A ex-deputada do PP vítima de Angrois acusa o ex-ministro Catalá do delito de mentir na comisión de investigación

Teresa Gómez-Limón, durante unha protesta das vítimas © PVALVIA04155

Teresa Gómez-Limón envía ao Congreso unha carta na que reitera que o daquela secretario de Estado chamouna para pedirlle que non criticase o ministerio, algo que o implicado negou este luns na Cámara

Teresa Gómez-Limón, ex-deputada autonómica do PP en Madrid e vítima no accidente de Angrois, vén de enviar este martes unha carta ao Congreso dos Deputados na que acusa o ex-ministro popular Rafael Catalá, que era secretario de Estado de Fomento cando ocorreu o sinistro en xullo de 2013, de mentir este luns na súa comparecencia na comisión de investigación aberta na Cámara. Catalá negou que tras o accidente chamase a Gómez-Limón para pedirlle que non fose crítica nas declaracións públicas que estaba facendo sobre as responsabilidades políticas do sinistro, pero a afectada reitera que si que o fixo e o acusa de cometer un delito ao mentir nunha comisión de investigación.

O escrito de Gómez-Limón comeza lembrando que o artigo 502 do Código Penal establece que “é un delito mentir nunha comisión de investigación parlamentaria”. Efectivamente, ese artigo di que “o que convocado ante unha comisión parlamentaria de investigación faltase á verdade na súa testemuña será castigado coa pena de prisión de seis meses a un ano ou multa de 12 a 24 meses".

A ex-política popular insiste en que, durante a súa convalecencia, Catalá chamouna por teléfono e a conversa, con mans libres, foi escoitada polo seu marido e o seu fillo. Gómez-Limón salienta que nos cinco anos e medio transcorridos desde aquel momento, período no que ela non deixou de criticar esa chamada, Catalá “xamas o desmentiu, xamais me denunciou”. 

Catalá dixo este luns que chamara a Gómez-Limón por amizade pero esta négao: "Na miña vida vira ao señor Catalá, non souben da súa existencia ata recibir esa chamada"

Este luns Catalá xustificou aquela chamada por “amizade”, e tras negar que nela presionase a Gómez-Limón (“nada máis lonxe da miña actitude persoal, da miña maneira de ser, presionar a ninguén”, dixo) interpretou que puido ter esa impresión pola situación emocional na que se atopaba tras o accidente. Porén, no seu escrito Gómez-Limón nega tal amizade. “Na miña vida vira ao señor Catalá, non souben da súa existencia ata recibir esa chamada. Polo tanto, o de amigos e coñecidos no que a min respecta é mentira”, sentenza. Segundo Gómez-Limón, Catalá “quería eliminar todo indicio de responsabilidade de calquera alto cargo e, por ende, del mesmo”.

O ex-ministro Catalá durante a súa comparecencia este luns no Congreso Dominio Público Congreso de los Diputados

A intervención final no Congreso que os afectados reclaman ter para poder desmentir con datos e documentos as inexactitudes lanzadas por comparecentes previos segue no aire por populares e socialistas

Por outra banda, tras as intervencións deste luns de Catalá e outros ex-altos cargos de diversos departamentos de Fomento, xa só restan por comparecer na comisión de investigación os ex-ministros José Blanco e Ana Pastor, citados para o luns 11 de febreiro. Posteriormente, aínda está no aire a petición realizada polas vítimas de que elas mesmas poidan realizar unha última intervención para desmentir con datos e documentos diversas inexactitudes lanzadas por comparecentes previos

Tras máis de catro anos impedindo a creación da investigación política que reclamaban as vítimas, e despois de que os socialistas cambiasen de opinión hai ano e medio, PP e PSOE volveron unirse ao comezo da comisión para impoñer, en contra do seu desexo, que as vítimas fosen as primeiras en intervir, e só a presión destas e doutros grupos fixo que deixasen aberta a porta a unha segunda intervención ao final do resto de comparecencias. Porén, socialistas e populares, que suman maioría, xa trasladaron ao resto de grupos o seu desexo de que, de producirse esa nova comparecencia das vítimas, sexa a porta pechada, o que os afectados consideran “unha afrenta” e atribúen a que PP e PSOE “teñen medo á transparencia”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.