Os tempos das cirurxías aumentaron en todas as prioridades e a demora media das consultas medrou de 57 a 70 días, un empeoramento xeral do que o conselleiro de Sanidade culpa ás folgas sanitarias contra o ministerio
As listas de espera tanto cirúrxicas como por consultas externas empeoraron considerablemente durante a primeira metade deste ano en comparación co mesmo período do ano pasado. A espera media por unha operación acadou os tres meses (89,5 días), vinte días máis que hai un ano e apenas dez días menos que no peor da pandemia da COVID-19. E para unha consulta hai que agardar 69,8 días, case dúas semanas máis que hai un ano.
Unha situación que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, atribuíu este mércores aos sucesivos paros da folga de médicos convocada a nivel estatal contra o novo estatuto marco da profesión promovida polo Goberno de España. Unha folga cuxas porcentaxes de seguimento o propio Sergas viña minimizando.
Cirurxías
As cifras de espera media sanitaria hai que contextualizalas tendo en conta que adoitan ser peores na segunda metade do ano, coas vacacións de verán e o Nadal, que na primeira metade. Porén, desta volta non é así. Se a xuño do pasado ano a espera media por unha operación era de 69,3 días, en decembro ascendera lixeiramente como vén sendo habitual ata os 72,8 días e agora dispárase ata os 89,5 días.
En cifras brutas, se na primeira metade do pasado ano se ralizaran 109.000 operacións, na primeira metade deste ano foron só 94.000, un 14% menos. E se hai un ano había 49.223 pacientes á espera dunha operación, agora son 57.680, un 17% máis.
As cifras empeoran ademais en todo tipo de prioridades. Nas operacións de prioridade 1, que non deben superar os 30 días de espera, a demora actual mantense dentro dos obxectivos e é de 22,2 días, pero empeora en 4,5 días a media de 17,7 días de hai un ano. Na prioridade 2, que non debera superar os 90 días, as cifras achéganse perigosamente, con 88,7 días, 18,6 días máis que os 70 días de media de hai un ano. E na prioridade 3, na que non se fixan límites por considerar que a demora non produce secuelas, a espera pasou de 71,9 a 93,8 días.
Consultas
Dos 230.000 pacientes que agardaban en xuño por unha consulta, 100.000, o 43,5% do total, levaban máis de 60 días
No que respecta ás consultas externas, a xuño deste ano a espera media era de 69,8 días, 12,5 días máis que os 57,3 días de un ano antes. Unha cifra que é mesmo superior aos 63 días do peor da pandemia, con moitas consultas adiadas.
En cifras brutas, en xuño deste ano había 230.000 pacientes agardando por unha consulta externa, dos que 100.000 levaban máis de 60 días de espera, o 43,5% do total, fronte ao 36,4% que se rexistraba hai un ano. Chegou a esa situación tras realizarse un total de 2,4 millóns de consultas na primeira metade do ano, un 4,2% menos que no mesmo período de 2025.
Canto ás probas diagnósticas, na primeira metade deste ano houbo 1,8 millóns, tamén menos, un 3,4%, que na primeira metade do pasado ano.
Segundo o conselleiro, este empeoramento xeral da atención sanitaria hai que atribuílo en exclusiva ás folgas médicas contra o Goberno de España, que cifrou en "25 xornadas de folga en seis semanas diferentes" durante a primeira metade do ano. Foron eses paros, di Caamaño, os que "romperon" ao seu ver unha tendencia que el vía positiva e de redución das listas de espera. Porén, esa suposta tendencia semella moi matizable á vista dos gráficos de evolución que acompañan esta información.
Empeoramento en todas as áreas sanitarias
Nas áreas de Santiago e Pontevedra a espera por unha cirurxía aumentou un mes, ata 116 e 91 días respectivamente, a mesma demora que sumou Lugo nas consultas, cunha media de espera de 112 días
Por áreas sanitarias, o empeoramento é xeral en todas. En Ourense é onde menos medra a espera cirúrxica, apenas unha semana, e pasa de 61,5 a 68,9 días, pero no extremo contrario en Santiago e Pontevedra a demora aumenta un mes, chegando na primeira cidade a 116 días e a 91 días na segunda. Tamén 91 días hai que agardar na Coruña, tras aumentar a demora en 15 días.
Pola súa banda nas consultas destaca o notable empeoramento da área de Lugo, onde se pasou dunha demora de 81 días a 112. Pola contra, Ourense é a única área na que mellora a espera por consultas, baixando de 66,1 a 52 días.