A Xunta ofrece máis cartos a concellos que renuncien a cobrar parte dos impostos municipais

Feijóo e outros cargos, inaugurando un parque empresarial © Xoán Crespo

A política galega está enfocada cara ás eleccións municipais de 2019 dende pouco despois dos comicios galegos do pasado setembro. Así é, cando menos, dende a banda do Goberno e do partido que o sustenta. O propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, lanzou simbolicamente tras lograr a súa terceira maioría absoluta a ofensiva para tentar apañar todo o poder local posible e emendar así o moi duro golpe de maio de 2015. Nesta xa lanzada precampaña dos conservadores galegos encaixan varias das iniciativas da Xunta, que a través do propio presidente e doutros dos seus membros adoita dar en presentar os gobernos locais diferentes do PP, especialmente nas cidades, como obstáculos para a recuperación económica. O movemento máis recente pasa por ofrecer máis financiamento autonómico aos concellos que previamente renuncien a recadar parte dos seus impostos.

Na súa xuntanza da pasada semana o Consello da Xunta abordou un informe sobre "medidas para favorecer a implantación e fixación de empresas en Galicia". Horas antes da celebración da Comisión Galega de Cooperación Local o Executivo galego desvelaba que o seu plan pasa por propoñer que os concellos se "adhiran" a un convenio promovido pola Consellería de Economía que os converterá en Concellos Doing Business en Galicia. Integrarse nesta rede, di o Goberno, permitirá "ter prioridade en diferentes ordes de axudas", como as dirixidas a "parques empresariais, viveiros industriais" ou "eficiencia enerxética" ou dispoñer de servizos adicionais para captar investimentos privados.

O Goberno dará "prioridade en diferentes ordes de axudas" a concellos que asinen o compromiso de "suprimir" ou rebaixar impostos como o IBI

Pero para acceder a estas vantaxes aos municipios esixiráselles unha renuncia previa. Terán que asinar o compromiso de "impulsar medidas como a supresión ou bonificación de impostos municipais", entre os que a Xunta cita especificamente o Imposto de Bens Inmobles (IBI) ou os tributos sobre actividades económicas, construcións, instalacións e obra, así como os cobramentos ligados a licenzas de obra ou apertura. "Do mesmo xeito  proponse ofrecer solo empresarial a un prezo competitivo, cun máximo por metro cadrado e a posibilidade de alugar solo municipal para a instalación de empresas", di a Xunta tras uns anos nos que fracasaron diversos intentos para colocar terreos industriais de titularidade autonómica.

Con este proxecto o Executivo de Alberto Núñez Feijóo procura asentar no ámbito económico e empresarial unha medida xa ensaiada puntualmente noutros eidos. Un dos casos máis recentes produciuse no Concello de Lugo, ao que a Xunta ofreceu equipar o novo auditorio da cidade -construído pola Administración autonómica, pero transferido á local- a cambio de ficar exenta de abonar o IBI por edificios da súa titularidade.

Financiamento insuficiente e alternativas

O plan da Xunta para que os concellos compitan en maior medida por axudas autonómicas en detrimento dos seus propios impostos chega nun momento en que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) defende, tras o traballo ao respecto dunha comisión de expertos, a necesidade de reformular o financiamento local a través de novas leis estatais e galegas. Non en van, a asociación municipalista galega calcula que a fenda de financiamento dos concellos galegos oscila entre uns 40 e uns 50 euros menos por habitante que a media estatal.

Os concellos galegos propoñen un novo marco legal para participar dos recursos da Xunta e reclaman a fin das restricións da 'lei Montoro'

Entre as solucións defendidas polos concellos figura unha que vai xusto na dirección contraria do modelo impulsado pola Xunta. Cómpre, cre a Fegamp, apostar por unha "progresiva desaparición do sistema de subvencións" e substuílo por "transferencias directas con criterios obxectivos de reparto". Entre os exemplos a seguir citan os plans únicos de financiamento aos concellos que impulsan neste mandato as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Outra das liñas propostas polos concellos galegos é unha reforma da alcumada como lei Montoro, que impide aos gobernos locais destinar os cartos que aforran a servizos públicos, toda vez que están obrigados a atender primeiro a amortización de débeda. A esta normativa, que o Ministerio de Facenda di non prever suprimir, unirase nos vindeiros meses a disposición contida nos Orzamentos Xerais do Estado para impedir a integración na Administración do persoal que estea a traballar en servizos municipais xestionados por empresas privadas

Xuntanza da Comisión Galega de Cooperación Local © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.