A empresa, na que é directiva a ex-conselleira Beatriz Mato, advertiu á Xunta e o funcionariado implicado na avaliación do proxecto de "accións legais" se lle negaban o permiso ambiental, como vén de suceder
A Consellería de Medio Ambiente publicou no Diario Oficial de Galicia deste xoves a súa declaración de impacto ambiental desfavorable dun parque eólico dun aeroxerador que Greenalia quería instalar en A Pastoriza. A Xunta considera que a instalación tería un impacto negativo sobre a poboación de miñato real, ante o que a empresa propuxo "en caso de colisión, a reintrodución de exemplares criados en catividade ou procedentes dos centros de recuperación de fauna", medida desbotada pola consellería.
Greenalia, empresa da que é directiva Beatriz Mato, ex-conselleira de Medio Ambiente, tamén advertiu á Xunta de que se reservaba "accións legais" e "exixencia de responsabilidade" á administración "así como ás autoridades e persoal" ao seu servizo polos prexuízos que lle poida derivar a negativa.
Segundo a resolución agora feita pública e asinada pola directora xeral de Calidade Ambiental, o parque eólico Graxón, impulsado por Greenalia, tería un único aeroxerador de 6,6 MW instalado na Pastoriza. Durante a tramitación ambiental do proxecto a Dirección Xeral de Patrimonio Natural advertiu de que no lugar de emprazamento estaba rexistrada a presenza de flora e fauna incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, especialmente do miñato real (Milvus milvus), "especie catalogada en perigo de extinción" e que "ten unha probabilidade elevada de chocar" con aeroxeradores.
Ante ese primeiro informe de Medio Ambiente a empresa promotora contestou con diversas alegacións. Entre elas, di a Xunta no documento agora feito público, Greenalia "manifesta o seu compromiso de implantar, como medida, en caso de colisión, a reintrodución de exemplares criados en catividade ou procedentes dos centros de recuperación de fauna".
A Xunta respondeu á empresa reiterando "sen xénero de dúbidas a inadecuada elección" do emprazamento "non existindo medidas de mitigación ou compensación adecuadas"
Segundo Medio Ambiente, nas súas alegacións a empresta tamén "manifesta que se ve na obriga de poñer en coñecemento do órgano substantivo [a dirección xeral], que se reserva as accións legais que en Dereito correspondan ante os danos e prexuízos que se lle puideran chegar a causar a resultas da negativa a proceder en sentido do solicitado, e reclamar, chegado o caso, á mesma, a exixencia da responsabilidade patrimonial desa Administración, así como ás autoridades e persoal ao servizo das Administracións Públicas por todos os danos que se poidan derivar.
A resposta da Xunta ás alegacións da empresa foi reiterar "sen xénero de dúbidas a inadecuada elección da posición elixida do aeroxerador". Medio Ambiente insiste en que "a valoración negativa do proxecto ten o seu fundamento na presenza constatada de Milvus milvus (especie catalogada en perigo de extinción)" e conclúe que "non existindo medidas de mitigación ou compensación adecuadas, o proxecto é incompatible coa preservación desta especie".