O TSXG cualifica de "burda" e "anómala" a tramitación empregada polo ente provincial para insistir no seu obxectivo
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) asinou o pasado 21 de xullo a que é a cuarta sentenza xudicial contra os intentos da Deputación de Ourense, cando aínda a presidía Manuel Baltar, de pagar ao xornal La Región 2,7 millóns polo seu arquivo histórico.
O primeiro intento de pagamento, de 2017, foi anulado por un xulgado do contencioso-administrativo de Ourense en 2019, sentenza despois ratificada e feita firme polo TSXG en 2020. Tras os dous primeiros pronunciamentos xudiciais, a Deputación tentou acadar o mesmo fin con outro método, pero o pasado decembro outro xulgado volveu tombalo. Esa terceira sentenza foi recorrida novamente pola Deputación pero agora, no que supón o cuarto pronunciamento xudicial, o TSXG ratifícaa e cualifica de "anómala" e "burda", ou basta en galego, a tramitación empregada polo ente provincial.
O primeiro intento da Deputación, en 2017, de pagar a La Región 2,7 millóns polo seu arquivo foi denunciado no seu momento polo agora alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, daquela na oposición e enfrontado a Manuel Baltar. A primeira sentenza contraria á Deputación, de 2019, ratificada e feita firme en 2020 cunha segunda sentenza do TSXG, condenou ao xornal a devolver os cartos que xa lle dera a Deputación. Pero a continuación esta puxo en marcha un novo procedemento para insistir na compra e evitar a devolución dos fondos públicos.
O TSXG ratifica a sentenza coa que en decembro un xulgado censurou que a Deputación fixese pasar os cartos que o xornal tiña que devolver por unha condena anterior como se fosen un ingreso extraordinario que a facultaba a pagar novamente a 'La Región'
Cunha autorización con data do 27 de outubro de 2020 do propio presidente, Manuel Baltar, desta segunda volta recorreuse a unha denominada “xeración de créditos”, unha das formas das que dispón unha administración “para aplicar a un destino aqueles ingresos non previstos ou contemplados inicialmente no orzamento anual”, en particular ingresos que cheguen de mans privadas para financiar fins propios das administracións. E o que fixo a deputación foi considerar a devolución á que foi condenada La Región como un ingreso non previsto que a través desa “xeración de crédito” decidiu dedicar a pagarlle novamente a La Región.
Esta manobra foi condenada por unha terceira sentenza, novamente dun xulgado do Contencioso-Administrativo, que o pasado decembro considerou que “o que fixo a Administración é asimilar unha sentenza que anula a previa adquisición realizada pola Deputación Provincial e a conseguinte obriga de La Región de devolver o diñeiro percibido a un compromiso de achega económica por parte de La Región” á deputación. Un procedemento que o xulgado censurou xa que “unha sentenza ordenando a devolución dunha suma que non debeu aboarse non é un compromiso firme de achega para financiar actividades por parte dunha entidade privada, senón unha obriga de restitución do que, conforme á sentenza, non debeu recibirse”.
O xulgado chegou a censurar que “neste caso nin sequera hai achega algunha, dado que ese diñeiro que se ten que devolver por La Región era e é da Deputación” e esta “está considerando como unha achega dunha entidade privada o feito de que lle devolvan o que é seu” en aplicación dunha condena xudicial previa.
Esa terceira sentenza en contra da súa iniciativa foi novamente recorrida pola Deputación ante o TSXG, que agora se pronuncia ratificando a resolución xudicial previa e rexeitando novamente as formulacións do ente provincial. O tribunal insiste nesta cuarta sentenza en que a Deputación "enmascarou" a súa intención de pagar a La Región os 2,7 millóns polo arquivo pero que "en realidade o que fixo foi unha burda compensación de créditos que non reunía os requisitos" legais.
Así que o TSXG ratifica a sentenza anterior e condena a Deputación a asumir ata mil euros de costas xudiciais. Iso si, a sentenza non é firme e pode ser recorrida en casación, polo que de momento este cuarto pronunciamento xudicial contrario á Deputación é o derradeiro pero pode non ser o último.