"A sentenza absolutoria non supón, en absoluto, que se fixese xustiza"

Joám Peres, terceiro pola esquerda, nunha rolda de prensa © Causa Galiza

A Audiencia Nacional absolveu a pasada semana as doce persoas integrantes de Causa Galiza e Ceivar que foran acusadas de enaltecemento do terrorismo e para quen a Fiscalía solicitaba condenas de entre 4 e 12 anos de cárcere (sumando en total máis dun cento de anos de condena). A sentenza tamén rexeita a disolución de Causa Galiza e Ceivar como pedira o Ministerio Público, polo que quedan tamén sen efecto todas as medidas cautelares impostas contra ambas organizacións. A formación política Causa Galiza mesmo chegara a ser ilegalizada en abril do ano 2016, unha decisión que foi anulada oito meses despois. Falamos con Joám Peres,  un dos procesados e portavoz dos encausados. 

Como se sente tras a absolución?

Para nós no persoal é unha certa liberación porque había para todos condenas de prisión e posibilidade de que dúas organizacións --unha política e outra antirrepresiva-- fosen ilegalizadas, co precedente xurídico que iso crearía á hora de reorganizar ambas liñas de actuación. Tamén había un paquete de medidas económicas e laborais que implicaban que mesmo algunhas persoas perdésemos o noso traballo na Administración Pública. 

"Sentimos alivio no persoal e satisfacción no politico; a forma na que remata o proceso evidencia a montaxe política"

Senten alivio?

Hai alivio no persoal e satisfacción no político porque, aínda que a Audiencia Nacional a nós non nos dá nin nos quita razóns, a forma na que remata o proceso evidencia que en 2015, os mandos do Ministerio do Interior que actualmente están imputados na operación Kitchen e Arsenio Fernández de Mesa, que era director xeral da Garda Civil, organizaron unha montaxe política para, no contexto do tema catalán e do conflito vasco, dar unha especie de lección ao independentismo. Crearon un brazo politico, a desarticulación dunha suposta organización terrorista... O delegado do Goberno, Santiago Villanueva, validou a tese absolutamente e a día de hoxe, nun réxime minimamente democrático, alguén tería que responder e cesar no seu cargo pero é evidente que aquí isto non sucede.

Carteis da organización política Causa Galiza © Causa Galiza

Temían unha situación así?

Nós, como militantes independentistas, eramos conscientes absolutamente do que implica o compromiso independentista neste país. Eramos coñecedores que este tipo de montaxes policiais e operacións políticas prodúcense e que podíamos ser albo dalgunha deste tipo. Aceptabamos que o compromiso militante supoñía un certo nivel de risco polas condicións que se dan no Estado español. 

Teñen previsto algún recurso ou resposta tras estes cinco anos?

Agora mesmo, a través das nosas defensas, estamos estudando a posibilidade de demandar a un conxunto de medios de comunicación, practicamente a totalidade dos que actúan en Galiza, pola participación no proceso de criminalización que se deu durante cinco anos. Por outra banda, veremos que liñas de actuación, a nivel penal, pode haber sobre as autoridades do Ministerio do Interior, a Delegación do Goberno e determinados cargos políticos, pero somos bastante escépticos sabendo como actúa o Estado español. Non cremos que dea ningún resultado práctico pero estámolo estudando e actuaremos na medida das posibilidades. 

Sorprendeulles a contundencia da sentenza?

Persoalmente, e creo que colectivamente, sorprendeunos porque estabamos convencidos de que, se ben era posible que o teito máximo das peticións da Fiscalía non se executasen na práctica, si que había unha posibilidade altísima de que varias persoas entrásemos en prisión e de que dúas organizacións fosen ilegalizadas. Iso facía parte dun horizonte realista á vista doutros procesos similares con outras organizacións políticas e xuvenís. Sorprendeunos e entendemos que é froito dos equilibrios que pode haber dentro do poder xudicial e que se escapan ao noso coñecemento e á situación de crise do réxime. Igual que a vaga de detencións fixo parte dunha situación política, a sentenza absolutoria fai parte doutra distinta. 

"Sorprendeunos a contundencia da sentenza, pero cremos que é froito dos equilibrios no poder xudicial e da situación de crise do réxime"

Que foi o peor destes cinco anos?

O peor é a incerteza persoal sobre como pode derivar a vida particular de cada un de nós en cuestión de meses ou anos. Porque a Audiencia Nacional dilatou intencionadamente o proceso; pasaron anos durante os que na investigación non se moveu un papel e temos constancia pola nosa defensa. O propio tribunal favoreceu que un proceso que tiña unha resolución limitada no tempo se prolongase durante cinco anos ata chegar a un punto que houbo que celebrar un xuízo porque, senón, a causa tiña que arquivarse. Tivemos unha espada de Damocles de ingreso na cadea durante cinco anos. 

Cabeceira dunha manifestación celebrada en Compostela en solidariedade cos 12 militantes de Causa Galiza e Ceivar xulgados na Audiencia Nacional ©

Foron demasiadas reviravoltas no proceso xudicial?

Nalgún momento, Causa Galiza foi suspendida de actividades cautelarmente, acusada de brazo político dunha organización supostamente armada, logo devolveúselle o estatus legal; nós fomos imputados por pertenza a organización armada, logo quitóusenos esa imputación, en 2018 íamos ser xulgados por enaltecemento do terrorismo e todo volve dar unha volta en 2019 cando García Castellón se fai cargo da instrución e aparece unha banda criminosa da que nunca se falar nin nunca fora investigada e na que todos aparecemos imputados como pertencentes. Isto levaba a multiplicar todas as posibilidades penais. 

E no político?

A Garda Civil e a Audiencia Nacional, durante cinco anos, mantiveron unha organización e todo o corpo social do seu arredor na máis absoluta incerteza e indefensión. A posibilidade da ilegalización sentaría un precedente xurídico que implica medidas similares que se supoñen sucesoras das disoltas. 

Senten que se fixo xustiza ou iso é imposible cando se tarda cinco anos en ter unha sentenza?

Xustiza era evidente que non ía haber porque estabamos nun tribunal de excepción, un tribunal preconstitucional, sucesor do Tribunal de Orden Público do franquismo e que vén cumprir funcións similares. En ningún momento esperabamos nin demandabamos xustiza por parte da Audiencia Nacional e tampouco consideramos que a sentenza absolutoria faga xustiza. É máis froito dun cálculo político do Estado da que se nos escapan as razóns que dunha decisión ecuánime que críamos que non se ía producir nunca. 

"Que haxa unha sentenza absolutoria para nós en absoluto supón que exista xustiza; foi máis froito dun cálculo político do Estado"

Daquela, non considera que se fixese xustiza?

Non se pode falar de xustiza cando houbo asaltos armados a domicilios, fomos sacados da cama a punta de metralleta, conducidos a Madrid nunhas condicións pésimas, estivemos tres días secuestrados en calabozos infraalimentados e nunha tensión permanente; e durante cinco anos pasamos de ser terroristas a non selo... Foi unha montaña rusa durante anos que afectou tamén o contorno familiar, social e político. Que haxa unha sentenza absolutoria para nós en absoluto supón que exista xustiza. Simplemente se restituíu a posición na que estabamos hai cinco anos. Todo o que pasou a posteriori, a partir de 2015, foi represión politica pura e dura. Unha montaxe política da Garda Civil e a demostración práctica, se alguén necesitaba dalgunha evidencia, de que neste Estado existe a persecución de movementos politicos. Non é un Estado de Dereito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.