A Valedora do Pobo pide á Xunta que pense nos menores e non sexa tan estrita para recoñecer as familias monoparentais

Unha nai coa súa filla, nunha cidade galega CC-BY-SA Xunta

O Goberno galego esixe que se lle presenten resolucións xudiciais e non acepta convenios reguladores entre proxenitores asinados ante notario malia que o Supremo tamén os considera válidos

"Convén recordar que o interese superior da persoa menor esixe considerar a satisfacción das súas necesidades básicas". Con esa e outras expresión similares vén de pedir a Valedora do Pobo á Xunta que non sexa tan estrita coa documentación que esixe para recoñecer as familias monoparentais, o que lles facilita o acceso a axudas e recursos públicos. 

A Valedora fai a súa suxestión tras constatar que o Goberno galego non acepta como proba de que un pai ou unha nai cría o seu fillo ou filla en solitario os convenios reguladores voluntarios asinados ante notario nos que o outro proxenitor certifica que non ten relación coa súa descendencia. A Xunta só acepta sentenzas xudiciais para acreditar esas situacións malia que a defensora lembra que o Tribunal Supremo considera tamén válidos os convenios ante notario.

Unha nai coa súa filla, nun parque de Galicia CC-BY-SA Xunta

A suxestión da Valedora á Consellería de Política Social parte dunha queixa formulada por unha nai á que a Xunta denegou o recoñecemento da condición de familia monoparental. A muller argumentou ante a Administración que a súa filla fora froito dunha "relación casual e efémera" cun cidadán doutro país co que nunca conviviu. O pai recoñeceu a filla pero non ten relación con ela e a muller presentou como documento xustificativo un convenio regulador asinado ante notario que estableceu que as dúas partes non convivían e que atribuíu por completo a garda e custodia da menor á nai. 

Política Social non aceptou o documento notarial e esixiu unha sentenza xudicial que aprobe o convenio regulador, argumentando á Valedora que a supervisión xudicial coa participación da Fiscalía "é unha garantía que debe ser aplicada en todos os procedementos relacionados coa custodia, en aras a garantir o interese superior da persoa menor".

Pero a Valedora discrepa. Por unha banda salienta que a Xunta non discute no caso analizado "que a interesada non convive con outra persoa", polo que esta só ten que acreditar "que a súa filla está a cargo dela sen que exista custodia compartida". E iso, considera a Valedora, pode facerse co convenio regulador ante notario aínda que non houbese pronunciamento xudicial. "Neste sentido, a xurisprudencia do Tribunal Supremo establece que os convenios reguladores, aínda que non estean ratificados, son negocios xurídicos eficaces e válidos", di a Valedora.

Sede do Valedor do Pobo, xunto ao Parlamento de Galicia © Google

A Valedora di non entender en que pode afectar ao interese superior dos menores un recoñecemento de familia monoparental se é para facilitarlles axudas ou recursos públicos

Pero a defensora do pobo vai máis alá e analiza o argumento da Xunta de que esixe unha sentenza xudicial e non só un convenio regulador ante notario polo "interese superior da filla menor". A Valedora está de acordo con ese principio, pero di que "non alcanza a comprenderse en que medida afecta á filla menor que a Administración considere a súa como unha familia monoparental, tampouco parece que a expoña a un perigo, máis ben ao contrario". E lembra que ese recoñecemento "facilita o acceso á renda de inclusión social de Galicia e a outras axudas, ao programa Vacacións Familiares e aos campamentos e residencias xuvenís". Medidas que para a Valedora "contribúen" ao obxectivo de velar polo interese superior do menor e das súas necesidades básicas. 

A Valedora mesmo ve na esixencia documental da Xunta unha "forma de coerción" aos proxenitores

"En definitiva, non parece que a falta de ratificación xudicial do convenio afecte ao interese superior da menor no ámbito concreto do recoñecemento da condición de familia monoparental", resume a Valedora, que mesmo presenta a negativa da Xunta "como forma de coerción para que os proxenitores homologuen xudicialmente o acordo". Así que conclúe suxerindo a Política Social "que valore considerar acreditada a condición de familia monoparental cando se probe por calquera medio válido en dereito, incluíndo os convenios reguladores non ratificados xudicialmente".

A suxestión da Valedora, formulada o pasado 6 de xuño, cando a filla do caso concreto analizado xa deixara de ser menor de idade, está aínda pendente de ser aceptada ou denegada pola Xunta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.