A Xunta é condenada tras quitar unha pensión de 380 euros a unha muller por ter outra de Venezuela que non lle pagaban

Concentración en Vigo de pensionsitas venezolanos para reclamar as súas prestacións © APEJUVEG

Un xulgado deu a razón á afectada e Política Social recorreu ante o TSXG, que insiste en que debe contar os ingresos reais, non os “hipotéticos”, e en que era “notorio” que a comezos de 2016 deixaran de ser cobradas as pensións venezolanas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar a Consellería de Política Social da Xunta por quitarlle a unha muller en 2018 unha pensión non contributiva de 380 euros e mesmo esixirlle a devolución de preto de 6.000 euros xa cobrados co argumento de que tamén tiña recoñecida unha pensión de Venezuela. O tribunal di que a administración debe ter en conta non os ingresos “hipotéticos” aos que ten dereito a cidadanía senón os reais, e que “é notorio” que Venezuela deixara de pagar as súas pensións a beneficiarios residentes en España a comezos de 2016. De feito, ducias de persoas afectadas manifestáronse no seu momento porque deixaran de cobrar as súas prestacións venezolanas pero as administracións españolas non lles recoñecían o dereito a outras axudas.

O TSXG cita unha sentenza do Supremo que incide en computar os ingresos reais, non os hipotéticos, e lembra que era "notorio" que desde 2016 Venezuela non pagaba as súas pensións CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, a muller afectada, nacida en 1943, residiu en Venezuela varios anos e volveu á súa vila natal en Galicia en 2007. En 2017 solicitou e obtivo unha pensión de xubilación non contributiva de 380. Pero en xullo de 2018 a Consellería de Política Social quitoulla “por superar os recursos persoais o importe anual vixente da pensión por ter recoñecida pensión de xubilación por Venezuela que ten a consideración de renda computable”.

A Axencia Tributaria, o banco e unha traballadora social certificaron que a muller non cobraba a pensión venezolana, pero a Xunta insistiu en quitarlle a súa prestación e agora o TSXG ratifica a súa condena e di que a proba era "contundente"

Isto é, a Xunta considerou que a suposta pensión venezolana facía que a muller cobrase máis do que podía para ter dereito á pensión non contributiva. E mesmo lle reclamou o reintegro de preto de 6.000 euros “por importe cobrados indebidamente” durante 2017 e 2018.

A muller presentou unha reclamación administrativa que a Xunta desestimou en novembro de 2018 e a afectada tivo que recorrer á xustiza ordinaria. Nela un xulgado do Social estimou a comezos do pasado ano a demanda da muller e condenou á Xunta a restablecer o cobro da pensión non contributiva e a exonerala de devolver o xa cobrado. Fíxoo amparándose en que tanto o banco no que tiña domiciliada a pensión venezolana como a Axencia Tributaria certificaron que non recibira ningún pagamento, así como nun informe da traballadora social do seu concello indicando que nin a muller nin o seu marido “dispoñen de ingreso algún”. Pero o Goberno galego non desistiu e recorreu ante o TSXG.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

A Xunta argumentou no seu recurso que non “consta” a “extinción” da pensión venezolana, cuestión que a muller debería comunicar. Pero o tribunal di que o xulgado de primeira instancia tivo suficientes elementos de proba para constatar de xeito “contundente” que a muller non percibía a pensión venezolana “desde abril de 2016”. 

Ducias de persoas manifestáronse porque deixaran de cobrar prestacións venezolanas pero administracións españolas non lles recoñecían outras axudas

O TSXG tamén lembra que o Tribunal Supremo estableceu que “non poden computarse os ingresos hipotéticos carentes de efectividade práctica porque soamente os ingresos reais permiten atender as necesidades do beneficiario”. E salienta que o caso ao que se referiu o Supremo era tamén dunha persoa “que igualmente deixara de percibir a súa pensión venezolana a principios de 2016, como é notorio que ocorre desde aquela aos beneficiarios que residen en España”. 

A sentenza agora emitida polo TSXG vén sumarse ás protestas que persoas retornadas de Venezuela comezaron a organizar cando deixaron de recibir as súas pensións daquel país e, ao tempo, a Xunta denegoulles prestacións como a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) ou pensións de diverso tipo co argumento de que tiñan outros supostos ingresos recoñecidos pero que realmente non estaban a cobrar.

Resolución coa que a Xunta retirou unha pensión de invalidez co argumento de que a persoa tiña outra prestación de Venezuela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.