A Xunta admite que tarda un ano en resolver os conflitos de transporte entre empresas ou con particulares

Reunión hai un ano da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co sector do transporte na que prometeu reforzar a Xunta Arbitral de Transportes que agora admite que se ve superada CC-BY-SA Xunta de Galicia

O goberno galego, superado pola tramitación de 550 expedientes ao ano, subcontrata un servizo de apoio para as súas arbitraxes en materia de transportes 

A Xunta Arbitral de Transportes de Galicia é un órgano extraxudicial de resolución de conflitos no sector do transporte ao que poden acudir empresas ou particulares afectados por algún incumprimento nese eido. Actualmente tramita "ao redor de 550 expedientes ao ano" que tardan uns 12 meses en rematarse, segundo admite o propio Goberno galego. 

Ante "a constatación do crecemento do volume de reclamacións formuladas" agora a Xunta vén de sacar a concurso a subcontratación dun servizo de apoio á xunta arbitral. O contrato terá unha duración dun ano prorrogable outro máis cun orzamento de ata 208.000 euros máis IVE.

A Xunta admite que se están acumulando os expedientes de reclamación da Xunta Arbitral do Transporte CC-BY-SA Praza Pública

Á xunta arbitral, creada en 1991, poden acudir tanto persoas consumidoras e usuarias como empresas e profesionais do sector para reclamar impagamentos de servizos de transporte, danos ou perdas en equipaxes ou paquetería ou cobros excesivos en transportes públicos ou en alugueiros de vehículos sen condutor. A xunta recibe os argumentos das partes implicadas e se a reclamación excede de cen euros está obrigada a celebrar unha vista oral entre elas. Despois emite un laudo arbitral de obrigado cumprimento e valor similar ao dunha sentenza xudicial.

Segundo sinala a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como xustificación do contrato que agora quere adxudicar, "actualmente vense tramitando ao redor de 550 expedientes ao ano cun tempo de tramitación medio ata a celebración das vistas orais de 9 meses e 3 meses máis ata o remate dos expedientes".

O aumento das reclamacións fai "que se acumulen os expedientes e se atrasen aínda máis as súas resolucións", recoñece a Xunta

"A constatación do crecemento do volume de reclamacións formuladas, non só no ámbito das presentadas por persoas usuarias senón, especialmente, nas formuladas no ámbito estritamente sectorial, entre empresas, están facendo que se acumulen os expedientes e se atrasen aínda máis as súas resolucións", explica o Goberno galego. Por iso, di, o seu "interese en contar cun apoio externo especializado que dea asistencia" á xunta arbitral.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nun autobús do sistema concesional galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

A acumulación de traballo na xunta arbitral non é a única que está a rexistrar a Xunta no eido da mobilidade. Como contou Praza.gal, o Goberno galego tamén tarda máis do que dura o curso en responder as peticións e queixas das familias no eido do transporte escolar. Mentres, no eido do transporte público regular en autobús, a Xunta vén de facer público que 4 de cada 10 viaxes non son puntuais, entre outras eivas detectadas na segunda avaliación anual do novo plan de transporte galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.