A "Junta de Galicia" logra que o Supremo decida se a ría é "de Ribadeo" ou tamén "do Eo"

Vista da ría de Ribadeo © Turgalicia

O alto tribunal admite a trámite un recurso da Xunta contra a decisión toponímica do Instituto Geográfico Nacional no que cita á administración galega non polo seu nome institucional senón polo reflectido na lei orgánica do Estatuto de Autonomía

O Instituto Geográfico Nacional (IGN) leva varios anos tentando que a Ría de Ribadeo se chame tamén Ría del Eo, como quere Asturias, unha iniciativa que en 2022 tivo que volver tramitar por irregularidades na súa primeira aprobación. Ese mesmo ano, en novembro, o IGE volveu aprobar a dupla denominación, aceptada o pasado decembro como legalmente tramitada polo Tribunal Superior de Justicia de Madrid. A Xunta recorreu esa sentenza para que a ría siga sendo só "de Ribadeo" e agora o Tribunal Supremo vén de admitir a trámite o seu recurso de casación. Faino nun auto no que se refire á Xunta de Galicia como "Junta de Galicia".

Auto do Tribunal Supremo no que admite a trámite o recurso da 'Junta de Galicia' en defensa do topónimo exclusivo 'Ría de Ribadeo' e non "Ría del Eo" CC-BY-SA Praza Pública

Fronte ao que defenden o IGN e Asturias, que Ría del Eo sexa igualmente válido e oficial que Ría de Ribadeo, a Xunta conta en defensa de manter a única denominación empregada ata agora co respaldo do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Deputación de Lugo, o Concello de Ribadeo e a Subdelegación do propio Goberno de España en Lugo. A resolución do IGN que validou os dous topónimos como igualmente oficiais foi aprobada o 15 de novembro de 2022 -tras un primeiro intento mal tramitado-, ratificouna o Ministerio de Transportes o 10 de xaneiro de 2023 e avalouna xudicialmente ante un recurso da Xunta o Tribunal Superior de Justicia de Madrid nunha sentenza do pasado 2 de decembro.

A Xunta presentou recurso de casación ante o Supremo contra esa sentenza, e o alto tribunal vén de admitilo a trámite nun auto agora feito público con data do 16 de xullo. Nel o Tribunal Supremo sinala, como resumo do conflito xurídico, que o tribunal Superior de Madrid considerou que as dúas denominacións da ría foron acreditadas "como de uso xeneralizado desde hai moitos anos, non apreciando que a administración incorrese nun erro manifesto e grave, nin tampouco en desviación de poder ou arbitrariedade". Pola contra, a Xunta "entende que a existencia de dúas denominacións alternativas é contrario ao ordenamento xurídico, salvo supostos excepcionais". 

Ante esta situación, o Supremo considera que a cuestión ten "interese casacional obxectivo para a formación de xurisprudencia", e admite a trámite o recurso da Xunta. Faino nun auto no que se refire a ela ata catro veces como "Junta de Galicia".

Boe do 28 de abril de 1981 no que se publicou o Estatuto coa denominación 'Junta de Galicia' © Goberno de España

No que vai de ano o Supremo usou "Junta de Galicia" en 14 autos ou sentenzas e "Xunta de Galicia" en 44

A denominación elixida polo Supremo non é ilegal senón que é a recollida na Ley Orgánica 1/1981, de 5 de abril, que aprobou o Estatuto de Autonomía de Galicia. Redactada en castelán, a norma refírese á "Junta de Galicia", aínda que na súa tradución ao galego se fixo o mesmo co nome da institución, que xa dende os tempos da preautonomía empregou o seu habitual Xunta de Galicia.

Á lei orgánica de 1981 seguen remitíndose de xeito periódico, por exemplo, os nomeamentos ou cesamentos dos sucesivos presidentes da Xunta cando son publicados no BOE e se refiren a eles como "presidente de la Junta de Galicia".

No que respecta ao Tribunal Supremo, Junta de Galicia non é nin moito menos o termo habitualmente empregado. Só no que vai de ano o buscador de xurisprudencia do Poder Xudicial permite comprobar que en 14 autos ou sentenzas o alto tribunal escribiu "Junta de Galicia" mentres que van xa 44 nos que o termo elixido foi "Xunta de Galicia". Para que esta disfunción deixe de existir cumpriría unha reforma estatutaria, aínda que só fose para que a Xunta fose Xunta na norma que lle dá sustento legal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.