A Xunta recoloca 48 millóns en gasto social "que non pode demorarse" pero non previra nos orzamentos

Feijóo, nun intre do pleno do Parlamento que aprobou a lei do suplemento de crédito o 7 de maio de 2019 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Na primavera de 2016, en vésperas das eleccións xerais obrigadas pola ausencia de maioría de goberno en España e a apenas medio ano dos comicios galegos, a Xunta creou o concepto "superávit de responsabilidade". Referíase así aos 200 millóns de euros adicionais dos que dispuña despois de que o goberno de Mariano Rajoy afrouxase os límites de gasto para as autonomías que, como Galicia, cumpriran os obxectivos de déficit. Aqueles fondos foran parar, por exemplo, a sufragar o cheque bebé da Tarxeta Benvida ou a minorar as listas de espera do Sergas.

Tres anos despois, e outra volta en pleno rodopío electoral, a Xunta leva semanas axitando o concepto "superávit" e agregándolle tamén, aínda que con menor eco mediático que en 2016, a cuestión da "responsabilidade". Faino para referirse -esta vez si- a que o pasado ano os ingresos da Xunta superaron en 125 millóns de euros aos gastos. Entrou en beneficios. En virtude dos límites impostos polo Goberno de Rajoy, esa cantidade para ser gastada en materias alleas ao pago da débeda precisa unha autorización específica do Goberno de España que, lamenta a Xunta, aínda non chegou -o Real Decreto-Lei do Goberno de Sánchez que permite destinar o superávit a "investimentos sostibles" foi convalidado polo Congreso a principios de abril-.

Os 48 millóns recolocados estaban destinados a pagar débeda de dúas entidades dependentes da Xunta, que agora será afrontada con fondos do superávit logrado pola Administración o pasado ano

O que na contorna do presidente da Xunta chegou a ser eloxiosamente denominado como unha xogada "fermosa" consiste nunha lei aprobada este martes por vía de urxencia no Parlamento que recoloca partidas dos Orzamentos Xerais de 2019 inicialmente destinadas a pagar débeda de dous entes dependentes da Administración Galega: o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e a Sociedade Pública de Investimentos (SPI). En total, 48 millóns de euros para sufragar proxectos maioritariamente de gasto social que non é posible "demorar", segundo indica a propia lei, pero que non estaban incluídos nas contas públicas en vigor dende o pasado 1 de xaneiro. O ano que vén, segundo a Xunta, sairán outros 48 millóns do mesmo lugar. Mentres, o diñeiro do superávit, cando se autorice, dedicarase a pagar débeda do IGVS e da SPI.

Cadro resumo da orixe dos fondos que se recolocan, incluído no expediente da lei. En destaque, o montante total CC-BY-SA Praza Pública

O texto legal aprobado cos votos do PP e abstención de En Marea, PSdeG e BNG distribúe os fondo en tres grupos de proxectos concretos, ningún deles ligado a imprevistos ou causas sobrevidas. O primeiro, dedicado á sanidade (16 millóns), vai parar ao "aumento de prazas de persoal e financiamento de nomeamento da continuidade" en Atención Primaria. tamén para equipamento e reformas nunha vintena de centros de saúde -estes fondos sufriran un intenso recorte dende 2009 e a Xunta anunciou o seu aumento en plena vaga de protestas sanitarias-.

O segundo grupo está dotado con 22 millóns e financiará as obras en centros educativos que adoitan facerse cada verán. Segundo a lei, entre 2019 e 2020 haberá traballos en 40 colexios e institutos. Ademais, tamén financiará "unha nova edición do plan E-Dixgal" de contidos dixitais, xa existente. O terceiro grupo, de 6 millóns, atinxe a Política Social e sufraga obras en centros sociais, de maiores, de discapacidade e de tempo libre. Por último, os restantes 3 millóns financiarán medidas en materia de prevención de incendios aprobadas polo Parlamento en 2018, pero tampouco incluídas ata agora nos Orzamentos de 2019.

Acusacións de electoralismo

Leiceaga: "Recoñecen que a oposición tiña razón, que había poucos recursos para investimento social"

O que o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, defende como un movemento para afrontar gastos "urxentes" e "necesidades dos galegos que non poden agardar" e o PP, por boca de Miguel Tellado, eloxia como un exercicio de boa xestión, para o conxunto da oposición galega é unha mostra de mala planificación salferida de electoralismo. "Recoñecen que a oposición tiña razón, que había poucos recursos para investimento social", afirma o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, para quen "a urxencia" coa que foi tramitada esta lei "só parece ter un obxectivo, que se aprobe antes do inicio da campaña das municipais" para que cargos da Xunta poidan "percorrer Galicia, vendendo" estas obras "para axudar os candidatos do PP".

Lago (En Marea), Leiceaga (PSdeG) e Presas (BNG), no debate da lei sobre o suplemento de crédito o 7 de maio de 2019 CC-BY-NC-SA EM / PSdeG / BNG

Lago: "Só ten a función de conseguir titulares na prensa"

Esta aprobación ás présas, concorda Manuel Lago dende En Marea, "só ten a función de conseguir titulares na prensa" en vésperas do 26M. Pero tamén supón unha primeira "rectificación a dez anos de austeridade", pero como os populares "non se atreven" a admitilo ás claras, "recorren a un truco contable". Cabe "entender" do texto da propia lei, di Lago, que a Xunta e o PP están a admitir pola vía dos feitos que "o ensino ou a sanidade necesitan fondos con urxencia para asegurar o seu funcionamento", isto é, o que a bancada esquerda leva anos reclamando, subliña.

Presas: "É unha modificación de orzamentos por campaña electoral, un proceso trapalleiro do autodenominado goberno do rigor"

Tamén a deputada do BNG Noa Presas resalta que, ao contrario do insinuado pola Xunta nos últimos días, esta "non é unha lei de superávit" nin a "repentina conversión do señor Núñez Feijóo nun superheroe que combate os agravios do Estado na defensa de Galiza". Trátase, simplemente, dunha "modificación de orzamentos por campaña electoral" dun "autodenominado goberno do rigor" que en realidade "non planifica ben". Non existe, daquela, un "maior esforzo" investidor no ámbito social, conclúe Presas. Só un "proceso trapalleiro" que, así e todo, amosa que "hai capacidade de máis investimento" en sanidade, educación e servizos sociais, como di a esquerda, conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.