A xuízo por falsidade e delito urbanístico o ex-alcalde popular de Campo Lameiro, a quen a Fiscalía pide sete anos de cadea

Homenaxe do PP a Julio Sayáns en 2020 un ano despois de deixar o cargo de alcalde que ocupou 36 anos © PP de Pontevedra

O rexedor autorizou verbalmente mudar o emprazamento dunha depuradora que acabou ocupando unha zona verde e unha parcela privada, segundo o relato do ministerio fiscal

Julio Sayáns, alcalde primeiro independente e despois popular de Campo Lameiro durante 36 anos ata 2019, cando foi substituído por un compañeiro de partido, será xulgado a próxima semana, segundo informa a Fiscalía, por falsidade e delito urbanístico pola súa actuación na construción acelerada en 2014 dunha nova depuradora nun polígono industrial da vila ocupando unha parcela privada e outra que debía ser zona verde. A Fiscalía pide para el penas que suman máis de sete anos de cadea nun caso no que tamén acusa á secretaria municipal e un enxeñeiro. 

Tras deixar o cargo, Sayáns foi homenaxeado polo PP polo “legado fecundo” dos seus 36 anos na alcaldía. Durante eles o principal atractivo turístico do municipio, os seus petroglifos, foron musealizados nun parque arqueolóxico cuxa xestión foi adxudicada pola Xunta a unha empresa dun fillo de Sayáns, envolta en 2015 nunha polémica por danar un dos gravados ao limpar a parcela cun tractor e non a man.

Visita do delegado da Xunta e Sayáns ás obras da depuradora o 11 de novembro de 2014, un día anes de que o alcalde asinase a recepción dos traballos CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo o relato dos feitos que fai a Fiscalía no seu escrito de acusación, en 2014 o alcalde de Campo Lameiro encargou a un enxeñeiro realizar un proxecto de construción dunha nova depuradora para substituír á existente no polígono industrial da Facha, construída en 2007 e que resultaba insuficiente. O enxeñeiro elaborou un anteproxecto que foi empregado “erroneamente” polos investigados como se fose o prego de condicións técnicas para contratar a obra a executar posteriormente, que non confeccionaron como tal malia ser obrigatorio. A secretaria municipal, di a Fiscalía, actuou así “con absoluto desprezo polas normas administrativas que regulan a contratación de obras públicas e con pleno coñecemento”.

Pero é a partir dese momento cando o foco da Fiscalía se centra no alcalde. As obras comezaron en outubro de 2014 e consistían na retirada da vella depuradora e na instalación dunha nova no mesmo lugar. “Non obstante durante a execución dos traballos de instalación da nova depuradora púxose de manifesto que pola natureza do terreo e dado o maior volume da nova estación depuradora non se podía instalar no mesmo lugar que ocupaba a anterior”, di a Fiscalía. O alcalde, “actuando cun total desprezo pola aplicación das normas administrativas e sen efectuar ningunha modificación do proxecto de obra e moito menos no expediente administrativo autorizou verbalmente” ao enxeñeiro ao que encargara o proxecto “o cambio de localización e orientación da nova depuradora”.

O novo emprazamento supuxo ocupar parcialmente dúas parcelas non previstas inicialmente, unha das cales era propiedade dunha empresa e outra estaba cualificada como zona verde.

A Fiscalía di que “a actuación dos investigados” afectou “ao interese público e ao interese particular dado que ocasionouse un prexuízo directo á entidade titular da finca parcialmente ocupada”

O 12 de novembro de 2014, menos dun ano despois de que se iniciase a elaboración do proxecto e un día despois de que visitase as obras o delegado da Xunta, que cofinanciou os traballos, a depuradora era recibida nun acta asinada polo alcalde e o enxeñeiro na que se afirmaba “que as obras se executaron de conformidade co proxecto de obras aprobado pese a que se cambiaran de forma substancial a localización e a orientación da estación depuradora e tamén non obstante o feito de que non se comprobou se o terreo onde se emprazou finalmente a nova depuradora era titularidade do Concello”.

A Fiscalía conclúe que “en definitiva a instalación da nova estación depuradora efectuouse sobre unha zona na que non se podía construír esta instalación dadas as características do solo segundo o planeamento municipal”, polo que ao seu ver “a actuación dos investigados” afectou “ao interese público e ao interese particular dado que ocasionouse un prexuízo directo á entidade titular da finca parcialmente ocupada”. 

Sayáns, á esquerda de Feijóo, na inauguración en 2011 do parque arqueolóxico dos petroglifos de Campo Lameiro adxudicado pola Xunta a unha empresa dun fillo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Por estes feitos a Fiscalía pide para Sayáns catro anos e seis meses de cadea e catro anos de inhabilitación por “un delito de falsidade de documento público, oficial ou mercantil cometido por unha autoridade ou funcionario público” e outros dous anos e nove meses de cadea por outro “delito contra a ordenación do territorio ou contra a disciplina urbanística”. A secretaria municipal está acusada de prevaricación urbanística cunha petición de dous anos e medio de cadea e 12 anos de inhabilitación. E para o enxeñeiro pide un ano e nove meses de cadea por un delito de falsidade cometido por un particular e dous anos e nove meses de cadea por un delito contra a ordenación do territorio. A Fiscalía tamén pide “a demolición das obras e a reposición ao seu estado orixinario” esixindo aos tres acusados unha fianza polo que custen os traballos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.