“Se estás mal, pide axuda”. Esta frase, e as súas múltiples variantes, adoita acompañar as informacións sobre saúde mental e suicidio. Mais, que pasa cando alguén está a pedir axuda pero ninguén ao seu arredor sabe detectalo? Unha rapaza viguesa, da que preservamos a identidade, logrou nunha consulta rutineira (nunha especialidade non relacionada coa saúde mental) que a médica non só mirase cara á pantalla do seu ordenador e se decatase da súa fráxil situación, que a mirase como persoa no seu conxunto, máis alá da cuestión que a levara esa mañá ao seu consultorio.
A paciente destaca que o sistema público funcionou para ela ese día. Dende as enfermeiras da triaxe en Urxencias á primeira psiquiatra que lle explicou as consecuencias do seu malestar que xa tiña normalizadas. Acordouse o seu ingreso na Unidade de Psiquiatría do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a finais de febreiro deste ano, onde permaneceu sete días.
A primeira noite, ao non haber camas libres na planta de Psiquiatría, pasouna no final dun corredor mal iluminado separada por un biombo doutra paciente psiquiátrica e con vistas a todos os casos de trauma que entraron en Urxencias nas case 24 horas que ambas estiveron alí. Non existía un lugar reservado para doentes de saúde mental que xa están admitidos para o seu ingreso, pero que non teñen unha cama dispoñible na planta. O habitual é que agarden repartidos por distintos corredores, entre eles un pegado ás consultas de Traumatoloxía. Tras numerosas queixas de pacientes, esta primavera habilitouse un espazo separado na área de Urxencias, que moitos días resulta insuficiente.
Este tipo de ingresos son voluntarios. Establécese un ‘pacto’ entre médico e paciente. A outra opción só é posible se hai unha orde xudicial que o indique. Neste caso, a causa do ingreso foi un trastorno depresivo maior con risco de suicidio. A propia psiquiatra que estaba de garda en Urxencias –que estaba soa cando tiñan que ser dous especialistas– lle trasladou á paciente a importancia de comezar un tratamento farmacolóxico “cun seguimento directo” para “asegurar” que non lle provocaba efectos secundarios que empeorasen o seu estado.
A causa do ingreso foi un trastorno depresivo maior con risco de suicidio. A psiquiatra de garda en Urxencias trasladoulle á paciente a importancia de comezar un tratamento farmacolóxico "cun seguimento directo"
A resposta ao tratamento foi boa, pero non houbo un só día no que estiveran consultando o número de especialistas en Psiquiatría que se precisan para atender ás dúas unidades do hospital vigués, nas que non quedou unha cama libre máis de dúas horas en ningún momento, segundo lembra esta paciente. Para darlle a alta, despois de que a psiquiatra se asegurase de que ía estar vixiada no seu domicilio, tivo que agardar a que lle deran unha cita para revisión. O protocolo do Sergas indica que ningún paciente psiquiátrico sae da unidade de hospitalización sen unha cita de seguimento asignada.
A alta produciuse nos primeiros días de marzo e a revisión no centro que lle corresponde á paciente, o Hospital Nicolás Peña, quedou concertada para 21 de maio. Á psiquiatra parecíalle moito tempo sen revisión facultativa, polo que aconsellou comentar coa médica de Familia calquera cambio ou sintomatoloxía nova, así como valorar subir a dose do tratamento, pois os case tres meses de espera lle parecían demasiado tempo sen avaliar a nova medicación.
"A única opción foi acudir á privada", asegura a paciente viguesa, para engadir que "non todo o mundo ten a economía abondo para sufragar esta asistencia"
Unha semana antes do 21 de maio, cando a paciente xa aumentara o tratamento e estivera un mínimo de tres veces no seu centro de saúde, recibiu unha chamada do Hospital Nicolás Peña para informala de que a súa revisión cadraba nunha semana de folga de facultativos –a folga na que este inverno reclamaron un estatuto marco propio para médicos– e que a volverían citar máis adiante. De pouco serviu que esta viguesa manifestase a súa necesidade de asistir a dita revisión ou que preguntase polos servizos mínimos –estes datos non son públicos– da folga para ese día.
As semanas pasaron e, como denuncia ao facer público o seu caso, a paciente tratou de recuperar a súa cita sen éxito. Un familiar acudiu ao Nicolás Peña solicitando falar co responsable da unidade, pero foi informado de que nese momento non había tal responsable.
“A única opción foi acudir á privada”, asegura, para engadir que “non todo o mundo ten a economía abondo para sufragar esta asistencia”. Tras dar por perdida a súa revisión no Sergas, dous meses despois da data inicial da cita recibiu unha carta do servizo de admisión do Sergas da área de Vigo [que acompaña esta información] informándolle de que a reprogramaran para o 15 de outubro. Finalmente, máis de seis meses despois da alta no Álvaro Cunqueiro é cando o Sergas lle ofrece unha primeira “revisión post-hospitalización”.
"A día de hoxe a poboación galega ten asumido que o Sergas non garante unha axeitada atención psicoterapéutica", salienta un especialista en Psiquiatría do Sergas consultado por Praza.gal
Os últimos datos facilitados polo Sergas sobre listas de espera indican que Psiquiatría na área de Vigo é a sétima especialidade con maior demora do país, en concreto, unha media de 103,3 días de espera para unha consulta. Pero nin os propios médicos e médicas coñecen exactamente as listas de agarda dos seus servizos. As unidades de saúde mental están “precarizadas” en todos os hospitais galegos, o que deriva nun incremento das urxencias psiquiátricas e un peor prognóstico na evolución dos doentes.
“A día de hoxe a poboación galega ten asumido que o Sergas non garante unha axeitada atención psicoterapéutica: é ilusorio crer posible unha acaída atención polos dispositivos de Psicoloxía clínica do Sergas dada a saturación de traballo que teñen (moita demanda, pouco persoal e pésima xestión dos recursos)”, salienta un especialista en Psiquiatría do Sergas consultado por Praza.gal, que prefire non aparecer co seu nome nesta información.
“Isto se considera ter dereito á asistencia sanitaria?”, pregúntase a paciente, que nos meses que estivo de baixa laboral tamén se sentiu sinalada polo propio presidente da Xunta, a pesar de que se incorporou de novo ao seu posto de traballo sen aínda saber cando a ían citar para a revisión no Sergas.
“A Consellería de Sanidade está paralizada e desbordada. Non sabe como reaccionar ante a demanda en saúde mental. Non dá resposta á falla de persoal nin á necesidade de reorganizar os recursos que temos para facelos máis eficientes. Existe unha lamentable rixidez na organización. Mesmo ten abandonada a microxestión: non clarifica e non fixa criterios na xestión diaria que deben realizar os facultativos nos seus postos de traballo”, advirte este especialista da sanidade pública.
"A Consellería está paralizada e desbordada. Non sabe como reaccionar ante a demanda en saúde mental. Non dá resposta á falla de persoal nin á necesidade de reorganizar os recursos que temos para facelos máis eficientes", advirte este psiquiatra
“Os mandos intermedios non teñen directrices unificadas e consensuadas. A precariedade de recursos xa imposibilita saírse do básico e fai impensable marcarse metas máis ambiciosas, nomeadamente nos plans de prevención e psicoeducación. Non se fan públicos os datos de xestión (por exemplo, as listas de agarda) e descoñécense os indicadores que a Consellería manexa para realizar a planificación de necesidades en saúde mental. Os profesionais sanitarios están excluídos da planificación e da toma de decisións”, engade o psiquiatra, quen tamén fai fincapé na “actual saturación das consultas privadas”, onde os tempos de agarda comezan a ser elevados.
O vindeiro 10 de setembro, Día mundial da prevención do suicidio, volveremos falar das arredor de 300 persoas que se quitan a vida cada ano en Galicia. Casos coma o desta paciente de Vigo dan conta da incapacidade da sanidade pública galega para facer fronte ao risco de suicidio e para garantir unha axeitada atención á saúde mental.
O teléfono 024 de atención á conduta suicida é gratuíto, confidencial e está dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano. Os destinatarios desta liña proporcionada polo Ministerio de Sanidade son as persoas con conduta ou ideación suicida, así como os familiares ou achegados de vítimas de suicidio ou de persoas con ideación suicida. Aquelas persoas con discapacidade auditiva poden contactar a través dun servizo específico. Ademais, Cruz Vermella ten activo un chat online ligado á liña 024.