A Xunta tarda 10 meses en reabrir a ponte caída entre Ourense e Trives e prevé para 2026 a estrada afundida no Courel en 2022

A ponte da OU-536 entre Ourense e Trives afundida en febreiro abrirá en decembro CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego vén incumprindo tanto na OU-536 como na LU-651 os sucesivos prazos que el mesmo se fixou para recuperar a normalidade

O pasado 26 de febreiro unha ponte da estrada OU-536 que une a cidade de Ourense con Trives afundiu ao seu paso por Xunqueira de Espadanedo mentres a Xunta realizaba nela obras de estabilización dun estribo. Este venres, nunha visita á zona, o delegado provincial do Goberno galego, Manuel Pardo, avanzou que a ponte volverá reabrir en decembro, case 10 meses despois do seu afundimento. 

O viaduto da OU-536 tras o seu afundimento o pasado febreiro © Guardia Civil

Antes desta nova previsión de apertura o Goberno galego foi dando sucesivos prazos de remate dos traballo: primeiro ía ser en xullo, despois ao longo do verán, máis tarde no último trimestre do ano e agora no mes de decembro.

A Xunta tamén ten pendente de reconstruír outra estrada da súa titularidade afundida, a LU-651 que é a principal vía de comunicación do Courel. Afundida en marzo de 2022, ao colapsar unha mina existente baixo ela, a súa reconstrución levará cando menos catro anos. 

A daquela conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a carón da estrada afundida no Courel cando en agosto de 2022 foi posto en servizo un desvío provisional CC-BY-SA Xunta de Galicia

O pasado marzo o presidente Rueda defendeu a "celeridade" do seu Goberno con este tipo de obras

Tras o afundimento da estrada a Xunta habilitou un desvío provisional e a daquela conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, fixaba en setembro de 2022 a previsión de poder licitar as obras de reconstrución a finais de 2023. Porén, foi aínda o pasado setembro, dous anos e medio despois do afundimento, cando a Xunta vén de aprobar o proxecto de reconstrución da vía. Agora o Goberno galego ten que completar os trámites expropiatorios "para poder licitar posteriormente a execución das obras" cun prazo de execución de 12 meses. Isto é, tendo en conta os trámites pendentes, a obra non poderá estar rematada antes de 2026.

Porén, en marzo deste ano o presidente Rueda defendeu a "celeridade" do seu Goberno con este tipo de actuacións.

Ademais da "reconstrución da LU-651" aínda pendente pouco antes de chegar a Folgoso do Courel desde o sur, desde esa localidade cara ao norte veñen acometéndose nos tres últimos anos outros traballos de ampliación da estrada que están a obrigar a reiterados cortes e desvíos do tráfico que afectan especialmente ao transporte escolar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.