A Xunta desbota eólicos en Xove porque hai moitos e autoriza unha liña eléctrica na Serra do Faro que podería achegar lobos ás casas

Exemplares de lobo ibérico CC-BY-SA Juan José González Vega

Medio Ambiente di que as obras dunha conexión de 18,8 quilómetros polos concellos de Cea, Piñor, Dozón e O Irixo "podería provocar o desprazamento da especie a núcleos de poboación"

A Consellería de Medio Ambiente fixo públicas este luns varias declaracións de impacto ambiental de diversos proxectos de parques eólicos e liñas eléctricas de evacuación da enerxía. Entre as súas decisións hai dúas que consideran inviables dous parques eólicos nos concelos de Xove, Viveiro e Cervo polo seu efecto barreira sobre as aves sumados aos aeroxeradores xa instalados na contorna. A decisión faise pública catro días despois doutra coa que Medio Ambiente rexeitou outro parque na Pastoriza polo seu impacto sobre o miñato real tras propoñer a empresa promotora crialos en catividade no caso de colisións.

Resolución de Medio Ambiente que autoriza a liña de alta tensión entre a Serra do Faro e O Irixo CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta, pola contra, considera viable unha liña eléctrica de 18,8 quilómetros para conectar novos parques eólicos da Serra do Faro cunha subestación eléctrica no Irixo a través dos concellos de Cea, Piñor e Dozón. A liña autorízase malia que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural advertiu de que "a execución das obras podería provocar o desprazamento da especie, achegándose a núcleos de poboación". 

No caso dos eólicos na contorna de Xove e Viveiro, Medio Ambiente lembra que "boa parte" desa zona "ten os aeroxeradores situados dentro da Rede Natura 2000", polo que desbota dous novos proxectos

No caso dos parques eólicos rexeitados, os dous de Naturgy e moi próximos, denominados Caroliño (en Xove e Cervo, con 9 aeroxeradores) e Pequecho (en Xove e Viveiro, con 6 aeroxeradores), a Dirección Xeral de Patrimonio Natural valorou que na contorna xa hai numerosos parques eólico. "Boa parte" desa área de desenvolvemento eólico, engade, "ten os aeroxeradores situados dentro da Rede Natura 2000", polo que "este espazo veríase seriamente agravado coa construción tanto do parque eólico Pequecho, como Caroliño". 

Así que Medio Ambiente conclúe que os novos proxectos sumarían "un efecto sinérxico, principalmente de tipo baleiro e/ou barreira sobre a avifauna, incompatible coas necesidades destas poboacións" de aves.

Aeroxeradores no norte de Lugo CC-BY-SA Praza Pública

Canto á resolución ambiental sobre a liña de alta tensión entre os novos parques eólicos da Serra do Faro e O Irixo, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente considéraa viable nunha resolución que revela unha advertencia doutro departamento da mesma consellería, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a respecto das poboacións de lobo. O documento sinala que "a totalidade do trazado da liña de alta tensión discorre pola clasificada como zona 2 (con densidade intermedia de lobo ibérico) do plan de xestión" desa especie. Por iso, di, "a execución das obras podería provocar o desprazamento da especie, achegándose a núcleos de poboación". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.