A Xunta rexeita investigar a xestión como alto cargo de Norberto Uzal, condenado a 20 anos por delitos fiscais

Norberto Uzal, á dereita, nun acto con Rueda cando eran director xeral de Administración Local e conselleiro de Presidencia CC-BY-SA Xunta de Galicia

"Mentres foi director xeral non teño a percepción de que fixese nada en contra da normativa", di Rueda, que non ve "razóns" para revisar o seu traballo se foi condenado por actuacións nunha empresa privada

A pasada semana a Audiencia Nacional fixo pública a condena a preto de 20 anos de cadea por varios delitos fiscais en empresas privadas a Norberto Uzal, que foi director xeral de Administración Local na Xunta entre 2009 e 2013, con Alberto Núñez Feijóo como presidente e Alfonso Rueda como conselleiro de Presidencia e xefe directo de Uzal. Sobre esa condena e posibles actuacións do Goberno galego foi preguntado este luns Rueda, que non ve "razóns" para revisar o traballo de Uzal na Xunta.

José Norberto Uzal, ex director xeral de Administración Local da Xunta de Galicia CC-BY-SA Xunta

O nomeamento de Uzal como director xeral de Rueda en 2009 foi polémico polo seu pasado en Falange, e tras a súa saída en 2013 fixo públicos desencontros con altos cargos do PPdeG, incluído o propio Rueda. Aínda así, foi concelleiro do PP en Rianxo ata 2016. 

Este luns o presidente foi preguntado se confía na xestión que fixo Uzal como alto cargo ou vai investigar as súas actuacións na Xunta agora que vén de ser condenado por diversos delitos no sector privado. Rueda incidiu en que Uzal "hai case 13 anos que xa non traballa na Xunta". "É certo que foi alto cargo no seu momento, e que as cuestións polas que tivo esta condena nada teñen que ver", di o presidente, con aqueles cometidos.

Rueda no Consello da Xunta deste luns, nunha imaxe divulgada polo seu equipo CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

"Non vexo razóns para revisar a labor dunha persoa condenada por cousas que non teñen nada que ver"

"Mentres foi director xeral non teño a percepción, nin a tiven naquel momento, de que fixese nada en contra da normativa", asegura o presidente. "Non vexo razóns para revisar a labor dunha persoa condenada por cousas que non teñen nada que ver", concluíu Rueda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.