A plataforma de afectados polo accidente pide ao presidente Feijóo e ao ministro que “deixen de utilizar os prazos como arma arreboladiza e de inmiscuírse en consideracións técnicas”
A afirmación lanzada este martes polo ministro de Transportes, José Luis Ábalos, de que o presidente Feijóo lle “suxeriu” poñer en servizo antes o AVE coa Meseta cun sistema de seguridade inferior ao que se está a instalar e aínda deberá probar a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria para poder dar unha data de inauguración da liña provocou diversas reaccións. O propio Feijóo aínda non respondeu a esa acusación persoal, pero a súa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, cualificou de “ruindade” a actuación do ministro por “culpar os demais do que fai e non fai”.
As palabras de Ábalos asegurando que Feijóo lle suxerira poñer en servizo os treitos pendentes co sistema convencional ASFA sen agardar polas probas do máis avanzado ERTMS propio do AVE tamén provocaron a reacción da Plataforma de Vítimas de Angrois. Naquel sinistro o ERTMS estaba avariado e o ASFA non foi quen de evitar o accidente. Este mércores a plataforma de afectados do sinistro esixiu “explicacións” a Feijóo polas “graves acusacións” de Ábalos.
"Os réditos políticos seguen por riba da vida das persoas”, lamenta a Plataforma de Vítimas, para a que “non aprendemos nada pese aos 80 mortos e máis de 140 feridos que houbo no AVE Ourense-Santiago"
As vítimas consideran que “os réditos políticos seguen por riba da vida das persoas” e “non aprendemos nada pese aos 80 mortos e máis de 140 feridos que houbo no AVE Ourense-Santiago”. “Queremos lembrar que se o sistema ERTMS estivese operativo en Angrois, tal e como sinalaron os peritos expertos e a UE, non habería 80 mortos”, salienta a plataforma, que pregunta a Feijóo se tamén suxeriu aos ex-ministros José Blanco e Ana Pastor que durante o mandato do primeiro se recortase a instalación inicialmente prevista do ERTMS na liña ata xusto antes da curva de Angrois ou que no da segunda se desconectase tamén o sistema a bordo dos trens Alvia.
Tanto a Feijóo como a Ábalos as vítimas piden que “deixen de utilizar os prazos como arma arreboladiza e de inmiscuírse en consideracións técnicas”.
O Goberno galego di que Ábalos “é especialista en inventar escusas cando se atopa en problemas”
Tras as palabras de Ábalos, o mesmo martes a Xunta tamén criticou que o ministro “é especialista en inventar escusas cando se atopa en problemas”. O Goberno galego asegurou que “as peticións galegas son claras, están recollidas por escrito e non figura un AVE con sistema ASFA”, o convencion e lembra que “hai lugares onde o AVE comezou a funcionar con ASFA para despois introducir o ERTMS”, como o Eixo Atlántico actualmente ou treitos previos da liña coa Meseta, onde aínda non se mellorou o sistema de seguridade, polo que se pregunta se “está insinuando o señor Ábalos que o AVE Atlántico e treitos do AVE a Galicia que está en funcionamento non son seguros”.