A Xunta gábase de que leva gastados 150.000 euros en fomentar a caza desde 2015

A conselleira de Medio Ambiente, ao fondo, asinando o acordo co presidente da Federación Galega de Caza CC-BY-SA Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente achega outros 25.000 euros á Federación Galega de Caza para difundir “o aproveitamento sustentable” da fauna e do medio natural

Non todos os convenios da Xunta con entidades de todo tipo son asinados en actos públicos, pero este xoves a Consellería de Medio Ambiente si decidiu dar relevancia e publicitar a sinatura dun novo acordo coa Federación Galega de Caza para colaborar “na divulgación e fomento da actividade cinexética”. A propia consellería sinala que a achega de 25.000 euros agora asinada forma parte “dunha colaboración que se vén desenvolvemento coa mesma achega desde 2015, polo que desde entón o Goberno autonómico xa destinou un total de 150.000 euros”. 

Cazadores nun monte galego © Federación Galega de Caza

A caza foi unha das principais preocupacións da axenda pública da consellería durante o comezo da pandemia do coronavirus, de cuxo confinamento excluíu aos cazadores. Agora, ao publicitar a sinatura do novo acordo, a Xunta enmárcao no seu desexo de “potenciar e difundir a protección da fauna e do medio natural, así como do seu aproveitamento sustentable, á vez que se resaltan os valores medioambientais”.

Segundo o agora comunicado pola consellería, as campañas de divulgación e fomento da caza “servirán para poñer en valor a caza ou previr a sinistralidade, a través de publicidade, xornadas informativas e distribución de material”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.