A Oficina do Censo inclúe Rábade entre os municipios cun incremento "sospeitoso" no número de electores

Casa do Concello de Rábade CC-BY-SA HombreDHojalata

O Concello lucense de Rábade ten uns 1.500 habitantes dos que uns 1.200 teñen dereito ao voto. Este pequeno municipio vén de ser incluído entre os 59 de todo o Estado aos que a Oficina do Censo Electoral (OCE) sinala por experimentaren incrementos "sospeitosos" no seu número de electores coa vista posta nas eleccións xerais do vindeiro 28 de abril.

Rábade, de apenas 1.500 habitantes, é un dos concellos que superou o limiar que fai saltar a alarma nas revisións do censo por incrementar o número de potenciais votantes nunha vintena en seis meses

Dende a reforma da lei electoral do ano 2011 o organismo que supervisa os procesos electorais pon o foco regularmente nas variacións do censo en municipios de pequeno tamaño, toda vez que neles pequenos incrementos no número de potenciais votantes poden ter unha maior repercusión. Rábade está incluído nun destes grupos de pequenos concellos, os de de 1.001 a 2.000 habitantes e superou o limiar que fai saltar as alarmas nunha destas revisións, o do incremento de máis dunha vintena de persoas empadroadas no último semestre.

Concretamente, atendendo aos datos da OCE, no censo vixente para os comicios do 28A en Rábade teñen dereito ao voto 1.282 persoas, das que 1.269  figuran no censo interior e 63, no de "residentes ausentes". Estas cifras son practicamente idénticas aos de comezos de 2018, pero superiores ás do último semestre, cando o número de persoas con dereito ao voto chegou a baixar da 1.200.

A Oficina do Censo Electoral non recibiu resposta convincente do Concello de Rábade sobre as comprobacións de eventuais irregularidades e por iso foi incluído no listado

Atendendo ao estipulado na normativa electoral vixente, diante desta alerta a Oficina do Censo Electoral púxose en contacto co Concello de Rábade -cuxo goberno está encabezado pola formación Independentes por Rábade- para "verificar" que as altas "sospeitosas" son realmente persoas que residen no municipio. Cando un consistorio recibe un requirimento deste tipo, debe poñerse en contacto coa veciñanza afectada e realizar as comprobacións requiridas para, no caso de detectaren algunha fraude, dalas de baixa. Acto seguido, debe comunicar á OCE o resultado da xestión. Para facelo, ten 15 días de prazo.

Pero, atendendo á información divulgada pola OCE no inicio do período electoral do 28A, o consistorio rabadense non respondeu ao requirimento con explicacións "satisfactorias" que despexasen as sospeitas. Por este motivo é incluído na relación de concellos cun "incremento de residentes significativo e non xustificado" e esta circunstancia foi notificada á Xunta Electoral Central. Deste xeito, as candidaturas que concorren ás xerais poderían, se o consideran oportuno, realizar unha reclamación formal por este incremento do censo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.