A patronal enfróntase ás universidades públicas en defensa da privada que quere Abanca

O actual IESIDE será a base da nova universidade de Abanca © Afundacion

O órgano consultivo da Xunta no que participan representantes económicos e sociais amosa as súas “reservas” sobre o novo centro pero os empresarios desmárcanse do seu ditame e considérano “positivo” para a “oferta” e a “competencia”

O Consello Económico e Social (CES), principal órgano consultivo da Xunta en materia económica e social composto por 33 representantes do empresariado, sindicatos, universidades, confrarías, mundo agrario e consumidores, vén de pronunciarse nun ditame oficial aprobado polo seu pleno amosando as súas “reservas” sobre diversos elementos da universidade privada que impulsa Abanca. Un ditame que conta cun voto particular dos sindicatos no que se amosan máis críticos aínda co proxecto e outro dos representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) que defende o centro privado por consideralo “positivo” para a “oferta” e a “competencia”.

As tres universidades públicas galegas xa se pronunciaran en contra da universidade privada de Abanca -denominada Universidad Intercontinental de la Empresa- no Consello Galego de Universidades, órgano no que a Xunta ten maioría e impuxo a súa visión favorable ao proxecto. Apoio expresado tamén polo propio Feijóo que considera que é “unha iniciativa sen ánimo de lucro”. A decisión final deberá plasmarse a través dunha lei específica impulsada pola Xunta que estará en mans da maioría absoluta do PP no Parlamento de Galicia, pero previamente a consulta formulada polo Goberno galego ao CES vén de recibir un ditame crítico.

Pleno do CES durante unha comparecencia hai un ano da conselleira de Política Social CC-BY-SA Xunta de Galicia

O CES di sobre o proxecto que “sen entrar a facer un control de legalidade, non pode entrar a valoralo positivamente e manifesta as súas reservas"

Nese documento o CES sinala sobre o proxecto de lei que autorizaría a universidade de Abanca que “sen entrar a facer un control de legalidade, non pode entrar a valoralo positivamente e manifesta as súas reservas tanto polo feito de que no mesmo non se especifica cales son, en concreto, as titulacións oficiais ofertadas, como por recoller a impartición dun grao por un instituto universitario, cando este último debe estar destinado a I+D+i segundo a regulamentación estatal e galega sobre os institutos universitarios”. O CES tamén dubida de que a universidade privada supoña unha ampliación e non unha redundancia da oferta pública xa existente.

Dese ditame aprobado formalmente polo CES distáncianse, con senllos votos particulares, por un lado os sindicatos CIG, UGT, CCOO e Sindicato Labrego Galego, e por outro a Confederación de Empresarios. Os primeiros dubidan da liberdade académica da nova universidade, da súa aposta real pola investigación e do efecto que pode ter sobre o sistema universitario público. “O proxecto non parece máis que unha escola de negocios que quere vender os seus cursos baixo o selo de calidade ‘Universidade’”, chega a dicir ese voto particular dos sindicatos.

A patronal di que "non debe entenderse como unha prohibición absoluta" a esixencia legal de que "o catálogo de titulacións ofertadas deberá ser complementario e non reiterativo"

Pola súa banda, o voto particular da patronal considera que “se cumpren os requisitos esixidos para o recoñecemento da nova universidade, sendo positivo que esta veña a complementar a oferta do sistema público universitario da nosa comunidade autónoma, en aras dunha maior competencia e especialización das persoas”. Os representantes dos empresarios no CES rexeitan o argumento do ditame aprobado de que a oferta de titulacións do novo centro deba ser complementaria da pública. Malia que a lei galega de universidades establece como “requisito” do que esixe o seu “cumprimento” que “o catálogo de titulacións ofertadas deberá ser complementario e non reiterativo respecto ás titulacións preexistentes”, a CEG asegura que iso “non debe entenderse como unha prohibición absoluta”.

Os empresarios tamén rexeitan a crítica de que a nova universidade pretenda impartir docencia a través de institutos universitarios pensados para a investigación asegurando que “estamos ante unha mera cuestión de denominación/nomenclatura dos centros baseada nunha interpretación literal do disposto na Lei Orgánica 6/2001”. Fronte a esa “interpretación literal” da lei que rexeitan, os empresarios aseguran que os centros da nova universidade “adoptan a denominación de Instituto Universitario pero en ningún caso terán carácter de centro de investigación” e “son unidades exclusivamente docentes con independencia da súa denominación”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.