A Xunta critica a denuncia pola que está imputado o seu director forestal, formulada pola Fiscalía

Fernández-Couto, coa conselleira do Medio Rural na presentación dunha campaña recente contra os incendios © Xunta

“Van volver a denunciar agora?”. Así retou este martes a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, a quen critica que o director xeral de Política Forestal, Tomás Fernández-Couto, estea imputado no marco dunha instrución xudicial por presuntas irregularidades na contratación de helicópteros contra incendios coa empresa Inaer. O Goberno galego -Vázquez reproduce agora un argumentario que xa verbalizou a pasada semana o propio presidente Feijóo- tenta empregar a situación de emerxencia vivida na vaga de incendios do pasado 15 de outubro para desacreditar a denuncia que deu orixe a esa investigación e que foi presentada pola propia Fiscalía.

O Goberno galego presenta a Fernández-Couto como unha vítima da Xustiza e equipara a situación de emerxencia do pasado 15 de outubro coa decisión tomada na primavera de 2012 de que Inaer operase sen contrato

“A instrución iniciouse tras unha denuncia presentada pola Fiscalía no ano 2013”. Así certificou a pasada semana o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) como se iniciou a investigación xudicial despois de que o ministerio fiscal vise indicios suficientes de delito na alerta que lle formulara previamente a CIG. Indicios que se viron referendados tras un informe do Consello de Contas que certificou que en 2012 os helicópteros de Inaer operaron para a Xunta “sen a preceptiva cobertura contractual”, ademais doutras varias irregularidades. Porén, a estratexia do Goberno galego pasa por presentar a Fernández-Couto como unha vítima da CIG, da Fiscalía ou mesmo do Xustiza en xeral. Ata o punto que a pasada semana o presidente Feijóo lamentou que “é moi difícil de explicarlle á familia dun alto cargo que se ve envolto en ter que declarar no xulgado como consecuencia de ter que cumprir co que el ou eles consideran que era o seu deber de urxencia”, unha frase que pon tamén o foco no xuíz instrutor que o chamou a declarar como investigado.

O argumento empregado tanto por Feijóo como pola conselleira é que non se pode criticar á Xunta por falta de medios na loita contra o lume e denunciar aos responsables autonómicos por contratar máis recursos, como fixeron cos helicópteros. Este martes a propia conselleira equiparou a súa decisión de prorrogar os dispositivos de extinción de incendios durante as últimas semanas coas decisións tomadas polo equipo da súa antecesora, Rosa Quintana, que están detrás da investigación xudicial en curso. Porén, a propia Xunta é a que vén argumentando que a situación da última vaga de lume foi “extraordinaria”, mentres que en 2012 non había ningunha situación de emerxencia cando na primavera a Xunta decidiu que Inaer seguise a operar sen contrato, segundo constatou o Consello de Contas.

As críticas contra a denuncia que orixinou a imputación de Fernández-Couto poñen en dúbida o traballo da fiscal do caso, a mesma á que Feijóo eloxiou cando investigou a denominada "trama agraria" contra o PSdeG

As críticas que o Goberno de Feijóo lanza contra a denuncia que orixinou a imputación de Fernández-Couto poñen en dúbida o traballo da fiscal do caso, Fuencisla Ladrón de Cegama. Porén, é a mesma fiscal á que  Feijóo eloxiou cando foi a encargada de investigar a denominada “trama agraria” que o PP vía como fonte de financiamento ilegal do PSdeG e que acabou arquivada por falta de probas.

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, este martes nun almorzo informativo Dominio Público Xunta de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.