Condena por desvío de poder na autovía que levou a Feijóo a renegar da colaboración público-privada

Feijóo nunha visita ás obras da Autovía do Morrazo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A sentenza que obriga á Xunta a devolver un terreo que ocupou ilegalmente para desdobrar o Corredor do Morrazo súmase a dúas décadas de polémicas nunha infraestrutura inaugurada varias veces

O 6 de setembro de 2017 a Autovía do Morrazo xa debera levar máis de dous anos aberta ao tráfico, segundo os prazos anunciados pola Xunta en 2010. Porén, o presidente Feijóo non inaugurou os seus dous primeiros treitos ata máis de medio ano despois, e o terceiro e último ata xuño do pasado ano. Nese último treito, aquel 6 de setembro de 2017, a Consellería de Infraestruturas modificou ilegalmente as expropiacións realizadas previamente e apropiouse dun terreo privado de máis de 15.000 metros cadrados para empregalo como vertedoiro e “liberar á empresa construtora da custosa carga de transportar ata un lugar autorizado as terras e entullos sobrantes da obra”. Así o vén de determinar un xulgado nunha sentenza na que condena á Xunta por "desviación de poder" e que se suma a dúas décadas de polémicas nunha infraestrutura que levou a Feijóo a renegar dos contratos de colaboración público-privada que previamente el impulsara. 

Inauguración da Autovía do Morrazo e sentenza que condena á Xunta por apropiarse dun terreo CC-BY-SA Praza Pública

Feijóo inaugurou con catro anos de atraso unha infraestrutura cuxa primeira fase, o anterior Corredor que xa prevía o actual desdobramento, comezou a construírse sendo el conselleiro de Fraga e en 5 anos quedou obsoleto

O Corredor do Morrazo, unha vía de altas prestacións de 17 quilómetros pero dun só carril por sentido e sen mediana, foi planificado durante os gobernos de Manuel Fraga por Xosé Cuiña como conselleiro de Obras Públicas, pero a súa primeira pedra acabouna colocando o seu sucesor, Feijóo, catro meses despois de chegar á consellería tras o afundimento do Prestige. Aquela era, segundo dicía, a “primeira fase” dunha futura autovía de dous carrís por sentido. 

Aquel Corredor orixinal acabaría sendo inaugurado polo bipartito poucos meses despois de chegar á Xunta en 2005 e, tras unha ducia de mortes en accidentes de tráfico, oito delas concentradas na primeira metade de 2010, ese ano o Goberno galego presidido xa por Feijóo decidía iniciar o seu desdobramento en autovía.

O primeiro modelo elixido pola Xunta para realizar o desdobramento foi o dun contrato de colaboración público-privada. En plena crise a Xunta argumentou que non tiña cartos propios para asumir directamente os 87 millóns de euros en que cuantificara a obra e convocou un concurso para que unha empresa a executase inicialmente cos seus propios cartos e despois pagarlle ao longo dos seguintes 25 anos ata 364 millóns pola obra, os xuros, a súa conservación posterior e a do resto de estradas autonómicas da península do Morrazo. 

Se inicialmente o argumento para recorrer á colaboración público-privada fora que a Administración non tiña cartos para facer directamente as obras, despois o problema pasou a ser que as construtoras tampouco atopaban financiamento

Similares contratos de colaboración público-privada, con diversas modalidades como a peaxe en sombra ou o pago por dispoñibilidade, cos que unha empresa asume inicialmente o custo dunha obra e despois a administración a vai compensando no tempo, xa foran impulsados polo Goberno galego en anos previos, como o empregado para construír o novo hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. A peaxe en sombra tamén fora o modelo elixido polo propio Feijóo, cando era conselleiro, para, en 2005, adxudicar o desdobramento en autovía da anterior vía rápida do Salnés e deixar licitada unha obra similar na do Barbanza. E o mesmo fixo xa como presidente coa Autovía da Costa da Morte.

Pero cando en 2011 a Xunta licitou o desdobramento do Corredor do Morrazo cun prazo de 40 meses só recibiu unha oferta dunha construtora, a despois quebrada Isolux Corsan, que o Goberno galego considerou irrealizable. A Xunta esperou a que pasasen as eleccións xerais de novembro daquel ano para anular aquel proceso admitindo que o modelo de contrato elixido fora errado. 

Se inicialmente o argumento empregado para recorrer á colaboración público-privada fora que a Administración non tiña cartos para facer directamente a obra, despois o problema pasou a ser que as construtoras tampouco atopaban financiamento para poder asumir aquelas concesións. Se en 2011 non atopaba empresas que puidesen facer a Autovía do Morrazo, en 2015 a Xunta recortaba a Autovía da Costa da Morte de 42 a 27 quilómetros porque a empresa á que lla adxudicara tamén en 2011 aínda non fora quen de lograr financiamento para unha obra tamén adxudicada a través de colaboración público-privada. O Goberno galego tamén acabaría rescatando da quebra con cartos públicos as autovías do Salnés e o Barbanza.

Pagamentos pendentes polas autovías con peaxe en sombra segundo o Consello de Contas CC-BY-SA Praza Pública

O propio Feijóo, obviando que boa parte desas obras foran deseñadas por el mesmo como colaboracións público-privadas, chegou a renegar posteriormente das peaxes en sombra culpando a bipartito de deixar "a deber máis de mil millóns de euros en concesións que estamos pagando ano tras ano de todas as autovías que vostedes desdobraron”. Segundo o Consello de Contas, a Xunta terá que pagar nos próximos anos máis de 2.000 millóns de euros por peaxes en sombra das autovías galegas.

Avance ou paralizacións a golpe de eleccións

Tras renunciar á colaboración público-privada, a Xunta foi avanzando coa tramitación da Autovía do Morrazo xusto antes de varias convocatorias electorais e anunciando as súas demoras e molestias para a cidadanía unha vez superados sucesivos comicios

Finalmente a Autovía do Morrazo acabaría sendo adxudicada a través de contratos ordinarios de obras, pero dividindo os 11 quilómetros a desdobrar en tres procedementos distintos que sumarían uns 56 millóns de euros. Se a colaboración público-privada se licitara a comezos de 2011, pouco antes das eleccións municipais daquel ano, pero non se dera por fracasada ata despois de celebradas as xerais de novembro, cando a Xunta decidiu retomar o proxecto tras catro anos de paralización fíxoo tamén a golpe de comicios. O primeiro dos tres contratos distintos cos que a Xunta retomou a obra foi licitado en abril de 2015, un mes antes das eleccións municipais do 24 de maio dese ano. E o segundo treito licitaríase o 16 de decembro de 2015, catro días antes das eleccións xerais do 20 de decembro daquel ano. O terceiro treito, o que agora vén de recibir a sentenza pola ocupación ilegal dun terreo por parte da Xunta, aínda tardaría máis dun ano en ser licitado, en xaneiro de 2017.

A Xunta prometeu que as obras de desdobramento serían compatibles coa circulación, pero finalmente houbo cortes de tráfico que facilitaron os traballos das construtoras

Pero o inicio das obras da autovía en 2015, cando xa deberan estar rematadas segundo os prazos prometidos en 2010 cando se decidiu o desdobramento do Corredor, non supuxo que os traballos avanzasen sen interrupción. O Goberno galego prometeu que as obras de desdobramento serían compatibles coa circulación de vehículos polo corredor. Pero non foi así. A Xunta non tivo en conta no seu proxecto nin a afección ao castro de Montalegre que se viu obrigada a protexer mellor cun túnel non previsto inicialmente nin a inestabilidade dun noiro, actuacións que levaron ao Goberno galego a sucesivos cortes da circulación. O primeiro deses cortes de tráfico que incumprían a promesa da Xunta non sería comunicado de xeito público ata o 28 de outubro de 2016, un mes despois das eleccións autonómicas do 25 de setembro dese ano. O corte máis importante, que facilitou os traballos das construtoras e que estas puidesen cumprir os novos prazos comprometidos, prolongouse máis de medio ano, entre finais de 2017 e mediados de 2018, cando Feijóo inaugurou os dous primeiros treitos da autovía, uns 7,3 quilómetros.

O terceiro treito, cos 4 últimos quilómetros da autovía, foi inaugurado por Feijóo en xuño do pasado. Agora a sentenza coñecida esta semana revela que tamén nel a Xunta beneficiou á súa construtora para que lle resultase máis fácil acometer a obra coa ocupación ilegal do antedito terreo de 15.000 metros cadrados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.