Segundo o Goberno galego, a proposta do galardón, que o DOG atribúe ao propio Santiago Villanueva, partiu dun sindicato policial que soubo da súa intervención persoal en apoio dunha patrulla da policía autonómica
A Xunta vén de outorgar este venres, coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), as súas medallas e distintivos honoríficos a axentes da unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á comunidade, a coñecida como policía autonómica, e a persoas que colaboraron con ela dun xeito especial. Entre estas últimas distincións honoríficas outorgadas pola Xunta figura o seu propio director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva.
Segundo o Goberno galego, a proposta do galardón, que o DOG atribúe ao propio Santiago Villanueva, partiu inicialmente dun sindicato policial que soubo da súa intervención persoal en apoio dunha patrulla da policía autonómica durante a evacuación dun cámping afectado polo incendio do Barbanza do pasado mes de agosto. Villanueva, que foi delegado do Goberno de España en Galicia, negouse en 2018 a comparecer no Parlamento de Galicia na comisión de estudo sobre os incendios forestais.

A Xunta outorga cruces aos axentes da policía autonómica ou distincións honoríficas ás persoas que colaboran con ela por actuacións salientables, galardóns que non inclúen ningunha pensión por parte das arcas públicas. Só as cruces a axentes por permanencia de moitos anos no servizo se teñen en conta a efectos de complementos salariais.
En 2018, cando era delegado do Goberno de España, Villanueva negouse a comparecer na comisión sobre os incendios creada no Parlamento de Galicia
A Orde pola que a Vicepresidencia Segunda, con Diego Calvo á fronte, outorgou este venres os seus últimos galardóns indica que se fai “de conformidade coa proposta efectuada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior”, que ocupa Santiago Villanueva. E o propio Villanueva é un dos recoñecidos cunha distinción honorífica.
Segundo o Goberno galego, a proposta orixinal partiu dun sindicato policial que foi coñecedor da actuación de Villanueva no incendio do Barbanza a través do recollido no atestado da intervención dos axentes. Segundo esa versión, Villanueva e un comisario participaron en persoa na evacuación urxente dun cámping en Ribeira en apoio dunha patrulla da Policía Nacional e doutra da policía autonómica, nunhas condicións de emerxencia polas proximidades das lapas, din fontes oficiais da Xunta.

O Goberno galego salienta que boa parte dos galardóns outorgados desta volta débense a actuacións policiais relacionadas cos incendios do pasado verán.
Villanueva, que xa foi director de Emerxencias da Xunta entre 2009 e 2014, foi entre 2014 e 2018, antes de volver ao executivo galego, delegado do Goberno de España en Galicia. Naquel posto de máximo responsable en Galicia dos corpos policiais do Estado Villanueva negouse a comparecer en 2018 na comisión de estudo sobre os incendios que estaba aberta no Parlamento de Galicia.
