A Xunta tarda dous anos en informar ao Parlamento das mortes con Covid en cada residencia en 2020

Residencia DomusVi Barreiro en Vigo, unha das que máis mortes rexistrou con Covid, segundo a Xunta © DomusVi

Tras desvelar Praza.gal as cifras o pasado agosto logo de meses de escurantismo do Goberno galego, agora este envía os mesmos datos á Cámara obviando os dous últimos anos de pandemia

Desde a chegada da pandemia a Galicia hai case tres anos BNG e PSdeG veñen pedindo no Parlamento, como é dereito dos deputados, coñecer o detalle de falecementos rexistrados con Covid en cada residencia do país. Tras poñer todo tipo de obstáculos, agora o Goberno galego vén de remitir á Cámara un listado de falecementos en cada residencia idéntico ao que fixo público Praza.gal o pasado agosto tras unha longa reclamación ao amparo da lei de transparencia. O que agora lle é facilitado aos deputados e deputadas son as mortes rexistradas ata decembro de 2020, obviando os dous últimos anos de pandemia.

Durante as sucesivas peticións de BNG e PSdeG a Xunta chegou a responder, sobre uns datos que obraban no seu poder, que a oposición debía reclamarllos ao Goberno de España. Foi só despois de que Praza.gal lograse publicar o pasado agosto as cifras de falecementos en cada residencia ata decembro de 2020, data na que se solicitaron os datos ao amparo da lei de transparencia, cando os populares aceptaron unha iniciativa da oposición para que a propia Xunta fixese públicas as cifras. O PP acordou cos outros grupos facelo así "antes de que remate 2022", e finalmente o documento non entrou no rexistro do Parlamento ata as 11 horas do venres día 30 de decembro.

Pero malia que varios deputados e deputadas solicitaron o detalle de mortes con posterioridade a decembro de 2020, tanto antes como despois de facer públicos Praza.gal as cifras a esa data, o documento agora remitido á Cámara é exactamente o mesmo que o obtido por este diario. É un arquivo PDF no que non se indican datas de inicio ou fin das cifras computadas e no que se obvian os falecementos con Covid que, aínda que en menor medida, se seguiron rexistrando nos dous últimos anos malia a chegada das vacinas, datos que seguiron sendo reclamados en peticións posteriores de BNG e PSdeG aínda sen resposta.

Comisión de Política Social na que en setembro o PP aceptou finalmente que a Xunta informase das mortes en cada residencia © Parlamento de Galicia

Cando tras dous anos e medio de pandemia o PP aceptou finalmente informar das mortes asegurou que “a opinión pública ten dereito” e que a Xunta “sempre” estivo do lado da transparencia, algo que desmentiu a Valedora do Pobo

Cando o pasado setembro, un mes despois de divulgalos Praza.gal, o PP finalmente aceptou facer públicos os datos, o deputado popular Alberto Pazos manifestou “absoluta vontade de transparencia do Goberno galego, porque a opinión pública ten dereito a coñecer estes datos, estamos convencidos de que en Galicia as cousas se fixeron mellor que na maioría das comunidades autónomas”. 

O popular tamén asegurou que “o Goberno galego sempre estivo do lado da transparencia”. “Consideramos que a transparencia é unha obriga democrática”, sentenciou o deputado do PP malia o longo historial de obstáculos á transparencia por parte do Goberno galego dos que vén deixando constancia a Valedora do Pobo.

A incidencia nas residencias privadas foi case o dobre que nas públicas, con DomusVi como entidade máis destacada

O que revelan os datos avanzados por Praza.gal e agora comunicados ao Parlamento é que durante os primeiros nove meses da pandemia o 53% das 509 mortes rexistradas en residencias ocorreron en centros de DomusVi ou Fundación San Rosendo, máis que a porcentaxe de prazas totais xestionadas por esas dúas entidades. 

Antes de lograr eses datos xerais de todas as residencias, Praza xa obtivera os correspondentes ás residencias de titularidade da Xunta ata xullo de 2021, nas que tamén a incidencia da Covid foi superior en centros públicos cuxa xestión a administración ten adxudicada a DomusVi que no resto. Mesmo un informe oficial encargado pola Xunta á USC constatou que a incidencia da Covid nas residencias privadas foi case o dobre que nas públicas. 

Por outra banda, os datos agora facilitados ao Parlamento de todas as residencias ata decembro de 2020 nin sequera inclúen as cifras da primeira metade de 2021 nas residencias públicas xa divulgadas por Praza.gal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.