O presidente de Renfe cando o accidente de Angrois nega decisións xudiciais sobre o caso

Julio Gómez-Pomar, presidente de Renfe cando o accidente de Angrois Dominio Público Congreso dos Deputados

Julio Gómez-Pomar di que "non hai outros imputados" que o maquinista malia que tamén o está un cargo de Adif e presenta como colaboración súa coa xustiza un requirimento que lle fixo o xuíz a Renfe por ocultar documentación

“Non hai outras persoas imputadas” máis que o maquinista. Así o asegurou este luns no Congreso, na comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, Julio Gómez-Pomar, presidente de Renfe cando ocorreu o sinistro, ao ser preguntado polo interese daquel Goberno do PP en focalizar no maquinista a responsabilidade do descarrilamento, segundo critican as vítimas. 

Porén, hai mes e medio o xuíz instrutor do caso propuxo, co apoio do fiscal, manter a imputación e xulgar tamén, xunto co condutor, a un cargo de Adif como corresponsable do accidente que deixou 80 mortos aquel 24 de xullo de 2013. Non foi esa a única vez que Gómez-Pomar negou a existencia dunha decisión xudicial sobre o caso na súa comparecencia durante a tarde deste luns na comisión na que, pola mañá, o ex-ministro Rafael Catalá negou que se obstaculizase a investigación para culpar ao maquinista.

Gómez-Pomar asegurou no Congreso que tras o accidente a empresa pública e el mesmo centráronse na “atención ás vítimas” (salientando as xestións realizadas para facilitar as súas indemnizacións económicas, como fixo tamén o ex-ministro Catalá), a “transparencia informativa” e a “plena colaboración coa xustiza e co xuíz en Santiago”. Porén, tanto Renfe como Adif foron apercibidos en varias ocasións por ocultar ou demorar a entrega de documentación ao xulgado.

Cando o xuíz soubo da existencia dunha alerta previa sobre o risco de Angrois esixiulle a Renfe que lla entregase de inmediato porque, dixo, a empresa tivera "tempo máis que de sobra"

En decembro de 2013 a dirección de Renfe, tras ser coñecedora de que un ano e medio antes do sinistro un maquinista xa alertara por escrito do risco dun accidente na curva de Angrois como o que acabou ocorrendo, non informou deses feitos ao xuíz ata que os desvelou o avogado do condutor do Alvia en xaneiro de 2014. O argumento que deu a empresa pública cando o instrutor o soubo e lle esixiu que en menos de tres días (fíxoo en cinco) lle comunicase o que sabía ao respecto desde un mes e medio antes foi que durante ese tempo estivera facendo unha investigación interna antes de revelarlle a existencia desa alerta previa. Segundo o xuíz, tivera “tempo máis que de sobra” para facelo.

Este luns Gómez-Pomar explicou que, tras saber en decembro de 2013 da existencia daquela alerta previa sobre Angrois, pediu explicacións aos seus subordinados e, tras telas, el mesmo deu orde de que se lle trasladase toda a documentación ao xuíz, obviando que iso non se fixo ata que o xuíz llo reclamou, como admite o propio escrito co que Renfe respondeu ao xulgado uns días despois.

Escrito de Renfe entregando en xaneiro de 2014 a documentación que xa tiña desde un mes e medio antes e que lle requirira o xuíz cun apercibimento CC-BY-SA Praza Pública

Víctor Morlán, ex-secretario de Estado co PSOE, di que non soubo ata despois do accidente que a decisión de operar a liña Ourense-Santiago en ancho ibérico supuxo cambios tamén na súa seguridade

Na sesión de tarde da comisión tamén compareceu Víctor Morlán, que foi secretario de Estado cando era ministro de Fomento o socialista José Blanco. Morlán asegurou que aquel Goberno puxo en servizo a liña cando estivo rematada en decembro de 2011, sen precipitación e cunha planificación que viña de moitos anos atrás. Segundo dixo, el non foi coñecedor ata despois do accidente de que a decisión de operar en ancho ibérico a liña de AVE Ourense-Santiago en vez de en ancho internacional como o resto de liñas de alta velocidade acabou supoñendo cambios na configuración de seguridade que deixou sen protección a curva de Angrois. “Eu nos temas de carácter técnico non me metín nunca”, dixo. 

Morlán tamén foi cuestionado sobre a orixe da primeira decisión, a de operar a liña en ancho ibérico en vez de internacional, que o daquela presidente de Adif atribuíu a Renfe e que o responsable desta empresa desviou a persoal técnico. O daquela secretario de Estado non aclarou quen propuxo inicialmente a medida pero considerou lóxico que a decisión final, para reducir impedimentos na circulación dos trens, se tomase en encontros conxuntos entre Adif, Renfe e o ministerio.

Víctor Morlán, ex-secretario de Estado de Fomento co PSOE Dominio Público Congreso dos Deputados

Tras as intervencións deste luns, xa só restan por comparecer na comisión de investigación os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor

As comparecencias de Gómez-Pomar e Morlán producíronse na sesión de tarde deste luns da comisión de investigación na que, pola mañá, o ex-ministro Rafael Catalá negou que Fomento obstaculizase a investigación de Angrois para culpar o maquinista e asegurou que el “actuaría igual” que como o fixo. Nesa sesión matutina tamén interveu Teófilo Serrano, presidente de Renfe co PSOE, que negou que hai catro anos criticase como pouco serias as análises de riscos da súa empresa, e Mario Garcés, subsecretario de Fomento co PP, que negou inxerencias na investigación oficial, invalidada pola xustiza e a UE.

Tras as intervencións deste luns, xa só restan por comparecer na comisión de investigación os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor, o socialista no cargo cando se puxo en servizo a liña de AVE Ourense-Santiago e se reduciu a seguridade nas vías e a segunda cando ocorreu o accidente tras reducirse tamén a seguridade nos trens Alvia e durante os primeiros anos da súa investigación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.