A Xunta non recoñeceu como méritos dun profesor dous premios que ela mesma lle outorgara e agora é condenada

Rueda e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha visita a un centro de Formación Profesional especializado en automoción CC-BY-SA Xunta de Galicia

"É difícil de entender que se conceda un premio de innovación e ao mesmo tempo se negue o carácter innovador da actividade", di o TSXG 

"É difícil de entender que se conceda un premio de innovación e ao mesmo tempo se negue o carácter innovador da actividade". Quen así se pronuncia é o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza na que condena a Xunta por non recoñecer a un profesor, entre os méritos que este alegara para acceder a unha praza, dous premios á innovación que lle outorgara a propia Consellería de Educación.

Sentenza do TSXG que censura á Xunta por non valorar como méritos dun profesor dous premios que ela mesma lle outorgara CC-BY-SA Praza Pública

O profesor afectado concorreu a un proceso selectivo de catedráticos de educación secundaria na especialidade de Formación Profesional de organización e procesos de mantemento de vehículos. O proceso contemplaba que "por cada premio de ámbito autonómico, nacional ou internacional ou por cada participación en proxectos de investigación ou innovación no ámbito da educación" o interesado sumaría puntos. E engadíase que eses proxectos premiados puntuaríanse "como proxecto de investigación ou innovación e ademais como premio".

O afectado gañara un primeiro premio da propia Consellería de Educación a proxectos de innovación tecnolóxica e outro primeiro premio de innovación na Formación Profesional. Porén, a consellería, constata a xustiza, "só os valorou como premio e non como proxectos de innovación".

O conselleiro de Educación nun acto sobre capacitación do profesorado de FP CC-BY-SA Xunta de Galicia

O TSXG constata que "o logro dos respectivos premios foi debido ao carácter innovador" da actividade do profesor, polo que esixe valoralos como premios e como actividades innovadoras, como prevía o proceso selectivo

Un xulgado do Contencioso-Administrativo deu a razón en primeira instancia ao afectado, ordenando á Xunta que baremase os dous premios cos dous méritos, e non só con un, pero a Consellería de Educación recorreu. Segundo o Goberno galego, os premios á innovación "non serven para acreditar que estamos ante actividades de innovación ou investigación susceptibles de baremación conforme ás bases" do proceso selectivo. 

Porén, o TSXG ratifica a visión do primeiro xulgado e di que "o logro dos respectivos premios foi debido ao carácter innovador da actividade desenvolvida" polo afectado. "E é que é difícil de entender que se conceda un premio de innovación por un traballo de innovación e ao mesmo tempo se negue o carácter innovador da actividade desenvolvida nese traballo", engade o tribunal.

Polo tanto, os méritos discutidos figuran acreditados tanto na vertente de proxectos de innovación como na faceta de premios", sentenza o TSXG, co que confirma que a Xunta debe ter en conta na súa baremación o dobre de méritos, como reclamaba o profesor.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.