O Goberno galego foi condenado a devolver no estado orixinal un terreo que se apropiou para facer a Autovía do Morrazo e tras tentar non cumprir a sentenza agora vén de rematar o deseño das obras precisas, cun custo millonario
En 2017 a Xunta ocupou de xeito ilegal un terreo privado de máis de 15.000 metros cadrados inicialmente non previsto para a construción da Autovía do Morrazo para así "liberar á empresa construtora da custosa carga de transportar ata un lugar autorizado as terras e entullos sobrantes da obra". Así o estableceu a xustiza, que condenou a Xunta a retirar esas terras do terreo ocupado e devolvelo ao seu propietario no estado previo.
O Goberno galego chegou a pedir á xustiza que lle permitise non cumprir a condena, pero esta rexeitouno e agora a Consellería de Infraestruturas vén de facer público o deseño das obras precisas para devolver a propiedade privada ocupada nun estado semellante ao orixinal. Uns traballos que terán un custo próximo a un millón de euros, cifra á que hai que engadir os custos xudiciais e técnicos acumulados ata o momento.
A sentenza orixinal do caso, firme desde 2021, condenou á Xunta a devolver ao seu lexítimo propietario no seu estado orixinal un terreo de máis de 15.000 metros cadrados do que se “apropiou” durante as obras de construción da Autovía do Morrazo para acabar converténdoo nun vertedoiro non por ningunha modificación do proxecto, como ás veces ocorre coas obras públicas, senón pola "conveniencia de liberar á empresa construtora da custosa carga de transportar ata un lugar autorizado as terras e entullos sobrantes da obra”, procedemento co que o Goberno galego cometeu desviación de poder.
O TSXG chegou a cualificar de "insólito" o ocorrido coa ocupación ilegal para servir "unicamente a intereses da empresa construtora"
A actuación da Xunta en 2017 por "vía de feito" e cunha "omisión total e absoluta do procedemento establecido", dixo aquela sentenza, facilitou a obra, que nese treito, inaugurado por Feijóo en 2019, fora adxudicada a unha unión temporal de empresas (UTE) formada polas construtoras Covsa e Taboada y Ramos, esta última dun empresario afín ao PP.
A Xunta recorreu aquela sentenza, emitida a comezos de 2020, e un ano máis tarde, a comezos de 2021, o TSXG desbotaba os seus argumentos ratificando que o seu xeito de proceder, que cualificaba como “insólito”, servira “unicamente a intereses da empresa construtora”.
A sentenza fíxose firme e o avogado do propietario prexudicado solicitou a súa execución co reintegro do terreo no seu estado orixinal. Pero a comezos de 2022 a Xunta opúxose “alegando a imposibilidade material de levala a efecto” tanto polas dificultades técnicas como “por razóns económicas, pois a limitación dos recursos públicos esixe atender á racionalidade do gasto e a súa aplicación con criterios de eficiencia”.
A Xunta pediu non cumprir a condena e o TSXG lembroulle que "España é un Estado de Dereito", polo que agora vén de rematar e expoñer ao público o deseño das obras necesarias
O xuíz que levou o caso rexeitou a petición de inexecución da Xunta, e esta recorreu ao TSXG que en xullo de 2022 emitiu sentenza ratificando que si debía cumprir coa condena. O TSXG censurou que “ao igual que cando se actuou pola vía dos feitos, e non de forma lexítima, tampouco existen agora razóns técnicas nin medioambientais acreditadas que poñan de manifesto que non é posible devolver a finca ao seu estado orixinal”. “España é un Estado de Dereito que debe someter as súas actuacións á legalidade, singularmente no que afecta á propiedade privada”, salientaba o tribunal nesa última resolución.
A obra de restitución dos terreos ocupados ao seu estado orixinal era posible, concluía a xustiza. E agora vén de ser concretada pola Xunta, que vén de someter a información pública o proxecto de "restitución da situación previa á formación do vertedoiro de terras".
A Xunta aproveitou a obriga de realizar esa obra, no punto quilométrico 7,360, na marxe dereita do enlace de Meira da autovía, no concello de Moaña, para deseñar á vez a construción noutro punto, o 4,800, dun aparcadoiro disuasorio. As dúas actuacións teñen un orzamento conxunto de 3,8 millóns de euros, pero o proxecto agora exposto ao público permite diferenciar unha da outra. Así, a obra de restitución do terreo ocupado, que inclúe a "retirada completa dos materiais que forman o vertedoiro", "restitución do rego da Fraga, o cal discorría pola parcela afectada", traslado das terras a "unha antiga canteira en Bueu" e reforestación da zona terá un custo de preto dun millón de euros.
Aos custos materiais a Xunta engade un 6% de beneficio industrial da construtora que resulte adxudicataria, que se suma ao xa gastado na redacción do proxecto ou no proceso xudicial previo
Só o movemento de terras custará 536.000 euros, ao que hai que engadir obras preliminares, de drenaxe e plantacións. Todos eses traballos teñen un custo material de preto de 600.000 euros, ao que a Xunta suma un 13% de gastos xerais (máis de 75.000 euros) e un 6% de beneficio industrial (máis de 35.000 euros) para a empresa que resulte adxudicataria. Á cifra resultante aínda hai que engadir outros 150.000 euros de IVE. E previamente a Xunta tivo que gastar tamén na redacción do proxecto técnico agora feito público e no proceso xudicial.
Isto é, a decisión da Xunta de ocupar o terreo para "liberar á empresa construtora da custosa carga de transportar ata un lugar autorizado as terras e entullos sobrantes da obra", segundo sentenciou a xustiza, custará ás arcas públicas arredor dun millón de euros. A propiedade, en todo caso, non quedará restituída ao seu propietario ata máis de 8 anos despois da súa ocupación ilegal, xa que as obras agora deseñadas aínda hai que sacalas a concurso e teñen un prazo de execución dun ano.