A USC pide á Xunta que paralice a universidade privada que impulsa Cesuga

Claustro da USC celebrado este pasado xoves © Santi Alvite

Primeiro foi a Universidade da Coruña (UDC) quen, a través do seu reitor, Ricardo Cao, deixou clara a súa defensa da universidade pública e o rexeitamento á creación da universidade privada que impulsa o grupo empresarial educativo Cesuga. Agora é o Claustro da Universidade de Santiago (USC) quen vén de aprobar unha declaración institucional tamén en defensa da educación pública e pedindo que se paralice a creación da xa denominada Universidade Emilia Pardo Bazán. 

Nesta declaración, segundo indica a propia universidade, a USC "insta o Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia, a ACSUG (Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia) e o Consello Galego de Universidades a paralizar o proceso de creación da Universidade Emilia Pardo Bazán", reiterando "o compromiso da USC cun modelo universitario público, de calidade, inclusivo, cooperativo, planificado e ao servizo da sociedade galega". 

Acto de presentación da futura Universidade Emilia Pardo Bazán, na Coruña © Cesuga

O impulso a esta universidade privada, cuxo proxecto foi xa presentado polos accionistas de Cesuga, foi un dos temas tratados nun Claustro que abordou tamén o informe do valedor da comunidade universitaria do curso pasado, así como o informe de xestión do curso que agora remata, o último correspondente ao equipo de goberno do actual reitor, Antonio López. 

O Claustro da USC insta a Parlamento, Xunta e ACSUG a "paralizar o proceso de creación da Universidade Emilia Pardo Bazán"

O proxecto de Cesuga foraza xa lanzado hai catro anos, pero agora preséntase coa idea de iniciar a súa andaina no curso 2026-27 tras unha presentación acollida polo Concello da Coruña e apoiada pola súa alcaldesa, Inés Rey. Cesuga pretende crear campus propio en Galicia, deixar de ser só un centro adscrito e desvincularse así da Universidad San Jorge (USJ), con sede en Zaragoza e da que depende como antes dependera da University College Dublín.

De feito, tal e como publicou o Goberno de Aragón, a desvinculación está prevista cando remate o vindeiro curso 2025-26, momento no que Cesuga espera contar con todas as autorizacións administrativas necesarias. Polo momento, conta cun informe desfavorable —non vinculante— da Conferencia Xeral de Política Universitaria (CGPU) onde nin tan sequera foi apoiada pola Xunta, que agora di que espera unha aclaración do Goberno de España logo de que Inés Rey e impulsores do centro privado asegurasen que tiñan o visto e prace do Executivo central. 

Cesuga conta cun informe desfavorable do Ministerio, que traslada á Xunta a responsabilidade de permitir a creación da universidade privada

Mentres o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades traslada á Xunta a a responsabilidade sobre o impulso ou non desta universidade privada, aclarando que o seu informe non é vinculante, o Goberno galego advirte que xa recibiu nova documentación económica e sobre as infraestruturas necesarias por parte de Cesuga, coa que se intenta esquivar os reproches chegados do Estado.

Futuro escudo da Universidade Emilia Pardo Bazán © Cesuga

As críticas ante a presentación do proxecto de Cesuga foron importantes, especialmente desde os sindicatos. Moitas delas á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, pola suposta incongruencia de que unha dirixente socialista apoie esta iniciativa mentres o goberno de Pedro Sánchez ultima unha reforma para endurecer os requisitos para a creación de universidades privadas e poñer couto ao que considera unha proliferación excesiva e sen control do que chegou a denominar "chiringuitos"

A Xunta recibiu nova documentación de Cesuga e espera unha "aclaración" do Goberno de España sobre os seus informes

"A universidade non pode ser unha fábrica de títulos sen garantía", dixera o presidente do Executivo sobre as intencións do seu goberno de promover, por exemplo, que a partir de agora se teña que esixir aos proxectos para universidades privadas outro informe, este si vinculante, realizado pola axencia de avaliación Aneca ou as equivalentes en cada comunidade.

Desde Cesuga, Venancio Salcines, o seu presidente, aclarou a Radio Coruña que, no caso de non recibir o informe favorable da Xunta, o grupo seguirá adscrito a outra universidade privada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.