A Xunta corrixe un mes despois "erros" na reforma para impulsar vivendas protexidas que impedían aplicala

Corrección de erros da reforma legal en materia de vivenda protexida aprobada pola Xunta en decembro CC-BY-SA Praza Pública

Tras anos coa política de vivenda baixo mínimos, o Goberno galego incluíu na lei ómnibus dos Orzamentos medidas para facilitar solo que resultaron incoherentes con elas mesmas

Tras anos de política de vivenda baixo mínimos, o Goberno galego leva varios meses impulsando diversas medidas para facilitar a construción de máis pisos con algún tipo de protección pública. Entre outras, incluíu na lei de acompañamento dos Orzamentos para este ano, unha lei ómnibus coa que cada ano vén mudando todo tipo de normas previas cun debate acelerado, diversas medidas para facilitar solo no que poder desenvolver vivendas protexidas. Esa lei entrou en vigor o 1 de xaneiro, pero este venres, algo máis dun mes despois, vén de corrixila por "erros" na súa redacción que impedían na práctica a súa aplicación.

A lei ómnibus aprobada en decembro, publicada no Diario Oficial de Galicia o 31 dese mes e que está en vigor desde o 1 de xaneiro introduciu medidas para que a Xunta poida "promover e desenvolver actuacións de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública". Fíxoo "co obxecto de atender as necesidades urxentes de solo residencial". 

Pero no articulado desa norma cometéronse varios erros, facendo referencia nalgúns puntos a artigos previos que non eran os que se querían citar realmente, o que na práctica fíxoa inaplicable. E iso é o que se corrixe agora coa publicación este venres no DOG dunha "corrección de erros".

A norma condicionaba medidas en materia de vivenda a artigos previos que non falaban de vivenda senón de educación ou industria

Entre outros erros, a norma aprobada en decembro dicía que o Instituto Galego da Vivenda e Solo seleccionaría para impulsar o solo residencial en cuestión áreas urbanas que cumprisen os requisitos sinalados nun artigo previo, o 44, que non falaba para nada de cuestións urbanísticas ou de vivenda senón que mudaba as competencias dos claustros do profesorado nos centros educativos. Así que agora a corrección de erros remite a outro artigo, o 62, que si fala de requisitos en materia de vivenda como que exista unha forte demanda de vivendas ou que as actuacións urbanísticas a impulsar teñan interese supramunicipal.

Noutro punto a norma condicionaba a autorización da edificación das novas vivendas ao establecido noutro artigo, o 56, que regula o censo do solo empresarial de Galicia. E agora a corrección de erros remite a outro artigo, o 74, que si fala de que as novas vivendas non dependerán de licenzas urbanísticas municipais.

Eses e outros erros similares impedían a aplicación práctica da norma que entrou en vigor hai un mes e que agora é corrixida. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.