A Xunta estendeu ata 2025 o acordo que permite á multinacional estadounidense Medtronic actuar en hospitais do Sergas

Fragmento da documentación do novo convenio con Medtronic, sobre unha imaxe de Feijóo e o conselleiro de Sanidade visitando a ampliación das urxencias do CHUS no outono de 2020 CC-BY-NC-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza.gal

Entre 2016 e 2017, o Servizo Galego de Saúde asinou media decena de convenios coa filial española de Medtronic, unha multinacional estadounidense especializada en "tecnoloxía, servizos e solucións médicas". Un deles atinxía ao conxunto de hospitais públicos galegos e outros catro cinguíanse especificamente aos complexos hospitalarios de Vigo, Santiago, A Coruña e Lugo. Todos, co obxectivo xenérico de "incrementar a calidade asistencial e eficiencia operativa das unidades asistenciais".

As cláusulas xerais daqueles acordos foran feitas públicas, pero non así o contido concreto de cada un eles, especificado en anexos que a Consellería de Sanidade, daquela dirixida por Jesús Vázquez Almuíña, se negaba a divulgar. Mesmo transgredindo a lei de transparencia e aínda que a propia Medtronic non puxera "impedimento" para revelar o contido dunha relación que se vai estender cando menos ata o ano 2025.

Acordos entre o Sergas e Medtronic vixentes no momento da sinatura do novo convenio marco e reflectidos nel CC-BY-NC-SA Praza.gal

Como informou Praza.gal, na parte oculta dos pactos figuraban aspectos como que a sanidade pública achegaba cartos e persoal para o desenvolvemento dos convenios, que sobre o papel non tiñan dotación económica porque non existía un pagamento do Goberno galego á empresa. Ademais, daba a Medtronic -que achegaba aos hospitais maquinaria "exclusivamente para servir os fins deste acordo" e unha ampla marxe de actuación nos centros, onde pasou a estar presente un executivo da empresa, da que receaban asociacións de pacientes e sociedades profesionais.

Tras asinar os primeiros convenios con Medtronic en 2016, a Xunta optara por ocultar a parte dos documentos que reflectían que o Sergas puña recursos económicos, materiais e humanos. O novo convenio marco mantén a porta aberta a esa achega

Con este pano de fondo, a Xunta e Medtronic rubricaron un novo convenio marco que estende a súa colaboración alén do previsto inicialmente, toda vez que os catro acordos que aínda tiñan vixentes expiran en 2023. Son os que atinxen á área de cardioloxía do Clínico de Santiago, ás unidades de cirurxía xeral e cardioloxía do CHUAC coruñés e mais a cardioloxía do HULA de Lugo. Ese novo pacto foi asinado o 26 de xaneiro de 2021, pero o Goberno galego incorporouno recentemente á parte pública do rexistro de convenios, que acumula frecuentes demoras e meses de paralizacións.

Sanidade xustifica o seu novo convenio con Medtronic argumentando que "o Sergas pretende potenciar metodoloxías e actuacións orientadas á mellora de resultados na saúde da poboación" galega e que "permitan unha mellora continua da eficiencia operativa" e "maior calidade nas súas unidades clínicas". O documento define a Medtronic como unha "organización activa no sector dos dispositivos médicos e tamén de solucións integrais no sector sanitario" que "desexa continuar desenvolvendo o seu coñecemento e capacidades para ser recoñecida como unha empresa experta en solucións integrais máis alá da súa oferta tecnolóxica".

Documentación do novo convenio marco con Medtronic e referencia ás achegas do Sergas CC-BY-NC-SA Praza.gal

Como sucedera no primeiro pacto de 2016, o novo convenio está redactado de xeito máis ou menos xenérico. Céntrase, di, en "artellar e executar propostas que resulten eficaces para xerar innovación co obxectivo de mellorar os resultados da atención sanitaria" no Sergas, se ben "as actuacións concretas" serán desenvolvidas "a través de programas específicos" en cada hospital, como viña sucedendo ata agora. Neste sentido, os convenios vixentes pasan a "rexerse polo novo" agás na súa duración (para continuar, terán que asinarse de novo).

"O Sergas prestará a súa colaboración a través da cooperación dos seus profesionais, a súa estrutura física e as súas instalacións para dar cobertura ás actividades" pactadas con Medtronic, que no momento da sinatura do novo pacto tiña convenios vixentes nos hospitais da Coruña, Santiago e Lugo

Malia esa escasa concreción, o convenio marco si avanza que o Sergas segue en disposición de achegar recursos económicos, equipamento ou persoal para executar os seus pactos con Medtronic. Así, indica, en cada acordo específico por cada hospital, especificaranse os "compromisos económicos e medios materiais e humanos que requira a actividade, especificando as achegas de cada entidade" e "tendo en conta que as achegas que correspondan ao Sergas e a Medtronic quedarán condicionadas á existencia de dispoñibilidade orzamentaria.

"O Sergas -agrega o convenio marco- prestará a súa colaboración a través da cooperación dos seus profesionais, a súa estrutura física e das súas instalacións para dar cobertura ás actividades" pactadas con Medtronic. O Goberno e a multinacional, non obstante, introducen a matización de que a súa alianza se basea nun convenio porque non inclúe "prestacións (...) que poidan ser susceptibles de contratación administrativa" ou que supoñan "contraprestación económica".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.