A Xunta convocará ás portas do 12X as axudas por redución de xornada para coidar menores de tres anos, que centra nos homes

As nais e non os pais seguen sendo maioritariamente as que se reducen a xornada laboral para coidar dos fillos e fillas CC-BY-SA Xunta de Galicia

Atribúe á paralización polo coronavirus o atraso a respecto de anteriores convocatorias. O pasado ano concedeu 340 e denegou 386, a maioría porque as nais que as solicitaron tiñan parella e só están contempladas para pais ou familias monoparentais

En 2007 a daquela vicepresidencia da Igualdade, a cargo de Anxo Quintana, creou unha axuda por redución de xornada para coidar de menores de 3 anos coa que a Xunta compensa parte do soldo que se deixa de percibir do empregador. Desde aquela están destinadas fundamentalmente a homes, e as mulleres só as poden obter no caso de familias monoparentais. Maio foi a data tope de convocatoria desas axudas cando menos desde 2014, e nalgunha ocasión chegaron a lanzarse mesmo en decembro do ano anterior, pero este ano, malia as dificultades de conciliación que está a provocar o coronavirus, a propia Xunta admite o atraso e asegura que “está previsto convocalas nun mes aproximadamente”, ás portas das eleccións do 12 de xullo. Unhas axudas que nunha anterior convocatoria xeraron polémica polas dificultades de conciliación que ía provocar un dos seus trámites malia estar pensadas precisamente para facilitar a conciliación.

A Xunta, que aínda non concretou as outras axudas anunciadas para paliar o peche das escolas infantís, que afecta á mesma franxa de idade ata os 3 anos e que en principio suporá unha reforma do complexo Bono Coidado xa existente, argumenta que a demora nas axudas á redución de xornada débese á paralización de prazos administrativos decretada co estado de alarma, malia que hai semanas que vén retomando a tramitación doutros moitos procedementos con menor efecto paliativo das dificultades creadas ás familias polo coronavirus. Neste caso, a axuda autonómica complementaría parte do soldo que se deixa de percibir de xeito proporcional á redución de xornada pola que opte un traballador, reducións que veñen de ser facilitadas polo Goberno central para os traballadores e traballadoras con dificultades de conciliación pola situación actual.

O 20% das nais pide redución de xornada por coidado de fillos, fronte ao 3% dos pais, relación que as axudas da Xunta orientadas a homes apenas conseguen variar

A redución de xornada por coidado de fillos, pedida maioritariamente polas mulleres (o 20% fronte ao 3% dos homes, segundo o Instituto Nacional de Estatística), permite que un traballador ou traballadora cun neno ou nena menor de 12 anos elixa a porcentaxe de xornada que quere deixar de traballar ata un máximo do 50%. Deixa de ingresar esa mesma porcentaxe de soldo, pero durante dous anos o Estado segue cotizando por esa persoa o 100% do que viña cotizando ela. A axuda da Xunta, contemplada para eses casos pero só para pais de nenos menores de 3 anos, non é unha porcentaxe do soldo senón un ingreso fixo que permite compensar parte dese soldo que se deixa de percibir e que o pasado ano foi desde os 1.700 euros ao ano para proxenitores fillo e cunha redución de xornada de entre o 12,5% e o 25%, ata os 3.700 euros ao ano para redución de entre o 37,5% e o 50% da xornada.

O obxectivo declarado das axudas é “fomentar a corresponsabilidade e impulsar así o cambio dos roles diferenciados entre mulleres e homes, implicando a estes últimos na atención e coidado dos seus fillos e fillas”

As axudas, que agora tramita a Secretaría Xeral de Igualdade con fondos europeos, manteñen desde a súa creación en 2007 o argumento de que son unha medida para “fomentar a corresponsabilidade e impulsar así o cambio dos roles diferenciados entre mulleres e homes, implicando a estes últimos na atención e coidado dos seus fillos e fillas”. Isto é, como as mulleres son por ampla maioría as que se reducen a xornada para coidar de fillos e fillas, as axudas da Xunta están enfocadas aos homes -ou ás familias monoparentais- para incentivalos a que tamén eles se reduzan a xornada. Porén, as axudas outórganse ata un límite máximo que o pasado ano foi de 750.000 euros e obrigan a que os interesados primeiro se reduzan a xornada e despois queden á expectativa de estar entre os elixidos que recibirán ou non a axuda. Ademais, unha vez outorgada, a axuda non se cobra ata o remate do ano, nun único pagamento tras xustificar novamente a efectiva redución de xornada, proceso para o que en 2018 a Xunta fixou un único día e despois rectificou.

Aviso aos beneficiarios das axudas en 2018 de que só tiñan un día para tramitalas e responsables de Igualdade da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Malia haber en Galicia uns 40.000 nenos e nenas con menos de 3 anos, o pasado ano as axudas só chegaron a 340 familias, a maioría para homes

Na práctica o resultado é que o pasado ano, malia haber en Galicia uns 40.000 nenos e nenas con menos de 3 anos, a Xunta concedeu 340 axudas para reducir a xornada para coidalos, a maioría a homes, e denegou 386, a maioría porque as nais que as solicitaron non cumprían co requisito de ser familia monoparental. Tanto as solicitudes como as denegacións evidencian que as mulleres seguen a ser as que se reducen maioritariamente a xornada por coidado de nenos malia que non teñan axudas que complementen o seu soldo, mentres que os homes maioritariamente non se reducen a xornada nin con axudas.

Para a convocatoria deste ano, que a Xunta asegura que sacará nun mes, o Goberno galego non prevé facer cambios a respecto da orientación xeral das axudas dirixidas maioritariamente aos homes e só avanza que flexibilizará os requisitos de días de traballo ininterrompidos para que non se vexan afectadas as persoas que ademais de reducir a xornada se puidesen ver implicada nun ERTE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.