A xuíza De Lara pide investigar a Feijóo polos agasallos de Monbus coa oposición do fiscal

Sede de Monbús, no polígono da Louzaneta de Lugo © Google

Argumentos de ida e volta entre a xuíza Pilar de Lara e a Fiscalía Provincial de Lugo a respecto da Operación Cóndor e, máis concretamente, dos viños de luxo Vega Sicilia remitidos durante anos pola empresa Monbus a máis dun cento de políticos, técnicos e militares por un importe próximo a medio millón de euros. No marco da causa secreta na que o principal investigado é o propietario da empresa de transportes, Raúl López, a titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo indaga dende hai un ano no que considera indicios "dun ou varios delitos continuados de suborno" por parte do empresario e de varias das persoas agasalladas. No caso dos políticos -algúns deles devolveron os presentes e nalgúns casos os informes non ratifican o seu destino final- a maxistrada reitera a súa intención de que sexan investigados dirixentes como o presidente da Xunta, o vicepresidente, Alfonso Rueda, ou o ex-ministro José Blanco. E faino coa oposición do fiscal xefe de Lugo, que non ve no sucedido nada "susceptible de ser considerado como ilícito penal".

O feito de que varios dos políticos aos que De Lara quere investigar -antiga imputación- sexan aforados impide a maxistrada actuar contra eles directamente, xa que os casos nos que se vexan inmersos deben abordarse no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, para dirixentes autonómicos, ou no Supremo, se son electos no ámbito estatal. O primeiro movemento de De Lara para levar ante o TSXG a Alberto Núñez Feijóo, Rueda e mais o ex-voceiro de infraestruturas do PP, Alejandro Gómez, e ante o TS a Blanco por seren destinatarios dos envíos de López produciuse a finais de 2015. Antes de facelo pediu a opinión á Fiscalía, que nun informe do fiscal Jesús Álvarez observou "indicios consistentes" de presunto suborno e apoiou que a causa seguise adiante.

Un primeiro informe da Fiscalía de Lugo observou "indicios consistentes" de suborno e outro considerou que os envíos de viño carecen de "relevancia penal"

Segundo a documentación do caso á que tivo acceso Praza.gal, De Lara apoiouse nese informe do Ministerio Público para, en abril deste ano, abrir senllas pezas separadas sobre os aforados co obxectivo de que fosen investigados por presunto suborno. Foi neste punto no que o fiscal xefe de Lugo, Roberto Brezmes, ante a posibilidade que "unha cuestión substancialmente idéntica" acabase sendo tratada en diferentes territorios e dada a disparidade de criterios en casos coma este, decidiu dirixirse á Fiscalía Superior de Galicia e máis á Fiscalía Xeral do Estado para obter un criterio común ao respecto. Tras recabar esa información concluíu que "non cabe outra posible solución que o arquivo dos procedementos" por tratar feitos sen "relevancia penal".

Máis de 400 euros, por riba dos "usos sociais"

Tras o pronunciamento do fiscal a xuíza seguiu, no entanto, adiante co proceso "en base ao sagrado principio de independencia xudicial", segundo un auto ditado o pasado outubro a cuxo contido tivo acceso este diario. Arquivar o caso sería "prematuro", argumenta De Lara, xa que a instrución non está "completa" e "cando menos indiciariamente, os feitos si poderían revestir caracteres de delito de suborno", concretamente o encadrado no artigo 422 do Código Penal, que tipifica a recepción de agasallos por parte de cargos públicos sen que impliquen unha contrapartida directa para quen agasalla, neste caso o presidente de Monbus. Trataríase, segundo a xuíza, dun "suborno de facilitación", a "admisión de vantaxes en consideración ao cargo ou función".

De Lara cre que os agasallos de Monbus teñen "capacidade para turbar a imparcialidade" dos políticos

Ante os "informes contraditorios" da Fiscalía e aos dispares criterios sobre o que é ou non un soborno citados nos informes do Ministerio Público -as vixentes leis de transparencia ou códigos éticos de partidos políticos e institucións internacionais- a xuíza ve necesario fixar un "criterio" no caso. Para De Lara, unha referencia axeitada pode ser o límite "que nos delitos patrimoniais marca a diferenza entre delitos leves e menos leves", o importe de 400 euros. Así, argumenta, "todo agasallo que exceda tal suma vai alén dos usos sociais" que "poden ser considerados mera cortesía" e pasan a ter "capacidade para turbar a imparcialidade e probidade dos funcionarios e autoridades". Segundo a investigación do caso, os viños remitidos por López a Feijóo e Rueda sumaban máis de cadanseus 2.300 euros, e por iso decidiu continuar.

Recurso da Fiscalía rexeitado por De Lara

O auto da xuíza foi retrucado dende a Fiscalía cun recurso datado no pasado 4 de novembro. Nel o fiscal xefe reitera que, alén do importe de cada agasallo -"non pode constituírse un delito continuado nin sumarse os importes dos agasallos recibidos nos sucesivos anos", advirte-, cómpre ter en conta outros criterios, como os "niveis de tolerancia social" sobre estas condutas no momento en que se produciron ou que os preceptos dos códigos éticos agora vixentes en institucións com oa Xunta "deben proxectarse ao futuro e non ao pasado".

O fiscal salienta que cando foron enviados os agasallos "unha parte maioritaria da sociedade considerábaos usos sociais arraigados" e "non son susceptibles de seren considerados ilícito penal"

"Na data en que ocorreron os feitos aínda non cristalizara unha norma ética que establecese límites máximos para a aceptación de agasallos", di o fiscal, e "aínda que a conduta de recibir lotes de botellas de viño no Nadal por autoridades e funcionarios non se axusta actualmente" a eses códigos de "administración moderna, transparente e eficiente", o "certo" é que "nos anos en que se realizaron, unha parte maioritaria da sociedade os consideraba como usos sociais arraigados, alleos ao ámbito xurisdiccional penal". Adicionalmente, coida que neste caso concreto os agasallos de Monbus "de ningún modo teñen a capacidade de influencia mínima e ncesaria para interferir no exercicio das funcións públicas" dos políticos aos que De Lara quere investigar. "Independentemente do que pretendese o remitente (...), non son susceptibles de seren consideradas como ilícito penal", conclúe.

O recurso da Fiscalía foi desestimado por De Lara apenas unha semana despois. Entre os argumentos que invoca para facelo está o referido á aceptación social dos agasallos a políticos: "A súa inadmisión social provocou non só unha situación de alarma social e mediática, senón a aprobación dos sucesivos códigos éticos", resalta. Ela, di, non está en condicións de "excluír" que "os agasallos recibidos poidan ser recompensa por actos de favorecemento realizados", e por iso reitera a súa intención de trasladar o asunto ao TSXG e mais ao TS, elevación que xa realizou para que estes tribunais decidan se investigan os políticos por estaren na lista de destinatarios dos agasallos de Monbus.

Raúl López, presidente de Monbus, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.