexeitar a negativa de Deputación e empresa a devolverse mutuamente os cartos e o arquivo, o xuíz, nun auto con data de 23 de xaneiro, acorda "que no prazo máximo dun mes se proceda a reintegrar o importe de 2.700.000 euros á Deputación Provincial de Ourense e que esta Administración proceda, á súa vez, a restituír o arquivo histórico do diario La Región". Porén, este auto é recorrible ante o TSXG, do mesmo xeito que o fondo do asunto está recorrido ante o Supremo.