Hai quince anos, o Goberno de coalición de PSdeG e BNG aprobou a primeira lei de transparencia da historia da autonomía. Entre os seus preceptos figuraba que pasase a ser pública unha parte do Rexistro de Convenios creado polo Executivo do PP de Fraga en 2002 para centralizar os acordos do Goberno galego con empresas, entidades ou outros gobernos. Quedaba así fixada por decreto a publicación, no sitio web da Xunta, de aspectos como as entidades asinantes de cada acordo e a súa dotación económica.
Entre xaneiro e novembro, a Xunta divulgara no Rexistro de Convenios só tres das ducias de acordos asinados con empresas, entidades e outros gobernos
Dez anos máis tarde, en 2016, a nova lei de transparencia impulsada polo Executivo do PP de Alberto Núñez Feijóo (dentro das medidas coas que quixo contrarrestar os casos de presunta corrupción que naquela altura erosionaban o PP) e a nova regulamentación da materia a nivel estatal ampliaron esa información pública. O Rexistro de Convenios pasaría a divulgar tamén aspectos máis concretos de cada acordo da Xunta con empresas, entidades ou outros gobernos, tales como a memoria xustificativa ou mesmo o seu texto íntegro.
Este evidente avance veuse atrancado en varias ocasións polo propio Goberno mediante varios períodos de parálise na súa publicación. O máis recente estendeuse dende o pasado xaneiro ata este novembro de 2021, período no que a Xunta só fixo públicos tres convenios: dous asinados o día 4 e outro, o día 15 dese mesmo primeiro mes do ano. Mentres, como consta no Diario Oficial de Galicia -a periodicidade da publicación no DOG de listaxes xenéricas dos convenios si está marcada na lei, non así a actualización do rexistro web- evidenciaba que o Goberno si asinara ducias de convenios.
Os convenios que agora comezan a ser publicados son de consellerías e materias diversas: dende o turismo aos transportes ou os medios de comunicación
O reinicio destas actualizacións chegou neste mes de novembro con, cando menos, medio cento de convenios publicados -así constaba na consulta realizada por Praza.gal no momento da elaboración desta informacón, o 11 de novembro-. Trátase de acordos de diversos departamentos do Goberno galego e de materias dispares, tanto con outras institucións públicas como con entidades e empresas privadas. A maioría son de comezos de ano, agás un rubricado o 19 de outubro pola Axencia Turismo de Galicia co Concello de Valga para acondicionar un sendeiro no Camiño de Santiago.
Entre restantes convenios agora publicados -na devandita consulta deste 11 de novembro- están, por exemplo, unha achega de 426.258 euros da Consellería de Infraestruturas ao Concello de Ribeira para bonificacións no transporte, a renovación do acordo da Xunta co INE para a recolleita de datos da Enquisa de Poboación Activa (sen achega económica) ou outro da Secretaría Xeral de Medios coa sociedade pública Retegal (410.000 euros) para "actualizar a rede pública autonómica de servizos de comunicación audiovisual e outros equipamentos".
Tamén ligados aos medios de comunicación están once convenios agora divulgados pola Consellería de Cultura e Educación, que nos primeiros días de xaneiro acordou coas empresas editoras de once xornais impresos diversas achegas económicas para distribuíren as súas publicacións en centros de ensino e publicaren contidos de materia educativa. Estes once acordos implican distribuír 558.000 exemplares destes xornais a colexios neste ano 2021 e suman algo máis de 325.000 euros.
Atendendo ao acontecido en anteriores paradas na actualización da parte pública do Rexistro de Convenios, cabe agardar que nos vindeiros días o Goberno galego continúe divulgando documentos pendentes. Nesas anteriores ocasións, a Xunta alegara "problemas derivados da escaseza de persoal" ao ser preguntada por Praza.gal a respecto das causas da parálise. En 2017, por exemplo, a Vicepresidencia e Consellería da Presidencia agregaba que, non obstante, estaba a "reforzar" o persoal encargado desta tarefa para evitar novas demoras.