É habitual que a Xunta, como outros gobernos, formalice os seus acordos con empresas, con outros gobernos ou con diversas entidades públicas ou privadas a través dun convenio. Con esta fórmula xurídica, as partes explicitan os compromisos que asumen nese pacto e as condicións nas que o fan, dende a existencia ou non de achegas económicas ata a duración do acordo, entre outros aspectos.
No ano 2006, o Goberno de coalición de PSdeG e BNG dispuxo, no marco da primeira lei de transparencia da historia da autonomía, que unha parte do Rexistro de Convenios formulado polo Exectivo do PP de Fraga en 2002 tería que ser pública. Quedaba así fixada por decreto a publicación, no sitio web da Xunta, de aspectos como as entidades asinantes de cada convenio e a súa dotación económica.
Unha década despois o Goberno Alberto Núñez Feijóo sacou adiante unha nova lei de transparencia dentro das medidas coas que o Executivo galego quixo contrarrestar os casos de presunta corrupción que, dende a órbita do PP, ameazaban as súas expectativas electorais. Ao abeiro da nova lei e da normativa estatal na materia, ampliou a información da parte pública do Rexistro de Convenios, como a memoria xustificativa de cada un e mesmo o seu texto íntegro.
A Xunta ten dende 2006 a obriga de publicar en internet relacións dos convenios que asina e datos básicos como a súa dotación económica. Dende 2016, a normativa contempla tamén a divulgación de documentación deses acordos
O que supuxo un evidente avance en materia de transparencia, coa obriga legal de publicación íntegra dos convenios asinados dende 2016, veuse atrancado polo propio Goberno a través de varios períodos de parálise na súa publicación. O último esténdese dende o pasado xaneiro, cando a Xunta publicou no rexistro os únicos tres convenios asinados en 2021 que divulgou ata o momento: dous rubricados o día 4 e outro, o día 15 do mesmo mes. Así o reflectía o rexistro este 2 de setembro.
O Goberno publicou só eses tres convenios, pero asinou moitos máis. É posible sabelo porque durante a pasada primavera si foi cumprindo outra das obrigas da normativa en materia de transparencia: a publicación no DOG de relacións dos convenios subscritos polos diversos departamentos da Xunta durante o primeiro cuadrimestre do ano (a periodicidade da publicación no DOG si está marcada na lei, non así a actualización do rexistro web). Así, por exemplo, neses primeiros catro meses de 2021 a Vicepresidencia Primeira subscribiu medio cento de convenios, a Vicepresidencia Segunda rubricou unha ducia e a Consellería de Sanidade, máis de corenta.
Esas publicacións no DOG permiten coñecer as entidades coas que as diferentes consellerías e departamentos asinan convenios e a dotación económica dos mesmos, se existe. Pero o incumprimento da actualización do rexistro obrigado pola lei dificulta a súa busca e consulta por parte da cidadanía, que tamén ve así impedida a posibilidade de obter máis detalles sobre algún destes acordos, se así o desexa.
En anteriores ocasións nas que mantivo paralizada a actualización do rexistro, a Xunta alegou falta de persoal para poder mantelo ao día
En anteriores ocasións nas que mantivo paralizada durante meses a actualización do Rexistro de Convenios, a Xunta alegou "problemas derivados da escaseza de persoal" ao ser preguntada por Praza.gal a respecto das causas da parálise. En 2017, por exemplo, a Vicepresidencia e Consellería da Presidencia agregaba que, non obstante, estaba a "reforzar" o persoal encargado desta tarefa para evitar novas demoras. A Xunta tamén sinalaba daquela que, non obstante, seguía existindo a posibilidade de que calquera persoa que o desexase puidese solicitar, ao abeiro da lei de transparencia, unha copia dun convenio concreto.
Ante algunhas desas solicitudes de convenios concretos, a Xunta deu en entregalo á persoa solicitante, pero noutras ocasións optou por publicalo directamente no sitio web público do rexistro tras demorar meses esa publicación. Todo isto sucede cando xa transcorreron máis de cinco anos dende que o propio Executivo de Alberto Núñez Feijóo comezase a tramitar o que ía ser o novo decreto para regular o Rexistro de Convenios, que polo momento segue pendente de aprobación.